Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 06/07/2025
Continuando un pouco no campo semántico da perda da vida, principiado hai un par de entregas, tocamos desta feita secuencias expresivas que, grosso modo, se veñen a corresponder coa castelá estar criando malvas.
Estar criando malvas
{= Estar unha persoa morta e enterrada.}
Estar comesto polos bichocos && Estar comido polos bichocos
Estar a criar bichocos
Estar a fender vimbias
Estar a vestir a caixa de piñeiro
[E MAIS]:
Estar a criar herbas
Estar cos dentes regañados
Ex.: Hace más de cuarenta años que está criando malvas.
Hai máis de corenta anos que está comesto polos bichocos ‡ que está criando bichocos ‡ que está a fender vimbias ‡ que está a vestir a caixa de piñeiro ‡ que está criando herbas ‡ que está cos dentes regañados.
● Tamén:
Estarlle a gardar os pitos ó abade # ó cura && Estarlle a gardar as galiñas ó cura
Ex.: Hai máis de corenta anos que lle está a gardar os pitos ó abade ‡ que lle está a gardar os pitos ó cura ‡ que lle está a gardar as galiñas ó cura.
● Tamén:
Estar comiendo tierra # comiendo barro # mascando tierra # mascando barro && Estar haciendo bodoques
Estar a comer terra && Estar debaixo dos terróns && Estar a facer esterco
Ex.: Hai máis de corenta anos que está a comer terra ‡ que está debaixo dos terróns ‡ que está a facer esterco.
● E tamén:
Estar en la fosa # en la tumba && [E MAIS]: Estar en el cementerio # en el camposanto
Estar na pataqueira # na cova # na burata # na buraca # no furoco && Estar na horta do cura && [E MAIS]: Estar no cemiterio # no camposanto && (Xa) Caer {EN TEMPO VERBAL PASADO} na cova
● E mesmo tamén, aderezada coa retranca típica galega, e máis ou menos axeitada en función dos contextos:
Xa non lle doer nada
Ex.: Hai máis de corenta anos que xa non lle doe nada.
NOTAS:
1. Nótese que, tal e como aparece xa reflectido nalgún dos exemplos expostos máis arriba, no canto da perífrase verbal aspectual estar + a + infinitivo é susceptible de se utilizar a súa equivalente ou “sinónima” estar + xerundio:
Ex.: O coitado xa lle está a gardar os pitos ó cura = O coitado xa lle está gardando os pitos ó cura.
2. As expresións e solucións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Castro Otero, Salvador et alii: “Botando unhas liñas no mar do Morrazo”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 19, 2017, páxs. 127-150. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Ferro Ruibal, Xesús: “Dentes e moas na fraseoloxía galega”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 69-126. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- García, Constantino & González González, Manuel (dirs.): Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega. Colección Galicia Viva / Real Academia Galega. Fundación Pedro Barrié de la Maza, ano 2004.
- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “120 locucións verbais galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 373-386. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).
- Real Academia Galega: sección “Allos con bugallos”, no Portal das Palabras.
- Rivas Quintas, Elixio: Material lexicográfico da súa elaboración consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina):
a. Frampas, contribución al diccionario gallego, publicado en 1978.
b. Frampas II, contribución al diccionario gallego, publicado en 1988.
c. Frampas III, contribución al diccionario gallego, inédito e cedido polo autor para o Diccionario de diccionarios da lingua galega.
- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
Un home toma o sol na praia de Silgar /Elena Fernández - Europa Press