Antón Masa, Defensa da Ría de Pontevedra: “Coa lei na man Ence non ten concesión, está caducada”

O Tribunal Constitucional enmenda a decisión do Tribunal Supremo que contradicía á Audiencia Nacional que non vía legal a prórroga a Ence en Pontevedra. Agora, coa decisión do TC o recurso do Concello de Pontevedra contra a concesión da prórroga a Ence na ría, podería verse reforzado. Antón Masa, da Plataforma para a Defensa da Ría, insiste en que nin sequera a resolución da AN nin sequera está materializada por iso moitos consideran a concesión a Ence caducada

Por Moncho Mariño | PONTEVEDRA | 30/05/2025

 

-Que supón para a PDRPO a enmenda do Tribunal Constitucional á resolución do Tribunal Supremo sobre a prórroga de Ence na ría de Pontevedra?
É algo importante, o feito de que primeiramente o Tribunal Supremo (TS) fallase contra a Audiencia Nacional nos tres procedementos abertos, nós entedemos que era algo aboslutamente irregular. O feito de que o Tribunal Constitucional (TC) acepte o recurso do Concello de Pontevedra significa que como mínimo deberan revisar esa sentenza porque entra en contradición con dereitos fundamentais, así o di no texto. Isto abre un camiño importante pois debemos ter en conta que o fallo da Audiencia Nacional (AN) no noso caso aínda está sen tratar polo TS. É de esperar que teñan en conta neste caso o feito de que o TC acepte a trámite o recurso do Concello. Aínda así, estaríase abrindo unha vía moi importante pois se nós (PDRPO) presentásemos un recurso diante do TC tamén se vería tratado da mesma maneira por parte deste tribunal.

-Tedes noticias sobre as reaccións entre as persoas favorables a esta enmenda e das contrapartes?
Por unha parte, o sector da poboación contrario á presenza de Ence, un sector moi amplo na comarca, é unha maneira de verse reforzado. Até o de agora observábase que os tribunais fallaban sempre a favor dos poderosos. Ademais, que esta enmenda teña saído xusto na semana de preparativos para unha nova marcha que esperamos sexa maior que as anteriores. Está convocada de maneira conxunta coa Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, e está convocada contra Ence e contra Altri en toda Galicia. Esperamos desta maneira unha repercusión moi ampla e isto anima aínda máis á sociedade da comarca que xa estaba disposta a acudir masivamente. No caso de Ence e os seus defensores xa teñen falado. A pasteira dixo, pola boca pequena, que a enmenda do TC non modificaba en nada a situación xudicial de Ence e prórroga. Tampouco está sen cumprir o fallo da AN sobre o noso recurso. Coa lei na man Ence non ten concesión, está caducada.

Estaríase abrindo unha vía moi importante pois se nós (PDRPO) presentásemos un recurso diante do TC tamén se vería tratado da mesma maneira por parte deste tribunal

-As campañas que está emitindo Ence en redes sociais (Youtube) poderían ser un intento de “limpar” a súa imaxe?
Non podo afirmalo mais podería ser. Teñamos en conta que Ence, coa súa ligazón absoluta ao goberno da Xunta pode ser que tivese información previa a esta decisión. Debemos ter en conta que moitas das interpretacións que se están facendo agora tamén as están facendo sectores ligados á mesma Xunta que, como se sabe, actúan de maneira submisa ao poder de Ence.

-Aínda que se levase adiante o abandono das instalacións de Ence en Lourizán, sería posible que as estructuras tardarán en ser derrubadas?
Se se materializa a paralización total da actividade en Ence, a empresa está obrigada a deixar ese espazo como estaba. Iso debe asumilo cos seus propios medios. Isto debera ser esixido desde calquera administración e nós imos reclamar que sexa así. En todo caso, o tempo que tarde en recuperarse ese espazo para a ría, non podemos esquecer que debaixo desas instalacións está o mellor dos bancos mariqueiros da ría e as praias urbanas existentes entre Pontevedra e Marín. Nós temos realizado un traballo coa Facultade de Arquitectura da Coruña e este sería un proxecto de renaturalización dese espazo cando estea liberado. Podería chegarse a unha situación similiar á que exisstía previamente mais non sería igual, si se recuperarían as praias e gran parte do banco marisqueiro. Sería a recuperación dunha zona que actualmente é un lugar deprimido e tamén se recuperarían as posibilidades de turismo e lecer nesta área ademais de recuperar e mellorar o marisqueo e pesca de baixura na ría.

Tampouco está sen cumprir o fallo da AN sobre o noso recurso

-Cando dis deprimida queres dicir medioambientalmente ou socialmente?
Das dúas maneiras porque o dano feito por Ence na comarca e na ría non é só medioambiental. É un dano socieconómico porque desde un punto de vista laboral cambiáronse 18.000 postos de traballo daquela no marisqueo e pesca por 400 postos na factoría, mais realmente na fábrica son 290, logo hai 100 postos das oficinas centrais que non están fisicamente nas instalacións. Á parte disto, a economía da comarca de Pontevedra non depende para nada de Ence, quen presume de ser o seu motor económico. É unha rémora, se non fose por esta pasteira a economía da zona estaría moi por riba do que está agora.

-Non tedes medo que haxa un choque competencial entre TC, TS e AN e deixe quedar todo nun 'limbo'?
Iso sería moi inaceptable mais non se poden facer previsións. Eu sigo confiando na xustiza aínda que moitas veces non me fíe dela.

-Ence ve isto como unha admisión informativa mais se se chegase a unha resolución definitiva, cal sería o paso seguinte da Plataforma en defensa da Ría e cal vedes que sería a resposta da empresa?
Neste caso quen debera responder sería o Concello de Pontevedra quen, en calquera dos casos, agora podería ir a Europa unha vez que falle o TC. Descoñezo cal sería a resposta de Ence mais entendo que podería ser ampararse na mediocridade e na submisión do goberno galego ante a propia Ence para buscar unha vía para permanecer na ría de Pontevedra. A lei é moi clara e di que ningunha empresa pode estar en Dominio Público Marítimoterrestre e habendo previamente unha decisión da AN confirmando que non poden estar en dominio público. O resto das factorías de Ence están fóra dese dominio público marítimoterrestre, a única que non cumpre coa legalidade é a factoría de Pontevedra. Por outra parte, a Xunta de Galicia sinalara un informe apuntando que non existe ningún outro lugar onde se poida montar unha celulosa como a que temos aquí mais vemos que se pretende montar outra celulosa maior como é a de Altri, usando informes favorables feitos pola mesma empresa negando a posibilidade de traslado da factoría de Lourizán a outro lugar. Isto é todo unha manobra escura da Xunta de Galicia por ter intereses, mesmo persoais e económicos para manter a factoría na ría de Pontevedra.

A economía da comarca de Pontevedra non depende para nada de Ence, quen presume de ser o seu motor económico

-Sería posible que usen como escudo Altri para defender as instalacións de Lourizán?
Poderán usar calquera escudo mais non é certo que Ence non pode estar noutra localización, así o demostra a Xunta de Galicia coa pretensión de montar Altri en Palas de Rei. O que non queremos para nós non o queremos para ninguén, por iso estamos en contra de Altri, daquela, non se pode dar nun caso un criterio e noutro caso o contrario.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



A APDR sóbese a un veleiro en contra de ENCE na ría. EUROPA PRESS - Arquivo

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.