Paula Teixeira: “Desde logo que os neofalantes son parte do futuro para o galego”

Paula Teixeira, doutora en Lingüística (2024) pola universidade de Glasgow en Escocia. Foi lectora de galego na Universidade de Cork (Irlanda) e agora mesmo está levando adiante unha investigación posdoutoral con especial interese na regueifa. Este traballo enmárcase dentro dun proxecto moito máis amplo levado adiante desde a Universidade de Glasgow sobre linguas minorizadas e neofalantes grazas ao apoio dos fondos Horizon Europe. O traballo concreto de Paula Teixeira é o uso da regueifa tanto en neofalantes como falantes nativos.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/07/2025

-Vives en Glasgow, Escocia, e desde alí apréndeslles galego a persoas do ámbito anglofalante. Como nace en ti esta idea?

Falamos de neofalantes, persoas que aprenden a lingua desde un contexto lingüístico alleo, non persoas galegas que nunca falaron o idioma e agora están aprendendo e que dan ese cambio. Comecei porque xa tiña experiencia de cando estiven como lectora na Universidade de Cork (Irlanda) do 2017 ao 2019. Alí daba aulas de galego a estudantes rexistrados nesa universidade, maiormente irlandeses e tamén erasmus. Andando o tempo, en Glasgow iniciei o doutoramento e de paso, retomei a faceta de profesora de maneira profesional. A diferenza é que moitas veces as aulas de galego para neofalantes están pensadas para ensinar o idioma a través do castelán. Hai carencia de profesorado fluente en inglés para dar aulas en galego. Levo dous anos nunha plataforma internacional que ofrece diferentes linguas e eu ofrezo o galego desde a nosa lingua sen pasar polo castelán. De momento xa van 50 persoas pero, hai que dicilo, é necesario poñer moita enerxía e atención para que os estudantes continúen.

-Hai características diferenciais entre os e as estudantes?
Observei tres grupos. O primeiro son curiosos ou fans da cultura galega, persoas que lles interesa o país, que buscan mercar unha casa para mudarse e veñen ás miñas aulas para prepararse. Outro tipo son persoas que estudan todas as linguas posibles para eles, como facer unha estrela máis entre todas as linguas que estudan. Buscan as cousas máis exóticas e máis complicadas. Logo están os descendentes da emigración galega, a maioría veñen de países anglófonos: EEUU, Canadá ou Reino Unido. Tamén hai latinoamericanos mais estes viven case todos en EEUU e están tan asentados no inglés que é a súa lingua vehícular.

Hai carencia de profesorado fluente en inglés para dar aulas en galego

-Cal é a reacción ante o galego por parte das persoas que non teñen ningún contacto coas linguas da Península Ibérica?
Chócalles bastante mais sempre teñen algún tipo de noción, sería estraño que nunca se encontrasen con algo de castelán ou francés. Con todo, a cousa que máis lles custa, dependendo da súa vagaxe, sería a conxugación verbal: que cada persoa gramatical e cada tempo teña unha forma verbal diferente e tamén o xénero gramatical. Chócalles que un obxecto como unha lavadora ou un lapis teña un xénero. É un traballo conseguir que as persoas non se desanimen polo camiño, por iso hai que usar modelos sinxelos para achegar unha lingua tan complexa como a nosa sen que se me desanimen polo camiño. Isto necesita dun coñecemento da lingua inglesa moi profundo para poder establecer comparacións e que non se sintan abrumados.

-Encontraches casos de fillos de emigrantes que só falen inglés e galego?
Haberá algún caso, si, nese caso xa non necesitarían apoio. Algúns fillos de galegos veñen ás aulas por necesidade pois ás veces van de visita a Galicia e a xente alí intentará falarlles en inglés ou castelán. Por iso os descendentes aprenden por unha cuestión pragmática e tamén por cuestións emocionais moi potentes e queren conectar coa súa familia máis directa.

O que máis lles custa aos neofalantes son os tempos verbais e os xéneros gramaticais

-Estiveches na Biblioteca Maravilhas en Arroxo, Lourenzá, observando os cursos de galego para neofalantes. Que che chamou a atención destes cursos para achegarte a ese lugar?
Foi unha visita breve pois eu fun polo evento de regueifa que se estaba celebrando alí, unha presentación do libro de Sechú Sende O povo improvisador, e a actuación de Regueifa Tour. Ese era o motivo da miña visita e porque estou facendo un posdoutoramento de sociolingüística do galego cun especial interese na regueifa. A miña motivación era presenciar e documentar ese evento ademais de coñecer o curso en si mesmo. Igual no futuro pode haber algún tipo de colaboración. Mais agora mesmo estou facendo un traballo de campo para o posdoutorado.

-Describe o teu traballo de posdoutorado, cales son as liñas de investigación.
Este proxecto xa estaba constituído con fondos Horizonte Europa onde participan nove universidades europeas. Facemos traballos con linguas minorizadas en diferentes contextos e cada unha temos unha misión nun punto concreto, nun espazo concreto, mais logo temos a misión conxunta de enviar un informe ás autoridades europeas para axudar a lexislar no futuro dunha maneira axeitada e informada sobre retos e desafíos que enfrontan estas linguas. Un deses casos é o galego con Bernadette O'Rourke, catedrática que ten traballado moito co galego e o tema dos neofalantes sendo unha das grandes visibilizadoras do fenómeno do neofalantismo a nivel internacional. Interésalle o fenómeno da regueifa e ver até que punto axuda no incremento de neofalantes, sobre todo entre a xente nova. Iso foi o motivo polo que me elixiron para vir a Galicia.

-Arredor do teu traballo con neofalantes, sobre todo cos que tratas, cales son as túas conclusións actualmente?
Cos estudantes con quen eu trato vexo un sentimento de validación, pasoume nesta plataforma para aprender idiomas. Dentro dun contexto académico é unha materia, unha optativa, matricúlanse por un curso enteiro, etc. O contexto en que eu dou aulas é moi comercial, o alumnado non estaría aí se non fose porque hai algo que están recibindo. A conclusión é a validación, sobre todo pensando nos complexos de inferioridade arredor do galego. Mentres tanto, vemos xente de fóra que vén a cursos de verán a comprometer o seu tempo para aprender galego. Á xente quitaríanselle moitos complexos se se desen a coñecer todos so traballos que se fan desde o ILG e a RAG, desde os traballos con neofalantes na Biblioteca Maravilhas e o que facemos outras persoas a nivel individual. Hai linguas que, digamos, son moi comerciais e logo hai outras polas que as persoas senten moito interese a nivel particular por coñecer a nosa lingua, queren visitar Galicia e integrarse. Teño un grupo de estudantes que xa viven no país e queren aprender o galego para integrarse, para facer un exame e por cuestións puramente pragmáticas onde a lingua é útil e necesaria.

Na Universidade de Glasgow interesa moito o fenómeno da regueifa

-A Universidade de Glasgow ten algún departamento específico para o galego?
Non hai un Departamento específico. A miña tese era sobre o galego e fíxena no departamento de Lingua Inglesa e Lingüística. Agora traballo coa profesora O'Rourke na facultade de Linguas e Culturas Modernas, concretamente no departamento de Hispánicas. Nese departamento hai unha persoa lectora de catalán mais non de galego. O formato habitual son os Centros de Estudos Galegos dependentes da Xunta polo tanto hai un protocolo a seguir que ao final debe validado por esta institución. Non descartamos a creación dun Centro de Estudos Galegos en Glasgow, sería moi positivo.

-Os neofalantes son unha parte do futuro que lle queda ao galego?
Si que o son e son parte integrante da comunidade que fala a lingua, e benvidos sexan.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Paula Teixeira Moláns

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.