Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2025
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) expón que sexa obrigatorio que os médicos de atención primaria traballen os sábados pola mañá (naqueles centros que fagan esta quenda) no caso de que a asistencia non se poida garantir cos que se presten voluntarios, que sería a primeira opción. Así figura nunha proposta que o Sergas presentou este martes aos sindicatos, nunha reunión na que asistiron representantes da Xerencia, da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria e da Dirección Xeral de Recursos Humanos.
En concreto, trátase dun encontro do grupo de traballo que ambas as partes acordaron crear na mesa sectorial celebrada o pasado 11 de decembro, co obxectivo de elaborar un proceso regulado e homoxéneo para cubrir os sábados dos servizos de primaria en todas as áreas sanitarias. Como pano de fondo está a implantación, desde este 2025, da xornada de 35 horas para todo o persoal do Sergas, o que obriga a adoptar mecanismos para poder cubrir a xornada do sábado. Esta quenda levará unha compensación económica de 196 euros por sete horas de traballo, máis o incremento retributivo que finalmente se aplique ao longo do ano.
Segundo informa a Xunta nun comunicado, a instrución trasladada este martes ao devandito grupo de traballo contempla que a asignación obrigatoria de quendas en sábado "realizarase só cando o número de voluntarios sexa insuficiente" para garantir a asistencia, dado o "déficit de médicos de atención primaria no Sistema Nacional de Saúde impide aumentar o persoal". Ademais, aos médicos que teña prevista a súa incorporación ou reincorporación ao longo do ano, en primeiro lugar ofertarase a voluntariedade de cubrir esta quenda coa finalidade de reducir o número de sábados asignados obrigatoriamente ao resto de persoal.
UN CALENDARIO CON "PARTICIPACIÓN" DO PERSOAL
Deste xeito, o Sergas destaca que, nos centros de atención primaria que cada área sanitaria determine que prestarán asistencia á cidadanía nas mañás dos sábados, a organización do calendario do persoal "realizarase coa súa participación". Así, tanto médicos de familia con destino en centros de saúde, como facultativos especialistas de atención primaria, pediatras de atención primaria e médicos de familia con destino en puntos de atención continuada (PAC) "poderán manifestar a súa voluntariedade para traballar os sábados pola mañá".
Para iso, de acordo coa instrución proposta, as xerencias das áreas sanitarias habilitarán un prazo de polo menos 10 días naturais para que o persoal manifeste por escrito a súa voluntariedade para traballar nestas quendas, xunto coa súa dispoñibilidade en número de sábados. "O calendario de quendas realizarase sobre a base das propostas dos profesionais e só no caso de non haber suficiente persoal voluntario recorrerase á asignación obrigatoria na medida necesaria e sempre cunha repartición equitativa", asegura o Sergas.
PRIORIDADE Á VOLUNTARIEDADE
Por tanto, a Administración dará prioridade á voluntariedade, "sen prexuízo da debida garantía da cobertura asistencial á poboación". Serán as xuntas de persoal e as comisións de centro, ademais do propio persoal implicado, quen participen na execución do procedemento de voluntariedade. Así mesmo, o seguimento deste procedemento farase na mesa sectorial da sanidade pública e, o último trimestre de 2025, negociarase a aplicación das instrucións para o ano 2026, ademais das súas posibles modificacións.
¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
Centro de saúde en Caldas / Europa Press