Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/02/2025
A Consellería de Sanidade promete ver "onde está o erro" para que haxa un paciente do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) que leve máis de 500 días á espera dunha consulta para Traumatoloxía.
Así o asegurou o titular deste departamento sobre o caso dun home cunha patoloxía lumbar que, segundo denunciaba a semana pasada a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, está desde o 22 de agosto de 2023 --546 días-- pendente de que lle poñan unha cita.
De acordo co testemuño deste paciente, xa presentou seis reclamacións pero segue sen ter a consulta co especialista e mantense no que se chama "caixa de correos", un sistema no que permanece á espera de que lle dean data. Este martes, a preguntas dos medios, o conselleiro de Sanidade dixo que é "raro" que alguén "poida esperar tanto. Sobre todo cando padece unha patoloxía lumbar, algo "moi frecuente".
Gómez Caamaño desvelou que falou coa Xerencia do CHUS, que á súa vez se puxo en contacto co servizo de Traumatoloxía "para analizar que estaba a pasar". De feito, o Hospital Clínico conta cunha unidade específica para patoloxías como a deste paciente. "Imos ver como podemos mellorar, no caso de que isto sexa así, onde está o erro. Non me parece normal tanto tempo esperando por unha actuación médica", aseverou.
"NON É UN CASO ILLADO"
Para a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, a situación deste home "non é un caso illado, senón a proba concreta de que o sistema público de saúde é incapaz de dar resposta, nun tempo considerado razoable, ás necesidades de atención da poboación". Por tanto, o colectivo esixe non só que se fixe cita para o paciente do caso denunciado, senón tamén que se poña fin ao sistema de 'caixa de correos' e que se acometa o "aumento dos medios humanos e materiais necesarios" para reducir as listas de espera en Traumatoloxía.
¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño / XUNTA / Europa Press