Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/01/2025
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, sinalou este venres que Altri "poderá concorrer ás axudas" do Plan de Recuperación, "como calquera empresa", se "cumpre coas esixencias legais e ambientais". "Será tratada como calquera outra empresa", engadiu, para precisar que "poderá concorrer" a esas axudas "se cumpre os requisitos e pode facelo".
Así o sinalou, tras un acto en Santiago, a preguntas dos medios sobre o posible veto do Goberno a dar axudas a esta compañía no caso de que a Xunta autorice a súa instalación. "Sempre mantivemos a mesma postura", respondeu Blanco, lembrando que aínda están "pendentes informes ambientais" en relación á instalación en Palas de Rei, polo que, "polo momento" non é posible "anticiparse a este tipo de resolución e dicir si ou non".
Preguntado polas declaracións do ex presidente socialista Fernando González Laxe que sinalou que unha empresa non pode estar agardando por axudas para instalarse en Galicia, Blanco sinalou non lle corresponde a el pronunciarse ao respecto ou dar a súa opinión persoal, pero destacou que Altri poderá acceder a axudas se cumple cos criterios ambientais.
XUNTA
Pola súa banda, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou que é o Ministerio de Industria o que ten que "descartar ou non" se haberá axudas para o proxecto Altri en Palas de Rei. Nunha entrevista coa Cadea SER, a portavoz de Sumar no Congreso, Verónica Martínez Barbeiro, afirmou que o seu partido "fará todo o que estea na súa man" para "frear" o proxecto e que confía en que "non reciba" fondos europeos. Recentemente, o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, tamén dixo crer que non recibirá financiamento do Estado.
ALCOA
Tamén sobre a industria en Lugo, neste caso na Mariña, o delegado comprometeu a implicación do Goberno central para "loitar" polo mantemento do emprego de Alcoa, a continuidade da actividade industrial e a permanencia desta industria na Mariña, unha área para a que supón "un núcleo principal de empleo e riqueza".
"Creo que imos ser capaces de buscar unha solución", dixo Pedro Blanco en resposta aos medios de comunicación, a quen dixo que a proposta de Ignis EQT que está "encima da mesa" permite avanzar neste sentido. "Están a darse pasos para que esa solución chegue máis pronto que tarde", ratificou.
EÓLICOS
Finalmente, en materia industrial, Pedro Blanco ratificou a aposta do Goberno pola enerxía sustentable e pola enerxía eólica en particular, e sinalou que os proxectos eólicos paralizados polo TSXG debe "resolvelos a Xunta", administración á que "corresponde a súa tramitación".
O Goberno central, subliñou, considera que Galicia "non debe perder esa carreira" e que é "fundamental dar seguridade" aos proxectos e "ofrecer enerxía limpa ás empresas". "Imos ver se canto antes despexamos esta dúbida e permitimos un desenvolvemento normalizado destes plans", finalizou. "Sobre isto hai que manter a mesma postura. Non vale ter unha postura pola mañán e outra pola tarde", apuntou.
¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
Pedro Blanco durante o acto en Santiago.. DELEGACIÓN DO GOBERNO