Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2025
Organizacións ecoloxistas advertiron de que Galicia ten "moito que mellorar" para cumprir coas recomendacións aprobadas esta semana polo Parlamento da UE, que reclamou unha mellor preparación ante posibles desastres hídricos e medidas para previr a contaminación da auga, e apuntaron a proxectos como o de Altri ou a mina de Touro, "incompatibles" coa Estratexia de Resiliencia da auga da UE. Así, o pleno do europarlamento reclamaba este mércores medidas para paliar e previr a contaminación dos recursos hídricos, e accións ante crises de seca ou inundacións, con medidas específicas naquelas rexións especialmente sensibles, como o Mediterráneo, as zonas insulares ou ultraperiféricas.
Esas recomendacións á Estratexia de Resiliencia da auga (cuxa presentación por parte da Comisión espérase para antes do verán) profundan na necesidade dunha estratexia ambiciosa para xestionar os recursos de forma eficiente ante os desafíos actuais relacionados coa auga. As organizacións ecoloxistas sinalaron, en declaracións a Europa Press, que no caso de Galicia hai "moito que mellorar", tanto na xestión do recurso como, especialmente, en materia de prevención da contaminación.
Erika González, de Ecoloxistas en Acción, sinalou que a comunidade galega "non está preparada para asumir adecuadamente eses fenómenos atmosféricos máis agresivos e desde logo, a nivel de contaminación, ten moitísimo que mellorar". Segundo apuntou, un dos principais problemas está na contaminación xerada pola agricultura e a gandaría industrial intensivas, polos nitratos en canles de auga e en acuíferos "que pon en risco directamente o abastecemento de auga". Por outra banda, engadiu que tamén están a xerar "problemas moi serios" todas as explotacións mineiras, "tanto abertas como non operativas", e asegurou que se está documentando en diferentes puntos de Galicia contaminación das canles de auga por metais pesados.
PROXECTOS INDUSTRIAIS
Na mesma liña, Manuel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia, referiuse tamén ao impacto da actividade industrial e puxo o foco en dous proxectos: a planta de Altri e a mina de Touro. "Xa temos serias dúbidas de que cumpran coa Directiva Marco da auga da UE, cremos sinceramente que non, e cremos que van ser absolutamente incompatibles coa Estratexia de Resiliencia Hídrica da UE", aseverou. No caso de Altri, o portavoz de Greenpeace incidiu en que "chama poderosamente a atención" que o proxecto non teña en conta as proxeccións climáticas realizadas pola propia Xunta, que estiman un déficit de precipitacións entre o 10 e o 15 % no interior de Galicia, e entre o 5 e o 10 % en zonas costeiras. Tampouco toma en consideración a proxección de redución de recursos hídricos do río Ulla e a ría de Arousa (un 8,4 % menos en 2039). "Sorprende que, sen ter estas variables en conta, vexa oportuna unha concesión a 75 anos para extraer 46 millóns de litros e verter e 30 millóns", remarcou.
CONTAMINACIÓN DAS RÍAS
Para Manuel Santos, unha das grandes materias pendentes en Galicia é o saneamento integral das rías, vinculado á contaminación urbana, pero tamén á industrial e á agrogandeira. "A xestión do recurso da auga en Galicia é indisociable do coidado das rías, e a Xunta actúa en moitas ocasións coma se as augas continentais e as oceánicas fosen sistemas illados un do outro", lamentou. Segundo destacou, cambio climático e contaminación "son unha combinación moi perigosa en Galicia", e lembrou que hai estudos que reflicten que a contaminación presente nas rías "vai pór a súa biodiversidade en risco", e con iso moitas actividades produtivas, como a pesca artenal e o marisqueo. Respecto diso, tamén denunciou que a Xunta non publica datos actualizados e detallados das verteduras ás rías pero, a pesar desa "falta de transparencia", Augas de Galicia recoñece "case 2.000 verteduras na costa e polo menos un 10 % de contaminantes fóra dos límites legais" (unhas cifras que os colectivos en defensa das rías elevan a "moito máis").
SITUACIÓN ANTE FENÓMENOS CLIMÁTICOS ADVERSOS
As organizacións ecoloxistas coinciden en sinalar a importancia de planificar mellor a xestión dos recursos ante situacións de escaseza de choivas ou de inundacións. No caso de Galicia, Erika González conclúe que "non se investiu o suficiente e non hai unhas boas condicións das redes de distribución de auga", á vez que apuntou a existencia de "fugas importantes" nesas redes de distribución. Por outra banda, fixo fincapé na importancia de coidar os proxectos e operacións urbanísticas e turísticas "que supoñen un malgasto de auga", e sinalou tamén o impacto das construcións existentes en zonas de dominio público hidráulico e zonas inundables, que hai que "retirar" polo "risco" que supoñen. A esa medida, engade outra que sería a recuperación de chairas de inundación para evitar alagamentos que xeran danos á poboación.
Manuel Santos, de Greenpeace, lamentou que a prevención ante as mudanzas que se aveciñan cos rigores do cambio climático "non é unha práctica que a Xunta teña agora entre as súas prioridades" e acusou ao goberno autonómico de actuar "coma se a auga fose un recurso inesgotable". Así, desde a organización ecoloxista expuxeron algunhas medidas e accións que a Xunta debe adoptar ou mellorar, como implementar sistemas de alerta temperá, facer un uso responsable da auga e protexer fontes como ríos e acuíferos, promover a sensibilización entre os cidadáns, ou desenvolver plans de xestión de riscos para minimizar o seu impacto.
"ENORME ESFORZO" PARA ADAPTARSE AO CAMBIO CLIMÁTICO
Pola súa banda, a Xunta subliñou que está a facer un "enorme esforzo" para adaptarse aos retos do cambio climático en relación á xestión da auga e lembrou que foi "pioneira" coa lei de medidas de garantía do abastecemento en episodios de seca. A partir desa norma, incidiu, subvencionouse a elaboración de plans municipais de emerxencia en situación de seca (104 en total, 76 en concellos de menos de 5.000 habitantes). Igualmente, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático apuntou que hai anos que se outorgan axudas aos concellos para reducir fugas nas súas redes e execútanse obras a nivel local, á vez que ten vixente un Plan para a xestión do Risco de Inundación 2021-27 con medidas para reducir o impacto destas situacións.
A isto súmase o sistema de alerta temperá de Augas de Galicia, apoiado no modelo Merlín, na demarcación Galicia-Costa, unha ferramenta que permite prever a tres días o posible desbordamento dos ríos, en base ás predicións de Meteogalicia e a Aemet, entre outros datos. De feito, subliñaron fontes da Consellería, acábase de licitar por 730.000 euros a mellora e optimización deste sistema. Finalmente, en materia de contaminación, a Consellería incidiu en que, a través de Augas de Galicia, leva a cabo desde 2009 o Programa de Control de Verteduras (PCV), que "permite inventariar tanto vertidos á rede fluvial como ao medio mariño costeiro". Con este PCV, os puntos de vertedura clasificados como contaminantes ou de orixe descoñecida "pasaron de supor o 45,1 % no ano 2012 a menos do 9 % na actualidade, cifras que demostran os seus resultados".
¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
Encoro de Belesar, no Río Miño, deixa ver restos habitualmente tapados pola auga / Carlos Castro