Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 09/05/2025
O apoio psicolóxico, material e de axuda reborda moitas veces o traballo de forzas e corpos de seguridade do Estado (CFSE), da UME e das súas unidades especializadas en rescates, incendios e...apagamentos. Fóra da discusión sobre que, como e por que aconteceu o fenómeno do luns 28 de abril que apagou literalmente toda a Península Ibérica, a cidadanía e as autoridades nos seus diferentes niveis foron caendo na conta do que pasaba pouco a pouco. Os veciños comunicáronse uns con outros: “eu tampouco teño cobertura, non vai nada” e así até caer na conta de que non era un só, unha rúa da cidade, unha barriada, o concello...era toda a península.
No edificio de quen escribe isto unha veciña estudante de intercambio e refuxiada ucraína, ante a falta de sinal telefónica e Internet nos celulares aconsellou: “saír fóra, cando sucede en Ucraína facemos iso, saír fóra e ver onde podemos ter cobertura”. Non había noticias, só o boca a boca e de súpeto...o “kit de supervivencia” que recomendara a UE. Camiñar catro quilómetros para mercar unha radio con baterías, candeas, camping-gas e... sen diñeiro en efectivo, afeitos como estamos ás tarxetas. “Non podo cobrar con tarxeta” unhas candeas, dei a volta para devolvelas e de súpeto, unha muller magrebí paga os case cinco euros dos tres paquetes. Como llos devolvo? “Non, deixa, xa está...”. E a xente na rúa con calma, moitos en terrazas con luz de xerador e outras alternativas.
QUE FACER?
Conxita López é membro da comisión de coordinación do GIPCE. Este grupo de psicólogos e psicólogas do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia asinou un convenio coa Xunta de Galicia en 1997, aínda que comezaron en 1996 cos movementos sísmicos en Lugo e Ourense de 1996 co nome Grupo de Protección Civil. Diante disto, e logo de moitos anos con experiencia, a pregunta sae por ela mesma: “que facemos nun momento así?”.
“Ante todo, comprensión, comprender o que está sucedendo e buscar a maneira de adaptarse” di Conxita López. A falta de electricidade ía supoñer unha dor de cabeza ou crear ansiedade sobre todo en adolescentes afeitos e afeitas como están ao esaxerado úso do móbil ou celular. E de súpeto, os máis novos comezaron a adaptarse: “amigas dicían que estaban vendo adolescentes lendo un libro”, en Redondela os máis novos xuntábanse nos parques ou na praia, isto mostraba que os nosos mozos e mozas non perderon a habilidade de interrelacionarse sen usar os teléfonos móbiles.
A calma é esencial, é doado dicilo, mais cando toda a axenda, as viaxes programadas, as tarefas para manter en marcha a maquinaria do día a día quedan interrompidas sen aviso, que ocorre? O caos. Ante a falta de control as persoas sentímonos desamparadas, impotentes e buscamos unha resposta inmediata que nos dea unha solución. Mais, que aconteceu o día 28 para que non houbese unha concatenación de disturbios, intervencións policiais, de equipos sanitarios, etc?
“Cando sabemos quen ou que é o culpable encéndese a ira” di López. Mentres, cando non hai un culpable definido, cando a “alteración da orde” está motivada por algo que nós non podemos controlar, (a falta de luz) as persoas resígnanse, buscan alternativas ou esperan unha solución. E se o apagamento durase unha semana? “Sería moi duro, mais acabariamos adaptándonos”. Algo así aconteceu co peche durante a COVID, ninguén nunca até aquel momento pensou nun peche mundial da poboación para frear as consecuencias do virus “e estivemos tres meses nas nosas casas”.
PROTECCIÓN CIVIL
Oliva Trasancos é a responsable de Protección Civil en Bergondo ademais de presidenta da Asociación Provincial de Protección Civil da provincia da Coruña. O primeiro punto que destaca Trasancos é que as agrupacións de voluntarios en Protección Civil son municipais, aínda que “o modelo de actuación en Bergondo é extrapolable a outros concellos e comunidades”.
A dimensión do apagamento foise coñecendo pouco a pouco na base de Protección Civil de Bergondo. Unha chamada á alcaldesa xa deu idea do acontecemento porque no Concello xa se sabía: a incidencia era xeral para o Estado enteiro. Daquela, a primeira cuestión foi ver cales eran as infraestruturas críticas no municipio: dúas residencias para maiores e un centro de autonomía persoal. As residencias non tiñan xeradores de electricidade: Protección Civil si tiña xeradores para prestar. O centro de autonomía persoal xa tiña xerador.
Houbo que examinar que veciños e veciñas necesitaban medicación e para iso foron ás tres farmacias locais. Unha abría mais derivaba cara outra que tiña xerador e por tanto o sistema informático e a Rede funcionaban. Tamén había veciños con respiradores artificiais e sistemas de diálise. Un dos casos tiña xerador, aos outros prestóuselles.
Protección Civil de Bergondo ten a base nun polígono onde hai un dispensador de combustible (gasolina, diésel, etc) e tamén había unha empresa que vende xeradores. Isto permitiu que a empresa prestase xeradores ao dispensador e este puidese fornecer de combustible aos demais xeradores repartidos polo concello. Tamén se prestou atención aos PAC, centro de saúde e control de necesidades.
A Xunta e a Delegación do Goberno declarou o nivel 2 do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia. Desta maneira os servizos esenciais dentro do concello estarían activos para ter información sobre incidencias. O problema chegou cando todas as comunicacións telefónicas e Internet caeron. “A solución foi recorrer aos equipos Tetra que son terminais de talkies” para podérense comunicar con bombeiros, policía local e outros organismos.
Durante os primeiros momentos a situación foi de nervios mais cando a xente caeu na conta de que era xeralizado, a xente só pedía o esencial. Para atender isto “mantivemos vehículos rotando con equipos por quendas e sen parar porque non había comunicacións”.
Fronte a eventos que o ser humano non pode controlar de primeira man, primeiro adáptase, logo, ante as primeiras necesidades vaise abrindo a solidariedade e a resiliencia fronte a incerteza. No caso dunha catástrofe con culpables directos é posible que a ira acabe por desbordar a paciencia. Non sucedeu e á parte, as autoridades tiñan plans en previsión de sucesos como este. Aínda así, é necesario tomar unha lección do sucedido para evitar sorpresas nun novo apagamento.
¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
Bo día a todas. Escribo aquí porque pretendía opinar sobre a crise do Psoe de Compostela, e resulta que todas as noticias recentes reenvían a Xornal de Compostela, fóra de GC, que non.admite comentarios. Non entendo se GC é un xornal autónomo, ou simplemente un portal de ligazóns a outros medios.
Apagamento Ourense
Coche dunha agrupación de Protección Civil en Galicia.. XUNTA - Arquivo
Un restaurante queda ás escuras durante un apagamento como protesta polo recibo da luz/ Carlos Castro
As rúas da cidade sen luz durante o apagamento, a 28 de abril de 2025, en Vigo, Pontevedra, Galicia (España). Un apagamento eléctrico arrasou España, Portugal e parte de Francia ás 12.30h. da mañá. Sen saber aínda as causas concretas do apagamento,. Alberto Paredes - Europa Press