Como vai a cultura? O estado da cultura?
A cultura vai, eu creo que vai ben.
Xa pensei que me ías dicir que vai como unha moto…
Non, non, non. Iso non, pero vai ben. A cultura vai ben. Así o acredita, ademais, o informe sobre 'A situación da cultura galega' do Consello da Cultura, que deixa claro que a cultura galega vai ben en indicadores como os de estabilidade, progresión, dinamismo e moitos outros. Eu creo que a cultura galega leva xa uns cantos anos mostrando un dinamismo, unha vitalidade, unha capacidade de xerar proxectos, de xerar espazos que eu non vira nos últimos anos. Seguramente porque da crise da Covid, que foi un desastre, saiu, sobre todo xa a partir do 22, cun dinamismo moi importante.
Claro, entendo que parte dese mérimo é grazas ao impulso do sector público, e ás axudas que se deron nesa época porque se a cultura vai mellor ou vai peor, depende de todos, do sector público e do privado, administració ns de diferente tipo e os operadores e os axentes privados, non?
Si, pero nese informe hai cifras que indican que é positiva a situación, sobre todo no tema do sector do libro, e no do cinema, de que as cifras son boas. Destacaría moitas máis cifras, entre elas, aumento do gasto das familias, unha maior capacidade das familias para investir recursos en cultura. Isto ten unha parte fundamental, unha parte que permite, funcionar, porque hai unha parte importante da cultura que ten que ver non só co aporte público. Tamén destacaría o tema das exportacións culturais que era un aspecto que sempre estaba moi atrás, que nunca considerabas porque non eran cifras sig nificativas. Agora hai unha tendencia á alza moi positiva.
Falabas do sector do libro, pero que se está facendo realmente polo sector do libro porque dis que vai ben pero non vexo que aumente a lectura en galego?
O libro é unha parte importante das nosa industria cultural, aínda que seguramente en tempos foi máis, tivo máis relevancia dentro do conxunto da industria cultural do que ten agora. Aínda que agora ten unha puxanza enorme, sobre todo, despois da pandemia, porque todo o ecosistema do libro en España e en Galicia se reforzou dunha maneira considerable. Temos empresas editoras que publican, que venden. Temos, autores, temos autoras que teñen unha proxección en Galicia e fora moi importante. No libro inflúen, por suposto, ilustradores, ilustradoras o ámbito da traducción, que onde seguramente temos que reforzar máis. Pero temos unha rede de comercialización que é punteiro en toda España. A segunda rede máis densa de librerías en España está en Galicia. Outro tema moi importante é o sector das bibliotecas. Agora teñen unha estabilidade, unha actividade moi importante, e todo isto configura unha situación que era diferente, a que había. É certo que na crise do ano 2009 o sector do libro sufriu moito, pero hai unha recuperación clarísima.
No caso do sector do audiovisual, o cinema é, se acaso, unha manifestación máis. Evidentemente, a existencia a salas é importante porque, dalguma forma, dálle ao sector audiovisual unha visibilidade, unha proxección a través das salas comerciais, que é imprescindible.
"Temos, autores, temos autoras que teñen unha proxección en Galicia e fora moi importante. E temos unha rede de comercialización que é punteira en toda España"
Ti falas, por exemplo, deses sectores, que efectivamente, o informe do Consello apunta a unha melloría. Pero, insisto, eu falando do libro en galego con editores, con autores, efectivamente, din que se editan máis libros, pero que a circulación dos libros é menor, ou, non chega como antes da pandemia. Que en galego non se vende tanto. Non sei se ti estás de acordo con is?
O galego vende. Outra cousa e que se queira vender máis.
Entón ti cres realmente que o galego vende?
Se o galego non vendese non se publicarían libros E os datos do ano 23 indican que é a maior suba de libros editados en galego dos últimos cinco anos.
Unha cousa que é se editen e outra que circulen?
Pero ti cres que as empresas privadas editan libros para que non se vendan?
E se hai subvencións polo medio para editar?
Aquí subvencionado está todo, tamén os libros. Non creo que os fabricantes de coches que reciben boas subvencións para vender coches fabriquen coches que non se vendan. Aquí todo o que reciben subvencións é para vendelo non para quedar con el na casa porque ao final estás perdendo diñeiro se non o vendes.
Precisamente eu, que coñezo ben o sector dos medios e o subvencionado que están, sei ben do que falo. Vós tedes cifras de venta de libros?
As que nos dan as editoriais e as que están rexistradas. En todo caso, eu non vexo que as empresas editoras galegas perdan diñeiro, que vaian a menos, senón que van a máis. De feito, hai en Galicia, segundo o Consello da Cultura, 16 editoras máis respecto ao ano anterior, do ano 22 estamos en 160 editoras das cales 40 e poucas están confederadas nesa asociación.
En todo caso, o libro en castelán vende máis que o libro en galego, non?
E o libro en inglés máis que o libro en castelán… Evidentemente todos queremos máis e as editoras que editan libros en galego queren vender máis. Agora ben, insisto, aquí a relación entre o producto feito e a súa comercialización é, se non hai esa comercialización, que as empresas editoras de Galicia estarían editando outras cousas e noutras linguas.
Vale, vouche cambiar un pouco a pregunta. Falo de escritores. Algún deles tenme dito que, en Galicia, vivir de escribir en galego é casi imposible. É dicir, hai moi pouca xente que poida vivir de escribir en galego…
E en castelán tamén, en castelán tamén se queixan.
Pero o mercado é diferente...
Totalmente.
Entón, como é posible que se vendan máis libros ou que, digamos, aumente a edición, e un escritor en galego non poida vivir diso exclusivamente. E temos varios casos. De feito hai quen xa dixo públicamente que non podía vivir escribindo en galego…
Pero, a ver, nin todos os escritores poden vivir da súa actividade, nin todas as compañías de artes escénicas poden vivir da súa identidade porque hai moitas compañías de artes escénicas en Galicia e en España. Nin todos os artistas poden vivir da súa arte porque hai moitos artistas e vender resulta complicado. E dicir, ese plantexamento eu creo que é un plantexamento absolutamente erróneo de partida porque, evidentemente, hai xente que pode vivir da súa actividade profesional, pero no seutros casos é máis difícil, e isto pasa en España, pasa en Portugal, e pasa en todos os lados. As actividades creativas, teñen a súa dificultade para poder xerar un volumen de recursos. Agora ben, en Galicia, hai xente vivindo da súa actividade creativa no ámbito literario. Hai, non sei, algúns vinculados tamén co ámbito xornalístico. Pero, claro, exclusivamente, do libro, hoxendía, non sei que escritor en galego, puramente escritor ou escritora vive exclusivamente disto.
Eu se cho digo é porque mo ten comentado algún escritor. Non sei como é escribir en castelán porque o que me interesa é o galego. E agora conecto isto co consumo de cultura en galego e, neste caso, de libros, porque, ao mellor o problema é que non se consume máis libro en galego, ou que as novas xeracións non se sintan identificadas coa lingua galega...
Non creo que sexa un problema de lingua. Aí está o dato, precisamente, do consumo de cultura en galego onde recolle ese aumento exponencial das obras editadas en Galicia e en galego. Hai, unha parte sustancial, en galego concretamente, que é do libro infantil e xuvenil, cun 60% de aumento dos títulos editados. E este tipo de literatura é ata os 16 anos.
Pero isto pode ter que ver cos libros que se recomendan nas escolas…
Polo que queiras, pero, iso si, edítanse. Insisto na idea de antes; se as editoras editan eses libros non é por subvencións. As subvencións son pequenas axudas. E se se editan eses libros é porque os venden, é porque os difunden, porque se piden en ciclos educativos determinados. Aí temos un sector da poboación, o sector da poboación máis pequeno, dos menores de 10 a 6 anos, consumindo o libro en galego.
"Nin todos os escritores poden vivir da súa actividade, nin todos os artistas poden vender as súas obras, pero en Galicia hai xente vivindo da súa actividade"
Pero a min non me saen as contas. E como entón, se esa franxa de idade é na que crece o consumo de libros en galego, iso non se reflicte nun aumento do uso do noso idioma, senón todo o contrario, como recollen os datos do IGE?
Non ten nada que ver. (Nese estudo) son respostas dos pais, son respostas das familias, non dos nenos. Ese dato está ben, está aí. Agora eu non lle dou ningún valor. Así de claro
Entón ti cres que está aumentando o galego entre os máis novos?
Non sei, pero en todo caso, esa enquisa…
Esa enquisa é dun instituto dependente da Xunta de Galicia…
Ti pensas que os cataláns non utilizan os datos de menos de 15 anos?. Os cataláns non utilizan os datos dos menores de 15 anos porque son datos subxectivos, a partir do que opinan as familias. Por iso, a ese dato non lle dou absolutamente ningún tipo de valor. Nada. Para mi non existe xa.
Non, entón cal existe para ti?
Estou xa dicindo que os institutos de estatística non consideran os datos, interpostos. Non os consideran. Sinxelamente, non son datos que se avalíen. Entón, volvendo a isto nos sistemas educativos e ao que te refires, hai un proceso, un investimento moi importante, para a utilización de recursos en lingua galega, tanto de editoriais como de autores, dos materiais que se están elaborando nos centros educativos. E eu creo que aí, xa volvendo ao ámbito do libro, é o que nos interesa. É unha parte importante do que está editando o sector editorial galego. Está destinado a ese público de menos de 16 anos que conforma o que é o libro infantil e xuvenil. Por tanto, aí está claro que se é así é porque ese libro se vende.
Coincido que se vende, pero outra cosa é que iso aumente os lectores en galego, son cousas diferentes, non cres?
Os índices de lectura en galego dos máis novos son bastante altos. Hai un índice de lectura en Galicia que é un 63% e moitos deles son lectores novos. Por iso, non son poucos lectores de galego se ti te refires ao uso da lingua.
Evidentemente, pero unha cousa é coñecer unha lingua e outra practica. Ler nunha lingua é diferente a falar e coñecer ben esa lingua, interatuar nela. Aí participan outras variables diferentes. Por exemplo, tamén os mozos ven moitos vídeos en redes en inglés e iso non quere dicir que dominen o inglés. Pero, volvamos ao cinema, ao cinema “made in Galicia”, que semella que crece, non?
Efectivamente está experimentando un forte apoio por parte da Xunta a determinadas produccións, algunhas delas con bastante éxito.Hai un retorno de toda esa inversión.
En todo caso, e a pesar das axudas, o éxito audiovisual galego, non é só cousa da Xunta…
Non, obviamente. O final é que hai un esforzo colectivo baseado, primeiro, sobre todo, nas productoras e no audiovisual galego, ou que teñen raíz galega, aínda que estean fora, porque desde hai xa uns cantos anos, desde hai 10 ou 12 anos interpretaron perfectamente o que necesitaban para configurarse nun sector competitivo,nun sector estratéxico que foi a cuestión da internacionalización coas coproduccións. Antes vivías nun estado con certo nivel de autarquía onde parecía que todo había que facelo aquí, organizalo aquí e deronse conta de que iso era absolutamente imposible. Que hai que ter músculo para poder afrontar produccións, proxectos audiovisuais potentes. Necesitabas ir fóra, ir a mercados, ir a feiras, ir a festivais e establecer acordos de coproducción. Iso foi un cambio absolutamente cualitativo e cuantitativo, Ademais diso, desde as administracións públicas, desde a Xunta de Galicia tamén coa participación dalgunha medida da Televisión de Galicia mantivernos unha serie de axudas anuais que lle daban ao sector unha certeza. Aquí antes o que había eran moitos proxetos subvencionados, e a maior parte deles nunca chegaban ás salas de cinema ou ás plataformas
Esa é unhas das cuestións que tamén che ía comentar. Efectivamente, había moito, audiovisual subvencionado que quedaba en nada...
Absolutamente.
E aínda hoxe hai filmes que se subvencionan que a súa circulación é mínima…
É certo que non sempre se poda acertar. Os propios produtores, ás veces, plantexan proxectos que son un pouco difíciles despois para circular. Pero antes había moitos proxectos que eran pouco viables. E, aínda así, subvencionábanse. Por iso, chega un momento en que se decidiu reducir o número de proxectos para que fosen proxectos que rematen o ciclo de vida. É dicir, que se estreen en plataformas ou en cinemas e que despois poidan ter máis ou menos percorrido. Logo depende do que ten máis ou menos éxito. Agora, nas comisións de valoración, o que hai son proxectos que están ben armados, que están ben financiados e iso é unha parte fundamental do éxito do audiovisual galego. A seguinte cuestión que xa máis recente e que ten que ver co retorno que ti comentabas é o tema da rodaxe, é dicir, a parte de armar proxectos viables, hai que atraer a rodaxe a Galicia. Levamos tres anos con este tema e está funcionando. Estamos moi contentos de como está funcionando. Galicia neste momento é unha unha comunidade de rodaxes, unha comunidade na que estamos acollendo moitos, moitos proxectos, con, produtoras, con directores e directoras a nivel internacional e ese é o camiño.
"O mundo cambiou moito, non é a Galicia do Xabarín. Xa pasaron 16, 17 anos. Estamos nunha situación radicalmente diferente"
Unha das cuestións, e sei que non depende exclusivamente de ti, é o que vos piden desde a oposición e determinadas entidades, é ter produtos audiovisuais para os máis novos. Produtos como foi o proxecto Xabarín do bipartito. Non cres que habería que ter produtos audiovisuais para o sector máis novo, para intentar atraelo outra vez ao mundo da lingua en galego?
A ver, o mundo cambiou moito, non é a Galicia do Xabarín. Xa pasaron 16, 17 anos. Estamos nunha situación radicalmente diferente. O mundo audiovisual cambiou radicalmente. Agora vivimos nun universo multipantalla, multicanal, multiferramentas, multitodo. Agora mesmo existe, por parte da Corporación de Radio Televisión de Galicia, dunha canle especifica para os máis novos, a canle Picariña. É unha pinga nun océano. Un océano que non podemos balizar. É dicir, calquera neno ou calquera nena de hoxe, cun dispositivo, cun teléfono, cunha tableta, mesmo desde o seu televisor, ten acceso a miles, milleiros de canles. E a través de internet serían casi centos de miles, de contidos, que podes acceder a través dos dispositivos. Entón, isto non é a situación de 20 anos.
Non, non, eu recoñezo que non é a mesma situación…
Polo tanto non podemos repetir un Xabarín
Eu non digo de repetir un Xabarín, senón de repetir un modelo que poida funcionar adaptado aos tempos de hoxe en día. É posible ou non é posible?
Eu creo que o que temos é que seguir tendo contidos propios, que sexan contidos audiovisuais disponibles a través dos medios dixitais actuais. E aí está a Televisión de Galicia. Todos entendemos que ten un papel moi importante. E temos a cale educativa que é unha cale que está aí e que, ademais, é receptora e ávida de contidos tamén dixitais e audiovisuais en galego. Por tanto, contando coa educación, contando cunha plataforma como é a plataforma pública de Galicia, creo que aí estamos alineados perfectamente.
Pero ten que haber contidos en galego?
Claro que ten que haber contidos, pero repetir o Xabarín, eu creo que non é. Hoxe xa temos moitos contidos. Non creo que haxa na historia recente de Galicia un momento con tantos contidos en galego para todo o mundo; os máis vellos e os máis novos.
Eu teño as miñas dúbidas de que funcionen e se consuman?
Como que non se consumen, claro que se consumen. Volvo ao de antes, á cifra do 44% de máis libros infanto-xuvenís publicados en Galicia no ano pasado indica algo. Hai consumo.
E eu repito o de antes tamén. Entón como iso non se reflite nun aumento do uso da lingua galega?
Por exemplo, sendo un producto en galego como comentábamos antes, hai moitas máis variables. É dicir, no uso inflúen moitas máis variables que non é a disponibilidade de materiais, nin tampouco as actitudes.
E de que variables estamos falando?
Estamos falando de moitas variables que como ben sabes, inflúen no uso da lingua por parte dun individuo, por parte dunha familia ou por parte dunha comunidade. Pero para iso temos un Secretario Xeral da Lingua.
Vale, vale, pero ti tamén foches Secretario Xeral de Política Lingüística no seu día…
Claro que podemos falar moito de todo isto, pero creo que non me corresponde a mi falar. En todo caso, por centrar outra vez a idea, eu creo que nunca na historia de Galicia houbo tantos contidos audiovisuais en lingua galega como no día de hoxe e hai, ademais, canles para poder difundilos.
Entón como inflúe isto no uso lingüístico haberá que preguntarlle a Valentín?
Efectivamente esa parte hai que comentala con Valentín ou co conselleiro…