Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/07/2025
A Xunta apura horas e días para ter todo listo na loita contra o lume. Con todo, a consolidación de postos de traballo (fixos discontinuos que traballan uns meses ao ano no canto de 12 meses) aínda non están listas en todas as categorías, quedarían uns anos até chegar a ese punto. Doutra banda, os medios aéreos (agás os hidroavións e algúns avións de carga en terra) maiormente helicópteros, levan unha parte substanciosa no que toca a orzamentos. Con todo, isto non debe reflectirse nas nóminas das tripulacións pois unha das empresas que está a cargo de dúas das aeronaves ten as tripulacións en folga. A isto sumarlle as brigadas municipais dependentes de subvencións achegadas polo goberno autonómico e que, en moitas ocasións, teñen persoal cobrando por debaixo do establecido para as diferentes categorías entro do convenio laboral correspondente.
BRIGADAS, PRAZAS E CONSOLIDACIÓNS
A consolidación de postos dentro das brigas contra os incendios foi unha constante durante anos. Con persoas traballando só tres meses por ano ou seis e con moi poucas durante os doce meses, a precariedade laboral era e segue sendo unha constante dentro do colectivo de traballadores contraincendios. Todo a pesar de que en 2019 houbo unha OPE coa que se puideron asegurar doce meses de traballo por ano unha serie de persoas para os postos de emisorista-vixilante ou bombeiro-condutor entre outros. A posición destas categorías tiña que estar resolta xa este 2024, mais como apuntan desde UGT é moi posible que non estea todo solucionado até o ano 2025.
En paralelo, foise aumentando o número de meses traballados para os fixos discontinuos. De tres meses pasaron a ir aumentando de maneira paulatina a seis e logo nove meses por ano. Nalgunhas categorías aínda quedan mínimo tres anos para que moitas persoas poidan estar traballando durante doce meses. En definitiva, a chegada do pleno emprego ten tempo por diante para ser efectiva.
Doutra banda, están as brigadas locais ou municipais que, como sinalan fontes da CIG, responden moitas veces a decisións políticas. Un concello pode ter unha brigada contraincendios de seu mais a Xunta é quen concede subvencións para fornecer de orzamentos estes equipos municipais. Porén, desde UGT sinalan que a diferenza salarial entre as mesmas categorías poden ser moi pronunciadas. Así, un xefe de brigada autonómica pode cobrar entre 1.300 e 1.400 euros fronte aos 1.000-1.200 euros da mesma categoría nunha brigada municipal.
EPIS E RECURSOS HUMANOS
Os Equipos de Protección Individual (EPI) son o “escudo” dos e das traballadoras contra o lume. Segundo sinala UGT, algunhas prendas teoricamente ignífugas non portexen os usuarios da maneira que se esperaba. Isto sucedeu hai un ano cando un lote de camisolas non cumpriron coas necesidades requeridas. En lugar dunha categoría 2 de protección foron subministradas camisolas de categoría 3, isto levou a que algúns traballadores acabasen con queimaduras.
Por outra parte, sería necesario tamén incidir no terreo da prevención de riscos laborais, segundo fontes da CIG. Isto conseguiríase mellor, apuntan desde este sindicato, cun dispositivo de Recursos Humanos e un servizo de prevención propios para as brigadas. A idea é levar adiante unha normativa para a prevención de riscos que afecten de maneira directa ás brigadas a pé de lume.
No tocante aos EPIs, en novembro de 2023 o adxudicatario para fornecer de uniformes ás brigadas foi TECNICAL UNIFORMS SL, que recibiu 130.680,00 euros. Porén, a día 16 de maio de 2025 mediante procedemento aberto simplificado abreviado, Medio Rural lanzaba unha nova contratación de camisolas ignífugas por 72.539,50 euros con IVE. De momento, e mentres se redactaba esta reportaxe, este lote de roupa estaba pendente de adxudicar.
A VOLTAS COS HELICÓPTEROS
Actualmente hai 16 bases privadas de helicópteros e as públicas son Queimadelos (Mondariz), O Barco de Valdeorras, Xurés (Muiños), Marroxo (Monforte de Lemos) e Vilamaior (Verín). As bases de Queimadelos e de O Barco foron recuperadas para a titularidade pública. O que non é titularidade pública son as aeronaves tanto as preparadas para extinción, para transporte de brigadas como de coordinación. O motivo de que sexan naves privadas é histórico, mais a distribución realizada entre empresas para as diferentes tarefas encomendadas fai pensar nun “case” oligopolio.
A primeira empresa é Avincis, empresa propiedade do fondo de investimento Ancala Partners. Actualmente operan en Galicia as naves de Salvamento Marítimo, Gardacostas de Galicia e dous helicópteros de coordinación contraincendios. Estes dous últimos foron contratados por Medio Rural para a coordinación das naves para brigadas aerotransportadas e as destinadas a extinción do lume. As bases están en Silleda e Portomarín. Avincis tamén opera un helicóptero na BRIF de Laza que traballa para a Administración Central. Actualmente, as tripulacións desta empresa están en folga pois reclaman subas salariais logo de levar oito anos cos soldos conxelados, tal como sinala o Sindicato Libre de Trabajadores Aéreos.
Os dous helicópteros de Avincis foron contratados xunto con outros seis á empresa Airworks para, como di o documento de Medio Rural: “El objeto del contrato consiste en la realización del servicio integral de seis (6) helicópteros de tipo ligero y dos brigadas helitransportadas destinados a la defensa contra los incendios forestales durante los años 2023, 2024 y 2025” (sic). O período temporal tamén é o mesmo para Avincis. A contratación, en total, supuxo 13.129.514,40 euros.
En canto a Airworks, a súa propiedade é de Adani Defence Systems & Technologies Ltd. En Galicia, polo menos até 2024, estaría operando baixo a fórmula de Unión Temporal de Empresas (UTE) denominada Helicópteros de Galicia, xunto á empresa Rebofosa que é a encargada do persoal das bases.
As campañas contraincendios supoñen un forte investimento de orzamentos públicos que, a día de hoxe, tamén se reparte entre diferentes empresas privadas, cada unha especializada nunha área concreta e que non queren deixar escapar unha oportunidade.
¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
Un helicóptero sobrevoa o punto verde de Fragoselo, en Coruxo (Vigo), no que se atopa a planta de biomasa, totalmente arrasado polo lume da vaga de incendios que asolou Galicia en pleno mes de outubro / MN
Compra de uniformes ignífugos 2023
Valor total da contratación de helicópteros coordinación e contraincendios
diferentes contratos para camisolas ignífugas
Queimada en brazo de brigadista por deficiencia en roupa ignífuga / cedida