Crean unha estratexia para a reindustrialización de Santiago cara o ano 2020

Concello, Xunta de Galicia, USC, Cámara de Comercio e Área Empresarial do Tambre apostan pola biotecnoloxía e a segunda transformación da madeira denominado Sionlla Biotecmadeira. O obxectivo é pasar do 5,8 ao 9% de peso industrial no PIB.

Por GC Emprende | Compostela | 17/01/2017

O Concello de Santiago de Compostela, Instituto de Vivenda e Solo (IGVS), Igape, Universidade de Santiago (USC), Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e a Asociación Área Empresarial do Tambre asinaron un acordo de colaboración para a reindustrialización empresarial, promoción do asentamento de empresas e captación de proxectos de investimento para a cidade de Santiago de Compostela. 
 
O obxecto do acordo, que se estenderá ata o 31 de decembro de 2020, é establecer un marco de actuación para realizar intervencións conxuntas no eido da planificación e desenvolvemento das infraestruturas produtivas, formulando propostas cara ao axeitado aproveitamento dos recursos. Ademais, as partes asinantes promoverán o desenvolvemento e a xestión dos fins comúns para todas as zonas da área empresarial, coordinando esforzos e aproveitando as sinerxias que iso comporta para a optimización dos recursos investidos.
 
Logo da sinatura celebrouse unha xuntanza da mesa de traballo onde as partes aprobaron un documento de acción estratéxica, que propón a creación dun polo tecnolóxico, que denominan “Sionlla Biotecmadeira”, con dúas vocacións definidas: biotecnoloxía e transformación da madeira. Canto a dimensión biotecnolóxica o texto subliña a “importante capacidade latente” da cidade neste ámbito, así como as sinerxias co SERGAS e coas incubadoras empresariais do Concello e da Cámara de Comercio. 
 
Grupos de investigación
 
A USC posúe 58 grupos de investigación nos eidos da biotecnoloxía e ciencias da saúde, que no período 2013-2015 obtiveron máis de 19 millóns de euros, resultado de 32 proxectos nacionais, 8 internacionais e 692 contratos con diversas institucións e empresas. Nese mesmo período de tres anos presentáronse 26 patentes, das que 8 están en explotación e creáronse 3 empresas de spin off universitario.
 
En canto ao sector da madeira, o documento estratéxico fala de que a cidade posúe “unha oportunidade de primeiro nivel no aproveitamento da magnífica infraestrutura industrial para abordar a segunda transformación da madeira”. O reto apóiase nos sectores da rehabilitación e no chamado contract, “unha realidade en Galicia”, que é a canle onde se integra a cadea de valor de produtos e servizos para dar unha resposta global e especializada na arquitectura, interiorismo e equipamento hoteleiro e outros espazos de uso colectivo. “O obxectivo último desta valorización tecnolóxica é servir de catalizadora para que a iniciativa privada atope facilidades para os proxectos de transformación real da nosa madeira”, segundo se destaca.
 
Este modelo de colaboración conxunta –indica a estratexia– axudará en gran medida á reindustrialización da contorna empresarial de Santiago, “incrementando a porcentaxe de PIB en valor absoluto e marcando como obxectivo acadar o 9 por cento en canto ao peso do sector industrial, cando agora está no 5,8 por cento”. O texto engade que con datos de 2012, o PIB industrial de Vigo representa o 21,5 por cento, de Ferrol o 12, da Coruña o 11,72, de Ourense o 9,5, de Pontevedra o 8,3 e de Lugo o 7,6, mentres que a media de Galicia acada o 17,1 por cento, “onde se observa un claro desequilibrio en Santiago”. 
 
No acto da sinatura, que se celebrou na sede social da Asociación Área Empresarial do Tambre, participaron o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; a conselleira de Infraestruturas e Vivenda e presidenta do IGVS, Ethel Vázquez; o conselleiro de Economía, Emprego e Industria e presidente do Igape, Francisco Conde; o reitor da USC, Juan Viaño; o presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey; e o presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre, Jesús Chenel. 
 
Tamén asistiron o director xeral do IGVS, Heriberto García; o secretario xeral da Cámara, Fernando Barros; o vicepresidente e o secretario do Tambre, José Fernández Albores e Ramón Lois Lorenzo; o adxunto ao reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento da USC, José Manuel Cotos; o asesor do Tambre, Xerardo Estévez, o concelleiro de Urbanismo, Jorge Duarte, e a concelleira de Promoción Económica de Santiago, Marta Lois; e os representantes dos grupos municipais do PP, PSOE e BNG, Agustín Hernández, Francisco Reyes e Rubén Cela.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Integrantes do Concello de Santiago, Xunta de Galicia, USC, Cámara de Comercio e Área Empresarial do Tambre asinan un acordo para a reindustrialización de Santiago de Compostela

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.