Bruxelas dá un ultimato a España polas prórroga da AP-9 e da AP-66: de non obter resposta, podería ir aos tribunais

España ampliou a duración das concesións das autoestradas AP-9 e AP-66 por períodos de 25 e 29 anos, respectivamente, para posteriormente vender ambas as concesionarias "sen convocar procedementos de licitación previos nin publicar un aviso" no Diario Oficial da UE, como require a lexislación comunitaria, segundo describe a Comisión Europea.

Por Europa Press / Redacción | BRUSELAS | 17/07/2025

A Comisión Europea enviou un novo ultimato ao Goberno de España para que emende as irregularidades polas que foron prorrogadas as concesións das peaxes nas autoestradas AP-66 e AP-9 e que, a ollos de Bruxelas, vulneran as regras da UE en materia de contratación pública e de concesión de autoestradas; un asunto que de non resolverse no prazo de dous meses os servizos comunitarios poderán elevar ao Tribunal de Xustiza da UE (TJUE).

Bruxelas "insta a España a respectar as normas sobre contratos de concesión de autoestradas", indicou a propia institución ao informar o envío dun ditame motivado ás autoridades nacionais para dar seguimento ao expediente sancionador que abriu por estas causas. España ampliou a duración das concesións das autoestradas AP-9 e AP-66 por períodos de 25 e 29 anos, respectivamente, para posteriormente vender ambas as concesionarias "sen convocar procedementos de licitación previos nin publicar un aviso" no Diario Oficial da UE, como require a lexislación comunitaria, segundo describe o Executivo comunitario.

Por iso, Bruxelas considera que senllas prórrogas constitúen "modificacións substanciais" que son "equivalentes" á adxudicación de novos contratos de concesión e, por tanto, deben estar sometidos a un "procedemento de licitación competitivo", de acordo aos principios de igualdade de trato e transparencia a que obrigan as directivas na materia. Así as cousas, os servizos comunitarios dan agora un prazo de dous meses ao Goberno para que responda as inquietudes notificadas no ditame de Bruxelas e "tome as medidas necesarias" para corrixir as irregularidades. A falta dunha solución, advirte o Executivo comunitario, poderá optar por iniciar a terceira fase prevista nos procedementos de infracción e que implica denunciar ao Estado membro polo incumprimento da lexislación comunitaria ante o Tribunal de Xustiza da UE.

O GOBERNO DI QUE O DITAME NON ELIMINA A PRÓRROGA

O Ministerio de Transportes asegurou que o ditame da Comisión Europea que considera que a prórroga da concesión da AP-9 vulnerou as regras da UE en materia de contratación "non supón o final do procedemento nin a eliminación das prórrogas" e sinalou que analizará a resolución e esgotará "as opcións de resposta ademais da posibilidade, chegado o caso, de interpor os correspondentes recursos".

Así o apuntaron fontes do Ministerio de Transportes, que sinalan que a prórroga da concesión da autoestrada de peaxe AP-9 ata 2048 foi aprobada no ano 2000 polo Goberno do PP, presidido por José María Aznar. "Se estamos nesta situación, por tanto, é responsabilidade dos gobernos do PP", indicaron estas fontes. Estas fontes indican que, "aínda que as políticas de mobilidade e reequilibrio territorial que actualmente defende este Goberno van na dirección contraria", desde o Ministerio "colaborouse e respostouse a todos os requirimentos realizados pola Comisión Europea por responsabilidade e para velar polo interese común".

Ademais, o Ministerio de Transportes lembra que o Executivo de Sánchez apostou por unha política de bonificación de peaxes desa autoestrada e, por iso, desde abril de 2025 hai un desconto do 100 % da peaxe de retorno para vehículos lixeiros que realizan os seus traxectos de ida e volta en 24 horas. Neste sentido, detalla que, "desde 2018 e ata final xuño deste ano", os usuarios aforráronse máis de 375 millóns de euros ao circular pola AP-9, en bonificacións directas ou limitando a subida das peaxes.

BNG CELEBRA A DECLARACIÓN DE ILEGALIDADE


A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, celebrou a decisión da Comisión Europea de declarar ilegal a ampliación da concesión da AP-9 porque "vulnerou a normativa comunitaria" e pediu ao Goberno central que rescate a autoestrada.

Tras coñecerse que Bruxelas deu un novo ultimato ao Goberno para que enmende as irregularidades polas que foron prorrogadas as concesións das peaxes nas autoestradas AP-66 e AP-9 e que, a ollos da UE, vulneran as regras de comunitarias en materia de contratación pública e de concesión de autoestradas, Pontón pediu ao Executivo central que acate o ditame da Comisión Europea, xa que ve unha "oportunidade" para rescatar a autoestrada galega e ter "unha AP-9 galega e libre da estafa das peaxes" en lugar de "seguir pagando ata o 2048".

"Pedímoslle ao Goberno do Estado que aproveite esta porta legal que abre a Unión Europea para acabar coa estafa da AP-9, unha estafa que hai que lembrar que ten como orixe a decisión do goberno do PP de Aznar de aumentar a concesión ata os 75 anos, seguida da súa posterior privatización a prezo de saldo", apuntou.

Segundo trasladou Pontón, de non ser por esta decisión "do PP en contra de Galicia", hoxe en día a AP-9 sería "libre de peaxes". "Sabiamos que era unha decisión inxusta, un agravio, agora sabemos tamén que era ilegal", reprochou.

Por iso, instou ao Goberno central a que "deixe de marear" e "cumprir a lei" para que "se faga xustiza coa AP-9". Unha petición que estendeu á Xunta, a quen pediu que "por unha vez se poña ao lado de Galicia" e, ao mesmo tempo, "que pida perdón pola estafa propiciada polo goberno de Aznar".

PSdeG: "É HORA DE LEVANTAR A CONDENA QUE O PP IMPUXO COA AP-9"

O eurodeputado do PSdeG, Nicolás González Casares, afirmou este xoves que se "achega a hora de levantar a inxusta condena que o PP impuxo a Galicia coa AP-9", despois de que a Comisión Europea emitise un ditame no que considera ilegal a prórroga da concesión outorgada polo Goberno do PP no ano 2000. Ademais, a secretaria de Transportes da formación en Galicia, a deputada no Congreso Patricia Otero, dixo que se trata dunha "decisión fundamental" para determinar o custo do rescate.

En primeiro lugar, nun comunicado, González Casares explicou que Bruxelas entende que "a ampliación da concesión por 29 anos, seguida da venda da concesionaria sen licitación previa nin publicidade a nivel europeo, constitúe unha modificación substancial que equivale á adxudicación de novos contratos de concesión, que deberon ser sometidos a concurso público".

Ademais, lembra que a Comisión outorga agora un prazo de dous meses ao Goberno de España para corrixir estas irregularidades, advertindo de que, en caso contrario, levará o asunto ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea.

Para o socialista, non se trata "dun trámite burocrático calquera: trátase dunha estafa democrática que obrigaba aos galegos e galegas a pagar peaxes abusivas ata o ano 2048, sen opción a competencia nin a unha xestión transparente". Casares, ademais, lembrou que foi "só o Goberno de Pedro Sánchez quen aliviou de verdade a carga desta decisión tan inxusta, rebaixando substancialmente a peaxe".
 

EN COLECTIVO: ESIXE ANULAR DE MANEIRA INMEDIATA A PRÓRROGA

En Colectivo celebra que a Comisión Europea comunicase ao Goberno de España que a ampliación da concesión da autoestrada AP-9, que vertebra Galicia, supuxo o incumprimento de normativa comunitaria de contratación pública. Así, esixe que se anule de forma "inmediata" esta prórroga.

A Comisión Europea enviou ao Goberno de España un ditame motivado por incumprir as normas europeas ao prorrogar a concesión da autoestrada AP-9 sen concurso público, por mor da denuncia que presentou en 2019 a asociación de consumidores En Colectivo, que "leva anos loitando contra as prórrogas que permiten á empresa Audasa seguir cobrando peaxes ata 2048".

"Isto é un si moi forte ao noso traballo. Bruxelas dános a razón: o que se fixo coa AP-9 foi un escándalo xurídico que levamos pagando os galegos máis de 40 anos", valorou o presidente de En Colectivo, Diego Maraña.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

1 comentario
1

Gamela

Os Partidos dan noxo... tivo que ser un cidadán individual quen fixo posible abrir este Procedemento de Infracción contra o NEGOCIO DE TODOS para seguir extorsionando aos galegos e de paso facer política da cunquiña mentras nos rouban os nosos cartos sen facer absolutamente nada para levantar as peaxes dunha vez por todas... https://en-colectivo.com/noticias/d... A min non me importa quen ten a culpa , tódolos galegos queremos deixar de pagar a extorsión da AP-9 e que os políticos progresistas e non progresistas devolvan ata o último euro que nos ROUBARON


Peaxe do Huerna, Autoestrada de peaxe, AP-66, AP-6 / EUROPA PRESS - Arquivo

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.