(Vídeo) A cantante galega 'hydn' protesta contra Altri adaptando un tema do novo disco do portorriqueño Bad Bunny

'LO QUE LE PASÓ A HAWAii' fala da privatización dos recursos naturais de Porto Rico cando as illas foron invadidas polos Estados Unidos en 1898, e 'O QUE NON QUIXO PORTUGAL' fala da macrocelulosa que Altri proxecta instalar en Palas de Rei despois de recibir o rexeitamento de Portugal.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 14/01/2025

Unha canción paralizou as redes sociais en Galicia este mesmo luns: 'O QUE NON QUIXO PORTUGAL'. A cantante galega 'hydn' subiu á súa conta de Instagram (@iamhydn) un tema de protesta contra o proxecto que a multinacional Altri pretende instalar no concello de Palas de Rei: unha macrocelulosa cuxo impacto ambiental está avaliando nestes intres a Xunta. 'Queren quitarme o río e tamén a praia, queren os meus camiños e que o teu fillo se vaia; non, non solte-la bandeira nin esquezas o alalá, queren facer contigo o que non quixo Portugal'. Unha fonda reflexión que tocou ás sensibilidades de todos aqueles que escoitaron o tema e que fixo que este fose masivamente compartido por usuarios de todas as plataformas. Dende o Galicia Confidencial preguntamos a 'hydn' sobre o proceso compositivo desta canción e o seu carácter reivindicativo.

Como nos conta, en realidade trátase dunha adaptación dun tema do artista portorriqueño Bad Bunny, 'LO QUE LE PASÓ A HAWAii', incluído no seu último disco, 'DeBÍ TiRAR MáS FOToS', publicado hai tan só uns días, no que protesta pola xentrificación e a privatización dos recursos naturais de Porto Rico cando as illas foron invadidas polos Estados Unidos en 1898. "Cando a escoitei empaticei moitísimo coa letra e tiven a idea de adaptala ao que está acontecendo aquí en Galicia agora mesmo con Altri", asegura 'hydn'. Ademais, explica que "tanto esta canción como as outras incluídas no novo álbum de Bad Bunny baséanse en ritmos máis propios das súas raíces, de Porto Rico, mesturando cousas máis tradicionais con cousas máis urbanas e comerciais, que é algo que tamén eu estou comezando a facer agora", así que "coincidiu todo moi ben e empaticei moitísimo coa canción, polo que o resultado fluíu só".

A canción de 'hydn' non é unha tradución como tal da canción orixinal de Bad Bunny ao galego, senón que foi adaptada, de maneira que hai frases como 'queren quitarme o río e tamén a praia' que si que están na versión orixinal do tema, pero "hai outras que eu modifiquei para adaptalas ao noso contexto", algo que non lle resultou complicado tendo en conta que "por desgraza, o destas inxustizas é un sentir moi universal". Agora, de cara ao futuro, a galega xa ten na mente sacar outros temas de reivindicación social. De feito, confésanos que "xusto o próximo tema que estou preparando vai nesta liña". E é que "cada vez estoume centrando máis xa non só en experimentar ou sacar estes pensamentos máis escuros que todos podemos levar dentro, senón tamén en coller e facer unha denuncia social sobre os temas que vexo que nos están afectando como pobo agora mesmo en Galicia", reflexiona 'hydn'.

A artista non se pon límites dentro do mundo da música. Así, o seu primeiro soño sería "poder chegar a vivir da música, que é algo moi importante dentro dun mundo que está moi precarizado, ao igual que acontece con moitas outras industrias agora mesmo". Pero, a partir de aí, "non me poño límites". "Teño unha canción á que aínda lle queda un tempo para saír, pero que xa teño cantado nalgún concerto deste último ano, que empeza dicindo que 'quero estar na Super Bowl enchendo estadios'", cóntanos, asegurando que é consciente de que "o que importa é traballar e meterlle caña ao que fas, e, no meu caso, sempre aposto porque a música que fago teña unha mensaxe, xa sexa coma neste caso, 'Altri non', ou calquera outra coa que a xente conecte, sempre indo máis aló de cousas superficiais".

A cantidade de mensaxes de apoio que recibiu a raíz da adaptación deste tema desbordou as redes de 'hydn' ata o punto de que "aínda hoxe estou contestando comentarios e mensaxes". E é que, como nos explica, "foi todo moi bonito": "Lembro estar o domingo pola mañá vendo un vídeo no que estaban precisamente denunciando o que conta Bad Bunny na súa canción co seu novo tema de fondo e, ao toque, poñerme diante do ordenador para facer esta versión e subila". Foi todo tan rápido que 'hydn' aínda non tivo tempo para procesalo. "Deime conta de que é moita a xente que empatiza con esta mensaxe e que non quere a Altri", asegura a cantante galega, que destaca que "isto demostra que, ao final, por moito que veñan destruír o que é noso, si temos esa forza como pobo e nos mantemos unidos, podemos lograr moitas cousas, e, neste caso, oxalá se logre de verdade parar o tema de Altri".

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



A cantante galega ydn / HYDN

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.