Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2025
Galicia asumirá a partir deste martes, 1 de xullo, as competencias sobre a xestión do litoral e, para ese efecto, a Xunta implantará un trámite único para asuntos referidos a costa, así como dúas novas canles de información á cidadanía: unha páxina web e unha liña específica no teléfono 012. Entre as novidades, deseñar un "chiringuito" cunhas características propias para os areais galegos.
Na comparecencia posterior á reunión semanal do Goberno galego, o seu presidente, Alfonso Rueda, lembrou que o martes se cumprirá un "feito histórico desde o punto de vista do autogoberno". O Consello da Xunta revisou este luns un informe sobre os avances dados nos últimos meses e da "folla de ruta" a seguir unha vez entre en vigor o exercicio destas competencias.
Un deles será que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático porá en marcha unha web e unha liña específica a través do teléfono 012 para canalizar todas as consultas de particulares e empresas sobre procedementos relacionados con usos e ocupacións do dominio público marítimo-terrestre, que deixará de ser de titularidade estatal. Xunto a isto, habilitarase o xa anunciado formulario "único" para as solicitudes relacionadas coa obtención de títulos habilitantes para intervencións tanto na franxa de costa como na zona de servidume de protección.
OUTRAS INICIATIVAS NOVAS SOBRE A COSTA
Así mesmo, Rueda fixo un repaso sobre as iniciativas que levou a cabo a Xunta nos últimos meses e os próximos pasos a dar para a xestión do litoral. Un deles é a convocatoria dun concurso de ideas para que estudos de arquitectura e profesionais independentes deseñen un prototipo de 'chiringuito' biosostenible e desmontable que se integre coa paisaxe das praias e as contornas naturais costeiros característicos de Galicia.
A idea é que o ano que vén xa haxa un proxecto básico para que as empresas interesadas poidan deseñar o seu propio 'chiringuito' seguindo estas pautas. Tamén haberá unha guía de integración paisaxística deste tipo de establecementos hostaleiros.
O presidente tamén lembrou que está en marcha a elaboración dun catálogo de bens costeiros de valor cultural, que este martes se someterá a consulta pública; e unha rede de sendas do litoral de Galicia, cuxo principal reclamo será unha gran ruta desde Ribadeo (Lugo) ata Tui (Pontevedra). Ademais, a Xunta xa traballa na regulación dunha rede de establecementos turísticos no litoral a partir de edificacións preexistentes que poidan destinarse a este uso.
ASUNTOS DE PESCA
Noutra orde de cousas, pero vinculado coa costa, o Goberno galego destinará 400.000 euros en 2025 a crear e consolidar organizacións de produtores pesqueiros (OPP) e asociacións compostas por esta estas entidades. Será unha nova orde de axudas, cofinanciadas con fondos europeos, que no mes de xullo sairá publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Por outra banda, as consellerías de Sanidade e Mar renovarán o convenio por un custo de 120.000 euros para realizar controis en augas onde se producen moluscos bivalvos. O obxectivo é garantir a seguridade alimentaria da poboación, ao coñecer o nivel de contaminantes que hai nestas zonas.
¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
Chiringuito de praia / Galiciacoolmagazine