Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2025
O caso Alfonso Villares segue perseguindo ao Goberno galego. A oposición inisiste en que o presidente galego e o seu partido condenen a violencia machista e, sobre todo, expliquen por que se respaldou a un ex conselleiro acusado de agresión sexual. Este luns, tanto o BNG, coma o PSdeG, volveron pedir responsabidades a Alfonso Rueda, mentres que este inistía no seu compromiso "irrenunciable" en erradicar a "lacra" da violencia machista.
"Non hai ningunha dúbida da miña responsabilidade na loita contra a violencia machista, sempre a denunciei e a acusei", dixo tras ser preguntado polas peticións de comparecencia de nacionalistas e socialistas. "Nós seguiremos traballando, como sempre fixemos, en erradicar esta lacra", destacaba ao tempo que eludía poñer en marcha un comité de crise como pedía este luns o BNG.
BNG
Previamente, a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, censurou que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "reparta bicos, abrazos e protección" ao exconselleiro do Mar, Alfonso Villares, investigado por agresión sexual mentres "en Galicia se presenta unha denuncia cada tres días". Nunha rolda de prensa ofrecida este luns acompañada por diferentes representantes socialistas, como a secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, Lara Méndez censurou que Rueda "siga sen dar explicacións" e insistiu en que debe asumir responsabilidades políticas ante un caso que "non pode quedar pechado nin minimizarse".
Ao mesmo tempo, lembrou que, en Galicia, "cada día máis de 20 mulleres presentan denuncias por violencia de xénero, e cada tres días hai unha nova denuncia por agresión sexual". De feito, iniciou a súa intervención lembrado á muller asasinada este domingo na Coruña. Neste contexto, censurou que o presidente da Xunta "reparta bicos, abrazos e protección política a un conselleiro denunciado por agresión sexual" e advertiu que a mensaxe que Rueda manda ás vítimas é "demoledora" porque "fai ver que o poder está para protexer aos seus e non ás vítimas". "Un presidente que abraza a un conselleiro denunciado por agresión sexual queda politicamente inhabilitado", afirmou.
Para Méndez, o caso Villares non rematou co que foi "unha decisión forzada". "A gravísima xestión por parte de Rueda non foi un erro puntual, senón que se tratou dun comportamento sostido no tempo, dado que se coñecía a existencia da denuncia desde febreiro", sinalou. "Durante meses optou polo silencio e a inacción, e só cando Villares foi chamado polo Tribunal Superior de Xustiza produciuse a dimisión, e mesmo nese momento, Rueda preferiu os abrazos e os eloxios públicos ao conselleiro", repasou.
Todo o anterior mostra, segundo indicou, unha actitude "do encubridor, non de presidente responsable", ademais de que "se tratou dunha dimisión forzada". Así, sostivo que "non foi froito dunha decisión política dunha asunción de responsabilidade, senón que foi un movemento obrigado polos feitos". A secretaria de Organización asegurou que o Partido Socialista "non dá o caso por pechado" e, por tanto, seguirá presentando iniciativas no Parlamento en relación con el.
"Xa rexistramos varias iniciativas solicitando comparecencias e esixindo transparencia, porque queremos saber cando Rueda tivo coñecemento da denuncia, por que se decidiu non informar, por que mantivo a Villares no cargo e se existiron instrucións políticas para soster a situación", detallou para incidir en que o PSdeG "non parará ata que dea todas as explicacións que lle debe á cidadanía galega, porque o silencio e a protección política non pode ser a resposta ante unha denuncia tan grave".
¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
O ex conselleiro do Mar, Alfonso Villares / Álvaro Ballesteros