Por David M. Sobrino Platas | Santiago de Compostela | 29/04/2025
Santiago de Compostela viviu este luns un apagón eléctrico que afectou á cidade e á práctica totalidade do Estado español. O corte, que comezou arredor das 12:30 horas, deixou sen subministro eléctrico a numerosas zonas, causando certa desorganización en diversos servizos e instalacións da cidade.
As primeiras desinformacións nas redes sociais apuntaban a posibles causas e afectacións en toda España, Portugal e o sur de Francia, mentres que en Santiago as rúas principais como Rosalía de Castro ou rúa da Senra foron especialmente afectadas. Durante toda a xornada, os semáforos destes puntos estiveron inoperativos, xerando certo caos no tráfico.
Mentres tanto, a cidade mantivo certa normalidade nas rúas, onde moitos composteláns aproveitaron o bo tempo para pasear ou facer deporte. Os autobuses urbanos continuaron a súa funcionamento habitual, sen grandes alteracións.
Os comercios, por outra banda, sufriron un parón. Os supermercados permaneceron pechados dende o inicio do apagón, mentres que algúns dos pequenos comercios que estaban abertos só aceptaban pagos en efectivo e usaban lanternas para iluminar os seus locais.
Na estación de trens de Santiago, os combois foron cancelados, e a media tarde, Adif pechou as instalacións. A estación de autobuses, tamén afectada pola falta de información nos paneis, viviu un ambiente de inseguridade entre os viaxeiros, que buscaban alternativas para continuar a súa viaxe.
A USC, pola súa banda, decidiu pechar as súas instalacións a media tarde, enviando un comunicado á comunidade universitaria, aínda que o correo electrónico chegou de forma escalonada debido aos problemas nas comunicacións. Este martes, a Universidade manterá pechadas as súas instalacións ata as 15:00 horas debido á incerteza sobre o restablecemento do servizo eléctrico.
Segundo informou o Concello de Santiago, o subministro eléctrico na cidade foi restablecido ao 100% ás 06:00 horas da mañá de hoxe. Un comité de crise municipal reunirase esta mañá para avaliar a situación e coordinar as actuacións de resposta a posibles incidentes derivados do apagón.
No ámbito sanitario, o Hospital Clínico mantivo a súa actividade esencial mediante o uso de xeradores, mentres que algúns servizos hospitalarios foron limitados pola falta de enerxía. En canto ao aeroporto de Lavacolla, a actividade continuou cun mínimo impacto, xa que os xeradores mantiveron operativas as cafeterías, as máquinas expendedoras e os servizos básicos.
¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
Estudantes diante da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais, pechada na tarde de onte debido ao apagón / Xornal de Compostela