A Xunta reclamará 2,5 millóns de euros polo dano ambiental dos pélets e fomentará o “pacto galego polo litoral”

Con motivo das competencias de xestión da costa, a conselleira de Medio Ambiente apostará pola creación dunha gran senda litoral.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/07/2025

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, anunciou a decisión da Xunta de ir aos tribunais para "impugnar" a decisión do Estado de non iniciar procedemento de existencia de responsabilidade polo dano ambiental e os custos xerados a raíz da vertedura de pélets que afectou á costa galega entre finais de 2023 e comezos de 2024. 

No pleno do Parlamento, a conselleira explicou que o pasado 4 de xullo remitiu unha carta á vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica, Sara Aagesen, na cal lle dá traslado dun requirimento previo á vía contenciosa administrativa "ante a negativa de iniciar este proceso, un proceso que é de responsabilidade ambiental".

A conselleira cifrou este martes en 2,5 millóns o custo do operativo que puxo en marcha en máis de 630 praias de 66 concellos costeiros polos pélets procedentes dun colector que o buque mercante Toconao perdeu en decembro de 2023 fronte á costa de Portugal. Todo iso nunha intervención na que deu conta de medidas a pór en marcha en Galicia con motivo das competencias de xestión da costa, onde fixo un chamamento aos grupos a sumarse a "un pacto galego polo litoral".

"PACTO GALEGO POLO LITORAL"

Todo iso nunha intervención a petición propia na que deu conta de medidas a poñer en marcha en Galicia con motivo das competencias de xestión da costa, onde fixo un chamamento aos grupos a sumarse a "un pacto galego polo litoral", pois é "responsabilidade de todos". "Únanse porque ben merece a pena", afirma. Así, a conselleira incidiu nas medidas a desenvolver coa xestión do litoral, xa avanzadas o pasado 1 de xullo --que define como un "día histórico"-- nun acto en Vigo.

Entre estas medidas atópase: crear unha gran senda litoral na que se unificarán todos os tramos peonís e ciclistas desde Ribadeo ata A Guarda; haberá unha convocatoria de 4 millóns en axudas para recuperar o uso de 300 edificios "en perigo de ruína" --citou exemplos como fábricas de salgadura en Ortigueira ou o faro de Teis, en Vigo--; a creación dun rexistro do litoral --con todas as autorizacións e concesións na costa--; ademais dunha rede de establecementos turísticos na costa.

Outro dos proxectos xa avanzado hai uns días é un concurso de ideas, que se lanzará este verán, para deseñar un modelo de 'chiringuito' biosostenible, que sirva para os interesados en instalar un establecemento deste tipo na costa. Apunta que hai 400 chiringuitos nas costas galegas. O obxectivo é que en 2026 estea redactado o proxecto que sirva de guía. Por outra banda, Galicia celebrará nos próximos meses tanto un cume de municipios costeiros como outra con comunidades sobre a xestión do litoral. De cara á simplificación de trámites, a Xunta habilitou unha solicitude única para todos os procedementos unificando cinco formularios. Tamén puxo en marcha un novo espazo web, co nome Galicia Litoral, no que se centralizará toda a información relativa a esta cuestión.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

1 comentario
1

Arteixá

Rede de establecementos turísticos. DANGER. Non esperaba menos que declarar todo de interese turístico, urbanizable, asfaltable e enladrillable. Por que non ter turistas puidendo ser coma Marbella?


A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, no pleno do Parlamento / XUNTA

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.