O prestixio social, o desapego da mocidade e políticas educativas erradas afunden o galego

Galicia, única comunidade con lingua cooficial onde os mozos teñen competencias na lingua propia "máis baixas". O Consello da Cultura Galega (CCG) tras o informe 'Competencias e usos das linguas cooficiais en España. O galego en perspectiva comparada', un estudo comparativo co que se chama a "intervir de urxencia no ámbito escolar e na transmisión interxeracional".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2025

Consello da Cultura Galega (CCG) publicou o informe 'Competencias e usos das linguas cooficiais en España. O galego en perspectiva comparada', un estudo comparativo que conclúe que Galicia é a única comunidade na que as persoas novas presentan "niveis de competencia máis baixos" e reflicte tamén unha "singular tendencia á baixa" no seu uso por parte dos segmentos poboacionais de menor idade. "A singular tendencia á baixa entre as xeracións máis novas, así como a aparente menor efectividade das políticas educativas en comparación con outras comunidades, subliñan a urxencia de intervir no ámbito escolar e na transmisión interxeracional", conclúe o estudo realizado polo Observatorio da Cultura Galega (OCG) e publicado na web do CCG.

Do seu contido informaron este mércores a presidenta do Consello, Rosario Álvarez; a vicepresidenta, Dolores Vilavedra; e o coordinador do Observatorio, Hakan Casares, durante o acto de presentación dun proceso co que, baixo o título de 'Foro participativo: un país coa súa lingua', a institución cultural aspira a propor medidas "concretas e prioritarias para avanzar na recuperación do vigor do galego". Durante a presentación, os intervenientes coincidiron en que os datos reflicten unha situación "preocupante", pero apostaron por centrarse nunha mensaxe "positiva". Así, a presidenta do CCG subliñou que o galego está "no corazón" dos cidadáns da comunidade e existe un "altísimo afecto emocional" cara á lingua propia, polo que é preciso impulsar un traballo multidisciplinar encamiñado a tratar de reverter a tendencia a falalo menos nos máis novos.

A mensaxe xeral foi que, máis aló das "causas", e a pesar de considerar que o ámbito educativo é "importantísimo", o galego "non se salva só na escola". Por iso, con este foro aspírase a impulsar medidas en distintos ámbitos (aínda que deron por feito que algunha apuntará ás políticas educativas). Na súa concepción, con distintas mesas e relatoras, terá un carácter "complementario" co proceso activado polo Goberno que dirixe Alfonso Rueda encamiñado a tratar de renovar un pacto pola lingua. Dolores Iravedra esgrimiu que os obxectivos son distintos e hai un punto de partida "diferencial": o CCG non ten en conta como base para este proceso o Plan de Normalización Lingüística de 2004, senón que pon a vista en "o futuro".

INFORME

Máis aló do foro, na rolda de prensa detalláronse algúns dos datos do estudo que acaba de publicar o Consello e que se desenvolve en clave comapartiva con outras cinco comunidades con lingua cooficial: Cataluña, Navarra, Comunidade Valenciana, Illas Baleares e País Vasco. Nel destácase que Galicia se sitúa como a comunidade de España con "maior porcentaxe" de poboación competente no uso da lingua oficial, xa que o 92,7 % entende ben o galego; o 83,6 % leo ben; o 83,1 % fálao ben e o 73,3 % escríbeo ben. Pero o propio estudo subliña que estes datos son matizables e apunta, sobre todo, ás xeracións máis novas. Os datos, advirte, "evidencian un patrón de perda interxeracional na capacidade para entender, falar, ler, ou escribir en galego, xa que a mocidade presenta menores competencias que as xeracións maiores, o contrario ao observado no resto de comunidades con lingua cooficial, onde as xeracións máis novas melloran os niveis de dominio de lingua propia".

DIFERENCIAL "NEGATIVO" NA POBOACIÓN ESCOLARIZADA

As conclusións do estudo subliñan que no resto de comunidades analizadas "o nivel educativo ten un impacto máis intenso sobre todas as competencias lingüísticas", cunha progresión "uniforme" en todos os aspectos, especialmente na fala, onde "sempre aumentan co nivel de estudos". Con todo, reflíctese que en Galicia destaca "unha excepción": a porcentaxe de poboación que considera falar ben o galego é "lixeiramente menor" no nivel educativo máis alto (84,2%) en comparación co máis baixo (86,7%).

Como "achado destacado" na análise comparada sinálase que os datos mostran "unha clara diferenza" nas competencias lingüísticas da poboación galega que aínda se atopa en idade de formación obrigatoria fronte aos escolares doutras comunidades. "En contraste coa competencia lingüística xeral elevada, as capacidades de quen non acabaron os estudos obrigatorios destacan por ser inferiores ás doutros territorios con linguas cooficiais", indícase

"Aínda que non sexa unha afirmación que emane directamente dos datos analizados, este patrón suxire unha menor efectividade das políticas educativas no reforzo do galego, en oposición ao impacto máis positivo noutras comunidades", conclúese, para incidir en que esta "singularidade" axuda a comprender outra cuestión: que Galicia é a única onde os máis novos presentan "niveis de competencia máis baixos", mentres que noutras adoitan ser "precisamente as que mellor dominan a lingua".

"PERDA INTERXENERACIONAL EN CAPACIDADE DE ENTENDER, FALAR E LER"

O estudo ratifica, así, que hai "un patrón de perda interxeneracional na capacidade para entender, falar, ler ou escribir en galego, xa que a mocidade presenta menores competencias que as xeracións maiores, o contrario ao observado no resto de comunidades con lingua cooficial, onde as xeracións máis novas melloran os niveis de dominio da lingua propia".

E se Galicia segue destacando polo uso da lingua propia, ao situarse por encima do resto de territorios analizados, "lixeiramente por diante de Cataluña", e lidera tamén o uso en contextos informais, "no ámbito formal, como o traballo ou a escola, a comunidade galega mostra unha menor implantación". A tendencia xeral en todos os territorios é que o tamaño do hábitat exerza unha influencia significativa no emprego das "linguas cooficiais", ao ser os municipios pequenos os que concentran as frecuencias máis altas. O contraste entre o hábitat rural e o urbano é, en todo caso, "máis acusado" en Galicia que en Cataluña.

Galicia diferénciase así mesmo na análise por recursos económicos. E é que, se se detecta unha clara "relación positiva entre o nivel de ingresos e o uso das linguas cooficiais" na maioría de comunidades, a comunidade galega tamén neste punto mostra "unha excepción relevante, cunha correlación negativa", dado que "os grupos con ingresos máis baixos utilizan o galego con máis frecuencia".

USO DO GALEGO

En relación co anterior, os datos evidencian como o nivel educativo "inflúe no uso das linguas de forma diferente" e Galicia "destaca como unha excepción clara, co maior uso do galego nos niveis educativos máis baixos". Tamén complementa esta idea con que o uso do galego "diminúe progresivamente" entre as persoas criadas nesta lingua conforme se afastan do núcleo familiar, "con caídas marcadas no ámbito laboral e educativa". A este respecto incídese en que a tendencia é "algo máis forte" en Galicia que en Cataluña ou País Vasco, pero neste caso "similar a outras comunidades".

GALICIA "DESTACA" AÍNDA NO USO, PERO HAI "DESAFÍOS"

A conclusión do estudo é que Galicia, na súa liña histórica, destaca en global por presentar usos "relativamente elevados do galego" en comparación con outras comunidades con linguas cooficiais, "especialmente en contextos informais".

No entanto, a pesar dos "elevados" niveis de competencia lingüística, ratifícase que persisten desafíos estruturais e sociais (no estudo apúntase, por exemplo, ao prestixio social) que limitan a normalización da lingua propia da comunidade. "A singular tendencia á baixa entre as xeracións máis novas, así como a aparente menor efectividade das políticas educativas en comparación con outras comunidades, subliñan a urxencia de intervir no ámbito escolar e na transmisión intergeneracional. Ademais, o vícnulo negativo entre o nivel educativo ou ingresos e o uso do galego reflicte unha percepción de menor prestixio social e utilidade da lingua en ámbitos formais e profesionais", conclúe.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Presentación do 'Foro particfipativo: un país coa súa lingua'. / Europa Press

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.