Por que a borrasca Herminia pegou tan forte en Galicia?

Dende o Galicia Confidencial falamos con David Domínguez, creador do portal meteorolóxico RedMeteo, que nos conta que foi o que aconteceu para que Herminia impactase tan fortemente na nosa terra, partindo da base de que "borrascas tan fortes coma esta son totalmente normais e sempre as houbo e as seguirá habendo en Galicia".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 27/01/2025

Son máis dun milleiro as incidencias que deixou a borrasca Herminia ao seu paso por Galicia entre a xornada do domingo e a deste luns. Fortes refachos de vento que arrasaron con todo o que pillaron ao seu paso, dende árbores ata postes da luz; e intensas choivas en forma de treboada que deixaron importantes cortes na subministración eléctrica e na rede de transportes. A cantidade de auga acumulada en cuestión de horas provocou a enchente de varios ríos, como o Xallas ou o Sar, que, aínda a estas alturas, están en alerta por risco de desbordamento. Dende o Galicia Confidencial falamos con David Domínguez, creador do portal meteorolóxico RedMeteo, que nos conta que foi o que aconteceu para que Herminia impactase tan fortemente na nosa terra, partindo da base de que "borrascas tan fortes coma esta son totalmente normais e sempre as houbo e as seguirá habendo en Galicia".

Máis en concreto, David explica que "estas borrascas tan fortes fórmanse debido aos grandes contrastes térmicos que hai no Atlántico". Neste caso, "hai uns días houbo unha onda de frío en Norteamérica moi grande que deixou nevadas ata nas praias de Florida e temperaturas baixo cero en México, e, ese contraste entre o aire frío que baixou dende Canadá cos aires máis quentes da contorna, deriva na formación de grandes borrascas tan explosivas como Herminia", apunta, destacando que "a natureza odia os contrastes, non lle gustan nada, polo que toda esa enerxía que acumula a raíz dos mesmos tena que liberar dalgún xeito, e adoita facelo formando esas grandes borrascas". Pero, aínda con todo o sufrido polo impacto de Herminia en Galicia, o certo é que esta borrasca non pasou preto da Comunidade. "Tanto Herminia como a borrasca anterior, Éowyn, pasaron lonxe de Galicia", asegura David.

UNHA BORRASCA MOI GRANDE TEN DENTRO DA ZONA DE ACCIÓN BORRASCAS MÁIS PEQUENAS QUE PODEN TER IGUAL OU MÁIS IMPACTO LOCALMENTE

Como é posible entón que pasando relativamente lonxe das nosas costas Herminia causase tales estragos, con refachos de vento de máis de 160 quilómetros por hora e choivas acumuladas de ata 165,6 litros por metro cadrado (en Santa Comba)? O creador de RedMeteo explica que, "aínda que o centro da borrasca pasase lonxe de Galicia, o seu radio de acción era tan amplo que fixo que esa corrente de ventos do oeste que normalmente están en latitudes un pouco máis altas hoxe impactase directamente en Galicia, aportándonos toda a humidade e enerxía propia das borrascas". Ademais, a esta treboada perfecta de factores tamén habería que sumar o feito de que "o anticiclón das Azores se atopa débil, máis ao sur do habitual". Así mesmo, David apunta a que, "unha borrasca moi grande ten dentro da zona de acción borrascas máis pequenas, coma unha especie de fillas, que poden ter igual ou mesmo máis impacto localmente falando que a principal, xa que estas si pasan máis preto de Galicia".

Deste xeito, a pesar de carecer de nome, son estas borrascas 'fillas' de Herminia as que verdadeiramente deixaron os fortes ventos e as treboadas localmente fortes en Galicia. E, aínda que a parte gorda dos estragos se produciu o domingo e na madrugada do luns, tamén ao longo de toda a xornada se seguiron rexistrando treboadas que deixaron fortes choivas en moitos puntos da Comunidade, acompañadas de fortes ventos. Agora ben, disto xa non se lle pode botar a culpa a Herminia, pois "hoxe Herminia xa se atopa ao norte das Illas Británicas". Por facer unha comparativa, o que acontece é algo así como cando despois do terremoto principal veñen as réplicas, neste caso provocadas por esas pequenas borrascas asociadas á fronte principal. Entón, que podería ter acontecido se o centro da borrasca Herminia chega a impactar directamente con Galicia? Cales terían sido os estragos? "En realidade, aínda que pasase máis preto e os ventos puidesen ser moito maiores, xa non é a primeira vez que chove menos cando hai unha borrasca moi preto, porque a circulación de ventos do oeste non é de tan longo percorrido como a que temos hoxe", plantexa David.

CHEGADA DUNHA NOVA BORRASCA O MÉRCORES SEN QUE GALICIA SE TEÑA RECUPERADO AÍNDA DOS ESTRAGOS CAUSADOS POR HERMINIA

Así as cousas, na xornada do domingo (e tamén, por extensión, na deste luns), "xuntáronse todos os factores que se podían xuntar para que esta borrasca se convertese nun temporal coma os que non se lembraban dende facía anos, xa non só polo vento, senón tamén pola súa duración e pola choiva". De feito, en RedMeteo David asegura que recibiu moitos comentarios de xente que lle dicía que facía anos que non vía enchentes dos ríos tan grandes tralo paso dunha borrasca. Ríos como o Xallas e o Sar están a piques do desbordamento, téndose producido xa alagamentos de leiras colindantes en certos tramos do seu curso. Pero o peor é que, lonxe de cesar, as inclemencias meteorolóxicas continuarán nos vindeiros días, sendo este martes unha xornada de transición entre a fin dunha borrasca e a entrada doutra, que azotará con forza Galicia o mércores. Estamos así ante un tren de borrascas: Éowyn deu paso a Herminia e Herminia dará paso a unha borrasca que, polo de agora, non ten nome, pero que podería chegar a telo se se determinase que o seu impacto sobre a vida cotiá das persoas será moi forte.

"A borrasca do mércores, a diferenza de Éowyn e Herminia, si que pasará moi preto de Galicia", asegura David. Con todo, lanza tamén unha mensaxe de tranquilidade, xa que "os ventos, en principio, non van ser tan intensos como os que tivemos na xornada deste luns ou na do domingo". Pero tamén pide precaución, especialmente a partir da tarde no litoral norte da Coruña, porque "é nese intre cando os ventos van virar a norte e aí, nesa zona, si que estarán moito máis expostos ao temporal". No resto de Galicia, en xeral, "a fronte que entrará xa dende primeira hora do mércores será moi activa no tocante ás choivas, que serán intensas nesas primeiras horas e que logo se convertirán en chuvascos". Ademais, a do mércores tamén será unha xornada invernal porque, "a partir da tarde, cando os ventos do oeste viren a norte e noroeste, haberá unha baixada considerable das temperaturas".

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Unha árbore caída tras o temporal e a borrasca Herminia / Elena Fernández

Coche destrozado tras caerlle unha árbore enriba ao paso da borrasca Herminia / Cedida

Este luns a borrasca Herminia xa se atopaba ao norte das Illas Británicas, pero as borrascas máis pequenas asociadas aínda surcaban Galicia / RedMeteo

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.