A parroquia de Meirás, ubicada na vila de Sada, é hoxe coñecida a nivel estatal grazas a un edificio que se erixe sobre as fincas que arrodean o lugar. O Pazo de Meirás, unha das edificacións máis simbólicas da ditadura franquista, agocha entre as súas paredes numerosas loitas pola recuperación da memoria histórica e democrática. Grazas ao arduo traballo de historiadores, administracións e movementos sociais, hoxe pode afirmarse que o Pazo de Meirás é, por fin, un ben público. En decembro de 2020, a xuíza Marta Canales ditaminou a sentenza que puxo fin á longa ocupación do inmoble e dos terreos que foran expropiados. Posteriormente, en novembro de 2024, outra sentencia histórica puxo en mans do Estado case 600 bens mobles —moitos deles cun incalculable valor histórico— que se atopaban dentro do Pazo.
Os 82 anos de ocupación que sufriu o Pazo de Meirás forman parte dun pasado moi recente de expropiacións forzosas, abusos de poder e sometementos da veciñanza. A lembranza colectiva comeza a esmorecer. Os anos van pasando e cada vez quedan menos veciños que viviran en primeira persoa a opresión e os asoballamentos sistemáticos. Hoxe pode fraguarse un relato do que aconteceu en Meirás en base aos testemuños que loitan por manter viva a memoria dunha poboación que foi obrigada a asistir, en palabras da xornalista e investigadora Irene Tomé, a “unha corrupción sistémica no modo de actuar dos Franco e da elite que viviu ao seu abeiro”.
O Pazo de Meirás é un dos exemplos máis claros do modus operandi do ditador e do seu núcleo duro. A meirande parte das terras que conforman a extensión parcelaria do Pazo foron obtidas mediante expropiacións. Paralelamente ao proceso de toma de terras, tamén se produce unha reformulación das vías de comunicación proximas ao Pazo. Este proxecto, realizado conxuntamente pola Deputación da Coruña e a Xefatura de Carreteras do Estado foi executado por Alfonso Molina, e pretendía planificar a forma que se lle ía dar á finca, de forma que a estrada quedase o máis afastada posible das torres de Meirás. Non obstante, existe un inmoble que ten unha historia substancialmente distinta á do resto de parcelas e vivendas expropiadas: a Casa das Cunchas.
Nesta vivenda deuse unha situación moi particular: o seu propietario, Manuel Portela, estaba residindo en América, polo que era moi complicado xestionar a firma notarial para proceder á expropiación. Segundo Manuel Pérez Lorenzo, historiador e autor do libro Meirás. Un Pazo, un caudillo, un espolio “coa reformulación da estrada segundo o proxecto de Alfonso Molina, queda un espazo baldío entre a Casa das Cunchas e o Pazo —é dicir, o lugar onde se ubicaba a antiga estrada— e, polo tanto, os terreos que pertencían á estrada foron inmediatamente incorporados ao Pazo e inscritos a nome de Franco”.
A CASA DAS CUNCHAS: UNHA DAS ÚLTIMAS ACTUACIÓNS DE FRANCO EN VIDA
Durante décadas, a situación da Casa das Cunchas non mudou. No momento no que Manuel Portela retornou de América, o réxime franquista estaba noutro contexto substancialmente distinto. En palabras do historiador Emilio Grandío, presente no proceso de recuperación do Pazo: “O Franco do ano 38 é un militar, pero o Franco dos anos 60 é un ditador que leva gobernando case 30 anos, polo que toda a estrutura administrativa está articulada arredor da súa figura. Os obxectivos da ditadura eran os mesmos, pero o proceso foi depurándose”. Nos anos 60, época do "desarrollismo", o franquismo estaba nun proceso de apertura e de “lavado de cara”, polo que non podía empregar as técnicas de coarción que empregara anteriormente.
Neste contexto, Sergio Peñamaría de Llano, alcalde da Coruña nese momento, é o encargado de efectuar “as negociacións e os trámites administrativos correspondentes”, tal e como citan Manuel Pérez Lorenzo e Carlos Babío Urkidi no libro Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio. No seguinte extracto amósanse as dificultades que plasma Peñamaría de Llano nunha carta a Ricardo Catoira, o secretario persoal de Franco:
Dos letras para darte cuenta que en el día de hoy he hecho entrega, al fin, de las laves de la casa desalojada por el Sr. Portela, a Vicente, el guardián del Pazo. En vista de que aquel Sr. no salía de su juego de «para alante y para atrás» (más para atrás que para alante) le señalé una fecha tope para que se fuera, y me obedeció. Desde el sábado día 16 ya habita en la nueva casa. Le autoricé para que durante unos días pueda seguir ocupando la cuadra vieja, con su ganado, ya que las nuevas cuadras que le hicimos las tiene, de momento, ocupadas con fruto. Tambien le autorice para que pueda retirar la fruta pendiente, y para transplantar algún árbol a su nueva propiedad.
A partir dese momento, a casa inscríbese a nome de Franco e pasa a ser ocupada, segundo Carlos Babío, “por unha das familias de Gardas Civís que antes vivía na casa da miña familia, colindante coa parcela da Casa das Cunchas. Desde que a casa se inscribiu a nome de Franco, unha familia de Gardas Civís hortelanos, normalmente a de máis rango, habitaba na casa da miña familia, e outra habitaba na Casa das Cunchas”.
PARTICULARIDADES DO INMOBLE
A apariencia da Casa das Cunchas mudou substancialmente unha vez estivo en mans da ditadura. De feito, o seu nome vén dado polo revestimento de cunchas da súa fachada. Non se saben con certeza as motivacións deste cambio de apariencia, mais o xornal El Ideal Gallego, publicaba o seguinte no ano 1981:
Hasta no hace muchos años era una simple casa de labranza, vieja y deteriorada, propiedad de un emigrado a América. En los últimos años de Franco, la casa fue comprada y se reconstruyó después de tirar las cuadras. Doña Carmen Polo aprovechó esta ocasión para darle un destino a un amplio "stock" de conchas de vieira que había acumulado: se enclavaron en la parte posterior de las paredes y a partir de entonces la edificación fue conocida por su nombre actual. Despues sería instalado el hórreo próximo a la casa, el cual fue traído al Pazo desde la provincia de Pontevedra.
A Casa das Cunchas foi reformada na súa totalidade no ano 1975. Ademais, o hórreo mariñán, típico das Rías Altas, foi substituído por un horreo característico da zona de Pontevedra. Con todas estas actuacións, os Franco pretenderon diluír completamente a identidade destes lugares, modificando de maneira substancial os trazos arquitectónicos típicos que caracterizan esta zona das Rías Altas. Neste inmoble hai un detalle que pasa desapercibido, pero é un claro exemplo das formas de actuar da ditadura: os frisos situados na fachada sur da vivenda, que presentan semellanzas coas do capitel de Santa María de Muxía.
QUE PASA HOXE COA CASA DAS CUNCHAS?
Afirma Emilio Grandío que “o relato sobre o Pazo cambia cando a Fundación Francisco Franco comeza a dar charlas directamente no Pazo de Meirás. Isto produce un gran desagrado nos movementos memorialísticos e sociais, xa que a narración acerca do Pazo difundíase dun xeito totalmente antidemocrático”. Este é un momento clave no proceso de recuperación do Pazo, xa que todo o tecido político, social e asociativo unificou esforzos para reclamar que a devolución do Pazo. “A vontade política e institucional foi fundamental”, resalta Grandío.
Non obstante, di Pérez Lorenzo que "o proceso polo que a Casa das Cunchas chega a mans de Franco é completamente diferente ao do resto do conxunto do Pazo”. É por isto que este inmoble e a súa correspondente parcela non poden incluirse dentro do conxunto que se lle reclama á familia Franco como patrimonio. As circunstancias desta casa, así como a forma de executar a súa expropiación, forman parte dun contexto substancialmente diferente ao do resto do Pazo de Meirás. Destaca así mesmo Javier García Gómez que, tanto o edificio coma os frisos medievais e outros elementos que contén o inmoble, “quedan excluídos da reivindicación como patrimonio do Estado por atoparse no exterior da muralla perimetral do pazo”.
ABANDONO TOTAL
Esta casa hoxe en día atópase nun estado de total abandono. A maleza chega case ás fiestras da vivenda e toda a parcela está completamente ateigada de herba. Segundo Pérez Lorenzo, a maiores da apertura dun novo expediente, “os Franco deberían manter limpa e coidada esta parcela, mais hoxe atópase totalmente desatendida. Eu entendo que, no momento no que o estado da finca afecte á estrada, os titulares desta deberían intervir. Noutro caso, o Concello podería intervir para instalos a que acondicionen a parcela”.
Son moitas as historias que arrodean os muros do Pazo de Meirás e cada unha delas está artellada arredor de casuísticas moi diferentes. A Casa das Cunchas, malia estar ubicada nunha posición estratéxica dentro do conxunto de Meirás, permaneceu agochada entre as sombras que escureceron e deformaron o relato real do Pazo. O proceso todavía non rematou, e a Casa das Cunchas é o claro exemplo de que é necesario seguir loitando no presente para rachar cun pasado de espolio e sometemento. Porque, como dixo o veciño de Meirás, Fernando Morán, nunha das primeiras marchas pola devolución do Pazo, hai que "devolver ao pobo o que é do pobo."