Alerta climática en Galicia : 172 áreas con risco de inundación tras aumentar 25 cm o nivel do mar

O informe 'Destrución custe o que custe' de Greenpeace pide cambios drásticos nas políticas ambientais para evitar acelerar o cambio climático.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 17/07/2025

Greenpeace denuncia que a xestión do litoral galego ignora a realidade do cambio climático que afectará numerosas praias, a pesca e ou marisqueo. Así, destaca que, co cambio climático, nos próximos 25 anos o mar podería entrar máis de 20 metros na terra. A demarcación hidrográfica Galicia-Costa conta con 172 áreas con rocha potencial significativa de inundación
 
Nun comunicado, esta organización reclama medidas de mitigación e adaptación ao cambio climático que reduzan a vulnerabilidade da costa e da súa poboación. Cunha redución moderada das emisións de gases de efecto invernadoiro poderíase evitar o 40 % do retroceso das praias de todo o mundo.
 
“Mentres os impactos climáticos nos mostran a súa crueza nesta rexión, a Xunta de Galicia mira cara a outro lado, recuperando modelos litorais xa obsoletos e poñendo ao límite os ecosistemas costeiros que nos protexen”. Con estas contundentes palabras resume Elvira Jiménez, coordinadora de campañas de Greenpeace, a situación do litoral galego na presentación, hoxe, dunha nova edición do informe Destrución custe o que custe, que vén sinalando, desde o ano 2000, a imparable deterioración das costas españolas. Nesta nova entrega, detállanse os impactos do cambio climático e do urbanismo no litoral de Galicia, que se poden visualizar nun mapa satelital, tamén elaborado por Greenpeace.
 
O informe Destrución custe o que custe 2025: impactos do urbanismo e do cambio climático no litoral é unha exhaustiva investigación da organización ecoloxista que pon de manifesto como protexernos dos impactos do cambio climático é un dos principais desafíos sociais, económicos e ambientais aos que se enfronta o país.  "A costa gallega non merece seguir deteriorándose. Proxectos como o de Altri Macrocellulose tamén terán un grave impacto na costa, algo que xa non podemos permitirnos", declarou Jiménez.
 
COSTA EN PERIGO E SUBA DE TEMPERATURAS
 
A costa de Galicia esténdese ao longo de 2 555 quilómetros, o que a converte na máis extensa de España. A pesar diso, máis do 40 % carece de protección efectiva, polo que queda exposta a diversos riscos como a erosión, a contaminación e a ocupación do solo, que poden comprometer a biodiversidade e os servizos ecosistémicos que ofrece.
 
Con todo, a Xunta de Galicia aposta por aumentar o número de turistas á custa da crecente saturación de espazos naturais, dun incremento do turismo estacional e dunha perda de autenticidade en moitas localidades. A iso, di Greenpeace, hai que sumarlle que a contaminación das rías galegas é un problema crónico. Ata as súas augas chegan a diario verteduras procedentes da actividade industrial, augas residuais urbanas, fertilizantes, xurros e outros tipos de residuos.  Unha situación, alerta, que se acrecentará coa construción da megacelulosa de Altri. 
 
Ao mesmo tempo, as previsións do impacto do cambio climático enchen a costa galega de puntos de risco. A demarcación hidrográfica Galicia-Costa conta con 172 áreas con risco potencial significativo de inundación. Moitas destas zonas concéntranse ao redor das rías, ás que se suman outros puntos que destacan por risco potencial de inundación mariña. En Lugo, a costa de Burela e San Cibrao e ría de Viveiro. Na Coruña, as praias de Cedeira, ría de Ferrol, Betanzos, praia do Orzán e Riazor, ría da Coruña, Malpica, Laxe, Arou, Muxía, praia da Langosteira en Fisterra, praia do Ézaro, praia do Pindo, Porto do Son, Corrubedo, A Pobra do Caramiñal e Vilanova de Arousa. En Pontevedra, Marín, litoral desde cabo Estai ata a praia de Patos, Nigrán, San Pedro da Ramallosa e A Guarda.
 
Nun escenario moderado de redución de emisións e un horizonte 2026-2045, estímase que a suba da temperatura do mar máis acusada se dará na costa ao norte de Ferrol e Cedeira ata Foz, onde podería aumentar ao redor de 0,20 ºC para mediados de século e ata 0,6 ºC para o último cuarto de século. Ademais, as estimacións científicas falan dunha suba do nivel do mar de aproximadamente 25 cm de media. O quecemento da auga no Atlántico pode provocar que os furacáns ou ciclóns cheguen ás costas galegas con maior forza e con máis frecuencia
 
SOLUCIÓNS
 
"É urxente facer fronte a estes riscos", di Greenpeace. Tan só cunha redución moderada das emisións de gases de efecto invernadoiro poderíase evitar o 40 % do retroceso das praias de todo o mundo. Para o 2050, protexer e conservar as praias suporía un beneficio 150 veces superior a deixar que se sigan deteriorando.
 
Por iso, as principais solucións que propón esta organización son unha acción climática urxente e ambiciosa para protexer a biodiversidade. Tamén protexer, restaurar e renaturalizar a costa; reducir a exposición ao risco e adaptación transversal, local e participada e, finalmente, pór couto á turistificación contando coa participación comunitaria. 

 

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Vulnerabilidade turística de praias en risco de inundacións nas Rías Baixas. Verde: praias con baixa vulnerabilidade turística; amarelo: vulnerabilidade media; vermello: alta vulnerabilidade | Fonte: Environments 2017, 4(4), 83.

Apertura da lagoa da Frouxeira, en Valdoviño (A Coruña). XUNTA

Unha muller sóbese a unha zona segura debido á inundación do río Miño na zona da praia da Antena, en Ourense / Rosa Veiga - Europa Press - Arquivo

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.