“Agora falo galego e respóndenme en galego”: a viaxe lingüística dunha madrileña en Bertamiráns

Elena, natural de Madrid e asentada en Ames, conta como a inmersión cultural e os requisitos profesionais a levaron a aprender galego, malia atoparse con dificultades para encaixar o seu galego normativo no uso cotián

Por David M. Sobrino Platas | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/06/2025

Elena é madrileña. Hai máis de dúas décadas que coñeceu nun Entroido ao que hoxe é o seu marido, un home de Ourense. Inicialmente vivían en Madrid, pero como ela mesma relata con retranca: “Todo o mundo dicía: volveredes a Galicia, por morriña”. E cumpriuse: no ano 2018, Elena e o seu home mudáronse a Sada por motivos laborais e, despois de varios anos, instaláronse definitivamente en Bertamiráns, no concello de Ames.
 
O cambio xeográfico trouxo consigo unha transformación vital, pero tamén lingüística. Elena descubriu que, malia levar anos en Galicia, en localidades como Sada era difícil atopar galego na rúa: “Case ninguén falaba galego”. A chegada a Ames foi, porén, un punto de inflexión: “É un mundo completamente diferente. Hai moitísima oferta cultural e moita dela en galego. Vas mercar e a xente fálache en galego”.
 
“Non podo traballar sen galego”
 
Como profesora, Elena explica con claridade un dos motivos principais polos que decidiu estudar galego: “Sen o Celga 4 non podo impartir aulas no FP, aínda que teña o máster e moitos anos de experiencia”. O primeiro filtro para acceder ao ensino público en Galicia é o certificado que acredita o coñecemento da lingua. O seu proceso de aprendizaxe, como moito do alumnado neofalante, desenvolveuse a través da lectura e a música. “Encántame ler, leo moitísimo. Manuel Rivas, Ledicia Costas… E tamén literatura infantil e xuvenil, que axuda moito”. A música, di, tamén lle serviu, aínda que “ás veces as rimas fan que se digan as cousas dun xeito estraño”.
 
Elena recoñece que fala “o galego que está a aprender”, pero que non é necesariamente o que se escoita na rúa. “Ti dis ‘a meirande parte da xente’ e a xente mírate estrañada: ‘a meirande, que?’”. Esa distancia entre o galego normativo e as súas variantes dialectais na lingua oral foi un dos atrancos que atopou no seu proceso.
 
Ademais, salienta a influencia do 'castrapo' familiar: “A miña sogra Encarna fala galego de sempre, pero tamén ten o seu propio idioma. Moitas veces pregúntolle: isto é galego ou é un encarnismo?”.
 
A importancia da acollida lingüística
 
Non sempre lle resultou doado falar galego en público: “Antes pasábame que falaba galego nunha tenda e mudábanme ao castelán en canto notaban que non era de aquí”. Agora, esa realidade mudou: “Entro nunha tenda, falo galego e a xente segue a falarme en galego”.
 
Con todo, tamén é crítica cos espazos onde o galego debería estar garantido: “Non me parece ben que en servizos públicos, como un Concello ou na sanidade, se fale só en castelán. Todas as persoas temos dereito a que nos falen na nosa lingua, sobre todo cando son cousas importantes”.
 
Elena traslada esta filosofía ao seu traballo como docente: “Comezo sempre en galego, pero se hai alumnado doutras orixes ou que non entende, adáptome. É importante que me comprendan”. Ao mesmo tempo, insiste en que mesmo quen non o fala “ten que estar moi atento para aprender”.
 
Valora moi positivamente o papel da Escola Oficial de Idiomas, onde comezou a formarse: “Foi a miña salvación total. Hai moi bos profes, que che din: aínda que non saibas, intenta. E comete erros, que despois xa aprenderás”. Tamén destaca o papel do teatro, onde participou durante varios anos en Santiago e onde, malia as dificultades, conseguiu superar o reto de actuar en galego.
 
Un dereito e un compromiso
 
Elena lembra unha frase da súa profesora que a marcou: “Todas as persoas temos o dereito a aprender e ser formadas na nosa lingua nai”. Para ela, que é docente, isto é clave: “Eu teño que falar coa xente na súa lingua nai tamén”.
 
Hoxe en día, o galego é parte da súa vida cotiá: ve o telexornal en galego, escoita a radio en galego no coche e continúa lendo literatura na nosa lingua. “Apréndense moitísimas palabras novas. E se se ten oportunidade, hai que ir ao cine, ler moito e seguir falando, aínda que se cometan erros”.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Elena, neofalante de Madrid en Bertamiráns / Neofalantes

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.