A Xunta foi obxecto dun ataque phishing, un intento de roubo de datos persoais de funcionarios, a través do envío dun correo hackeado da Consellería de Educación.
O correo en cuestión aseguraba que, "debido á recente actualización do servidor de ancho de banda do correo da Xunta de Galicia", o administrador do correo web estaba eliminando todas as contas de correo electrónico inactivas ou non utilizadas "que están a conxestionar o noso servidor de ancho de banda do correo web". "Forma parte da nosa política de mantemento, e o seu enderezo de correo electrónico aparece como inactivo no noso servidor de ancho de banda", engadía.
Os piratas informáticos ofrecían un enlace para actualizar os datos e "revalidar a conta de correo electrónica como válida" e indicaban ao conxunto do funcionariado de Educación a seguir unhas instrucións para facelo. Ademais, ameazábanos asegurando que se se negaban a verificar estes datos "dentro das 48 horas posteriores á recepción deste aviso", perderían permanentemente a súa conta de correo .
Fontes da Xunta consultadas por GC confirmaron este ataque pero aseguran que desde a Amtega, o órgano de control cibernético do Goberno galego, xa tiñan controlada a situación.