Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2025
A Libraría Couceiro de Santiago de Compostela acolleu este martes a presentación pública da Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade (ASGADeD), un colectivo que nace co obxectivo de defender un sistema público de dependencia "de calidade" en Galicia. "Aspiramos a ser unha asociación ampla, transversal, onde poden estar todas as persoas que queiran apoiar un sistema público de dependencia de calidade, independentemente da súa cor política, porque canto máis amplo e plural mellor, pero sabendo claramente o que queremos", explicou durante a presentación o médico xubilado Paco Vázquez. Segundo explicou durante a rolda de prensa, trátase dun colectivo formado por un grupo de persoas, de "diversas" contornas sociais e profesionais "preocupados" pola "situación actual" dos servizos públicos de dependencia e discapacidade en Galicia". Neste sentido, Vázquez criticou a "aposta clara" da Xunta por "converter" o sistema público de dependencia galego nun "Sistema de Beneficencia 'Low Cost'".
"SISTEMA DE BENEFICIENCIA 'LOW COST'"
Os argumentos aos que se referiu para cualificar o sistema deste xeito abarcan desde a "baixa intensidade" dos servizos, ás "ridículas" contías das prestacións económicas, ata a "infrafinanciación crónica do sistema". Do mesmo xeito, referiuse á "enorme escaseza" de residencias públicas en Galicia, un feito que cualificou de "especialmente grave" na metade occidental da comunidade. Así mesmo, criticou a "promoción descarada" da prestación económica de coidados na contorna familiar e apostou por un modelo baseado en coidados formais con profesionais "especialmente formados". Así, entre as características principais dos servizos sociais de dependencia que defende a asociación figura que sexan de cobertura universal, estar "adecuadamente" financiados polas administracións públicas, que dispoñan de cocientes de profesionais "adecuados" e que conten cunha calidade "contrastada" nos coidados que prestan aos usuarios, entre outras.
"DETRÁS DOS PAPEIS HAI PERSOAS"
Pola súa banda, Margarida Prieto, nai dunha persoa dependente, aproveitou a súa intervención na rolda de prensa para sinalar a "deterioración" dos servizos de dependencia, así como a "perda" de dereitos e para lembrar que "detrás dos papeis hai persoas". Nesta liña, a nova asociación lembrou nunha nota de prensa que se anunciou que aquelas persoas dependentes que teñen recoñecido o dereito a unha prestación de dependencia e están a esperar por unha praza pública nunha residencia ou centro de día, ou por recibir atención a domicilio, "recibirán unha axuda directa do Goberno galego, da que se descoñece tanto a cantidade como o control da mesma". "Unha esmola máis para cargar os coidados ás familias e desviar a atención", lamentou Prieto durante a súa intervención. Deste xeito, na rolda de prensa tamén criticaron o "pouco" nivel de mobilización social para que este sistema público sexa "mellor".
¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
Nace a asociación ASGADeD co obxectivo de defender en Galicia un sistema público de dependencia "de calidade" / ASGADED