Rueda sobre a Conferencia Sectorial pola repartición de menores migrantes: "Galicia só asistirá se o Goberno fai as cousas ben"

O presidente galego pide planificación, recursos orzamentarios e obxectividade: "Empeñáronse en que era unha traga". A conferencia sectorial de Infancia na que estaba previsto abordar a repartición dos menores migrantes non acompañados suspendeuse por falta de "quórum" tras o 'plantón' das comunidades autónomas do Partido Popular, agás Ceuta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 17/07/2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que Galicia acudirá a unha Conferencia Sectorial sobre menores migrantes se o Goberno central "fai as cousas ben". Así o detallou este xoves a preguntas dos medios de comunicación na Coruña despois de que, na xornada do mércores, a conselleira de Política Social, Fabiola García, informase de que non ía acudir á Conferencia porque foi convocada "de forma ilegal" e cunha orde do día rexeitada en reunións previas. Neste sentido, o presidente galego apuntou a que deben de pór unha orde do día na que "todos estean conformes, discutida previamente e que conte co que piden".

"Se se nos está pedindo que as comunidades autónomas acollamos a menores non acompañados, o lóxico é facelo con planificación, recursos orzamentarios e obxectividade", puntualizou Rueda. A continuación, criticou que "non ten ningún sentido" que a Cataluña ou ao País Vasco "non lle corresponda" esa acollida de menores migrantes e que Galicia teña que recibir a "máis de 300". Por tanto, pediu unha "distribución obxectiva" e "tempo e financiamiento necesario" para poder atendelos. Así mesmo, o presidente autonómico volveu incidir en que Galicia "ten saturados, cubertos case ao 110 %," os recursos para acoller aos menores non acompañados. 

Rueda afeou ao Ministerio que, "en todo este tempo, se negase a falar coas comunidades autónomas" para planificar e buscar os recursos orzamentarios necesarios. "Empeñáronse en que isto era unha traga e a consecuencia é que a reunión onde pretendían consumar todo isto non tivo lugar, porque como querían facelo era ilegal", incidiu Rueda. "Acoller si", continuou Rueda, pero "sen ningún tipo de sistema" e para que o Goberno central se saque "un problema de enriba" onde o de "menos" sexan os menores, "non". Finalmente, o presidente da Xunta asegurou que se a convocatoria da Conferencia Sectorial se fai "adecuadamente", Galicia "sentará". "É tan simple como facer as cousas ben", sentenciou Rueda.

COMUNIDADES DO PP, AGÁS CEUTA, PLANTAN CARA A REGO

A conferencia sectorial de Infancia, convocada polo Ministerio de Mocidade e Infancia para este xoves, e na que estaba previsto abordar a repartición dos menores migrantes non acompañados, suspendeuse por falta de "quórum" tras o 'plantón' das comunidades autónomas do Partido Popular, agás Ceuta. A falta de confirmar o número total de conselleiros presentes na reunión, entre outras comunidades, asistiron Canarias, Cataluña, Castela-A Mancha, País Vasco e Ceuta, sendo esta última cidade autónoma a única gobernada polo PP que acudiu. Fontes do Ministerio de Mocidade e Infancia precisaron que é un "xesto performático" por parte das CCAA do PP porque "o Real decreto segue adiante" e acúsanas de "falta de cooperación" e "abandono de funcións".

O BNG ACUSA AO PP DE USAR AOS MENORES MIGRANTES COMO "ARMA POLÍTICA"

A viceportavoz parlamentaria do BNG Olalla Rodil acusou ao PP de utilizar aos menores migrantes como "arma política". Rodil dixo que ve ao PPdeG "máis sumiso e máis centralista da historia" por estar "sometido á estratexia partidista do PP en Madrid" e censurou que utilice "de maneira despreciable" os dereitos dos nenos migrantes "como arma política".  Así, cuestionou que diferenza hai entre o PP "máis ultra da historia" e a extrema dereita. "Nestes actos, nos que se ve como se sementa o odio, despois vemos que se reproduce en pobos e cidades de todo o Estado", lamentou Rodil. Nesta liña, pediu aos populares que "deixen de instrumentalizar ao Goberno galego" para os seus "intereses electoralistas" e instounos a "abandonar posturas racistas" e "porse a traballar para representar aos galegos como se merecen".

Neste sentido, apremou á Xunta a activar "os recursos necesarios" para habilitar a acollida de menores migrantes. O primeiro, defendeu, "é sentar nas reunións nas que negocian orzamentos, fondos e as medidas necesarias para ampliar a rede de acollida". "Non se pode pegar a espantada porque dá esa orde a súa dirección en Madrid", volveu a criticar. Neste punto, reivindicou que Galicia é "un pobo migrante" e un país "de acollida e solidario", polo que afirmou que quen senta no Consello da Xunta "debe exercer como galego". "E non somos racistas, somos solidarias e acolledoras", manifestou Pota Rodil. Preguntada polas declaracións do Alberto Núñez Feijóo nas que sinalaba que "un inmigrante irregular que delinque ten que ser deportado de forma inmediata", a representante do Bloque insistiu en que lle parece "peligrosísimo" o discurso dos populares.

PAULA PRADO PIDE "MODERACIÓN E EQUILIBRIO"

Pola súa banda, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, a preguntas dos medios este xoves sobre se falar de "deportación de migrantes" podería afastar ao votante de centro do PP, a número 2 do PP galego defendeu que Feijóo "expuxo unha cuestión desde a moderación e o equilibrio". Para a responsable popular, é "imprescindible" que a política migratoria sexa "sensata e organizada" e apuntou ao Goberno central, a quen acusou de "botar balóns fóra" e de non "asumir as súas responsabilidades". Así mesmo, criticou que o Executivo monte "cortinas de fume para tapar a corrupción" na que, ao seu xuízo, "está afogado", polo que busca "tapar a súa incompetencia e irresponsabilidade".

PEDRO BLANCO PIDE A RUEDA QUE "NO LLE DEA AS COSTAS" AOS MENORES

Por outra banda, o delegado do Goberno, Pedro Blanco, reclamou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que "non lle dea costas" aos menores migrantes. O delegado dirixiuse ao Partido Popular e máis concretamente á conselleira Fabiola García, para recriminarlles pola súa actitude. Blanco pediulle que "se deixe de formulacións partidistas e se dea conta de que estamos a falar de nenos e nenas". Invocou o delegado á "solidariedade que Galicia demostrou cos inmigrantes maiores" e, por tanto, demandou a Rueda que "interveña directamente e non lle dea as costas a estes menores que nestes momentos necesitan a axuda de todos". Ademais, pediu que sexa o presidente da Xunta e non a conselleira o que tome as rendas "e que dea unha solución porque non podemos mirar a outro lado". A isto engadiu que os galegos "non somos así, nin cos migrantes maiores nin desde logo cos nenos e nenas".

A REPARTICIÓN DE MENORES COMEZARÁ O 28 DE AGOSTO

Así, a ministra de Mocidade e Infancia, Sira Rego, anunciou que o traslado dos ata 3.975 menores migrantes non acompañados ás comunidades autónomas comezará o próximo 28 de agosto. "O 26 de agosto levaremos (ao Consello de Ministros) o decreto de capacidade ordinaria, é dicir, os nenos e nenas que pode acoller cada sistema e o financiamento asociado a cada un dos traslados. E a partir do 28 agosto, estamos en disposición de comezar cos traslados", explicou Rego, en declaracións aos medios, tras a errada conferencia sectorial de infancia deste xoves.

A pesar deste "bloqueo", a ministra de Mocidade e Infancia precisou que a proposta definitiva da repartición de menores migrantes non acompañados e dos 10 millóns de financiamento asociado levarase ao Consello de Ministros do 26 de agosto e que os traslados comezarán dous días despois. Tras a aplicación dos criterios do Real Decreto Lei a todas as CCAA, o Ministerio estimou que serán trasladados "un máximo de 3.975 nenos, nenas e adolescentes" que actualmente se atopan en Canarias, Ceuta e Melilla. En todo caso, a ministra Rego puntualizou que a esta cifra habería que restar a de menores migrantes aos que se conceda o asilo (ao redor de 1.200 solicitárono).

Ademais, aclarou que a data do 28 de agosto refírese ao comezo dos traslados pero as comunidades terán un ano para acoller aos menores que lles correspondan. Segundo as cifras do Ministerio, quedan fóra da repartición de menores migrantes non acompañados Cataluña e Euskadi --"debido ao esforzo previo realizado durante os últimos anos". Así, as comunidades que máis menores migrantes deberán acoller son: Andalucía, onde se trasladaría a 677 nenos e nenas; Madrid, con 647 e Comunidade Valenciana, con 571. Séguenlles Castela- A Mancha (320), Galicia (317), Aragón (251), A Rioxa (205), Castela e León (197), Estremadura (159), Cantabria (156), Asturias (144), Murcia (133), Navarra (118). A que menos menores deberá acoller é Baleares, con 49. Ademais, "de forma voluntaria", Cataluña anunciou a súa intención de acoller, como mínimo, o mesmo número de nenos, nenas e adolescentes que en anteriores campañas de acollida, é dicir, 31.

En canto ao financiamento, todos os traslados das persoas menores serán sufragados polo Ministerio de Mocidade e Infancia. Así mesmo, o Estado sufragará os gastos derivados da acollida durante, como mínimo, os tres primeiros meses de todas as persoas que sexan trasladadas. Tamén compensará economicamente a sobreocupación ordinaria de territorios como Aragón, Baleares, Canarias, Cantabria, A Rioxa, Ceuta, Melilla, Navarra e Madrid, segundo informaron fontes do Ministerio de Mocidade e Infancia. En concreto, as CCAA que recibirán máis financiamento son Canarias (24,3 millóns de euros), Madrid (15,8 millóns) e Andalucía (8,8 millóns). As que menos son Melilla (993.300 euros) e Cataluña (404.550 euros).

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



O presidente da Xunta, Alfonso Rueda / XUNTA

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.