Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 03/07/2025
Hai espazos no mapa que desapareceron da conversa pública por incomodidade, por medo ou por simple desidia institucional. Un deses lugares é a fosa atlántica, fronte ás costas galegas, a uns 4.000 metros de profundidade. Alí, dende mediados do século pasado, foron arroxadas toneladas e toneladas de residuos radioactivos por parte de diversos países europeos. O tema esvaeceu durante anos baixo o silencio político e mediático, pero, agora, retorna impulsado por novas denuncias e pola presión dun grupo de oceanógrafos franceses. Mentres tanto, a resposta desde Galicia e España é desigual. A descoordinación entre administracións e a ambigüidade da Comisión Europea contrastan co que para moitos expertos é unha situación crítica. Non tanto polo que xa se saiba, senón por todo o que non se investigou.
Durante máis dun século, os océanos serviron como destino para a eliminación de diversos tipos de residuos xerados polas actividades humanas, incluíndo os residuos radioactivos de baixo nivel que foron depositados en máis de 50 puntos do Atlántico e Pacífico Norte. Desde a primeira operación rexistrada en 1946 fronte á costa de California, ata a última en 1982 --ano no que se asinou o Convenio de Londres-- no Atlántico galego, estimouse que se verteron preto de 63 petabecquerelios (PBq) de material radioactivo nos nosos océanos, máis de 150.000 toneladas, principalmente procedentes da investigación científica, a medicina e a industria nuclear, tal e como se recolle nun artigo publicado en 1989 pola IAEA asinado polo investigador Dominique P. Calmet; e nun informe publicado pola OSPAR Commision hai tan só uns anos. Estes residuos foron xeralmente embalados en bidóns metálicos revestidos cunha matiz de formigón e betún para limitar a súa dispersión.
A pesar de conter principalmente emisores beta-gamma como estroncio-90 e cesio-137, tamén se detectaron trazas de emisores alfa como plutonio e americio. Os controis e vixilancia, coordinados pola Axencia Internacional da Enerxía Atómica (IAEA) e o Organismo para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE), mediante programas como CRESP, realizaron seguimentos regulares que non detectaron niveis anómalos de radioactividade nas augas, sedimentos e organismos mariños arredor dos lugares, confirmando que a dispersión oceánica non representaba riscos radiolóxicos significativos para o medio mariño nin para a saúde humana. Agora ben, en 1992, a convención OSPAR Commision prohibiu o vertido de substancias radioactivas de baixo e medio nivel na súa zona marítima (Atlántico Noreste), seguida por unha prohibición global en 1993 baixo o Convenio de Londres modificado.
"SE ERA INOCUO, POR QUE OS PAÍSES QUE REALIZARON AS VERTEDURAS NON BOTARON ESES RESIDUOS RADIOACTIVOS FRONTE ÁS SÚAS COSTAS?"
Jesús Gago Piñeiro, oceanógrafo e experto internacional en lixo mariño, non emprega rodeos: "Se non había risco, por que os países responsables das verteduras non botaron eses residuos fronte ás súas costas? Por que o fixeron a milleiros de quilómetros delas?". Fala a título persoal, con claridade e indignación, deixando clara que é a súa opinión, pero que se atopa firmemente sustentada na evidencia científica. Os datos que manexa son contundentes: "Foron miles de bidóns con substancias radioactivas vertidos, e aínda hai políticos e organismos que se atreven a dicir que iso é inocuo". "A min paréceme unha aberración e un auténtico atentado ecolóxico o ter estado tantos anos empregando os mares como vertedoiro de substancias que por suposto que teñen impacto sobre o medio", asevera. Así, o oceanógrafo asegura atoparse realmente sorprendido pola "pasividade" da Comisión Europea en todo este asunto.
"UN ATENTADO ECOLÓXICO AGOCHADO BAIXO A ALFOMBRA"
Gago Piñeiro considera que esta cuestión leva décadas tapada. Non só polo interese dos Estados implicados nas verteduras --Bélxica (2,12 PBq), Francia (0,35 PBq), Alemaña (0,0002 PBq), Holanda (0,34 PBq), Suecia (0,03 PBq), Suíza (4,42 PBq) ou Reino Unido (35,1 PBq)--, senón pola culpa da propia Comisión Europea: "Estamos falando dun tema que está recollido nos principios básicos da UE: quen contamina, paga; e aquí ninguén paga nada". A súa proposta é clara: que o Goberno español ou a Xunta de Galicia reclamen á Comisión Europea que promova estudos serios e independentes sobre o impacto destes residuos, e que sexan os propios países que verteron eses bidóns radioactivos na fosa atlántica os que financien eses estudos. "Non é xusto que sexamos nós os que teñamos que pagar polo que outros verteron aquí, por esas toneladas de lixo radioactivo", considera.
"O ESTUDO? QUE O PAGUEN ELES, AÍNDA QUE SEXA CARO"
Tamén critica que moitas veces se fagan estudos "de cara á galería", que mostrean só zonas presumiblemente limpas. "Hai que facer campañas serias, con participación española, pero financiadas polos que causan o dano, e que non sexan un paripé", promove Gago Piñeiro, que recoñece que o custo de recuperación destes bidóns sería altísimo. Con todo, tamén afirma que "iso é outro problema, o primeiro é asumir responsabilidades". E lamenta que para outras materias non haxa tanta resistencia a ofrecer financiamento: "Para poñer o 5 % do PIB en armas non hai problema, pero para remediar isto, todo son escusas".
"MOVER UN BARCO CON INVESTIGADORES PARA ANALIZAR OS IMPACTOS NON É BARATO, PERO É NECESARIO"
Neste contexto, o investigador tamén pon en valor o paso dado por Francia, financiando esa investigación oceanográfica que volveu sacar a frote todo este tema dos residuos radioactivos que se atopan sepultados na fosa atlántica galega despois de tantos anos de costas á opinión pública: "É unha investigación cara, pero é o que toca; mover un barco con persoal científico para investigar este asunto e os seus impactos non é barato, pero si é necesario".
"EU CREO QUE NON SE VAI FACER NADA, HAI UN DESINTERESE TOTAL E A COMISIÓN EUROPEA TEN UNHA RESPONSABILIDADE FLAGRANTE NISTO"
Chegados a este punto, que cómpre agardar que aconteza agora? A visión do investigador do IEO é totalmente pesimista sobre o que poidan facer os países responsables ante todo este debate mediático, político e social: "Non van facer nada, hai un desinterese total e a Comisión Europea ten unha responsabilidade flagrante nisto e amósase cómplice desa desidia". Así as cousas, Gago Piñeiro conclúe con forza: "Todo isto está baixo a alfombra, foise acumulando durante décadas para tratar de ocultalo, pero, o que acontece cando metes moito lixo debaixo da alfombra, é que rematas tropezando nela e levando un bo golpe".
¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
Operación de Greenpeace para deter o lanzamento de residuos radioactivos na fosa atlántica galega / Greenpeace - Arquivo
Bidón radioactivo no fondo mariño / Artigo publicado pola AIEA
Verteduras de bidóns radioactivos arredor do globo / Artigo publicado pola AIEA