Por GC Emprende | Santiago de Compostela | 12/05/2017
A directora do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI) e catedrática de Matemática Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela (USC), Peregrina Quintela Estévez, presentou este venres a memoria de actividades correspondente ao ano pasado. Vistos os indicadores no seu conxunto, destacou na súa intervención que “o ITMATI é xa un centro maduro e, a medio prazo, consolidará o seu orzamento co financiamento privado, captado a través de contratos de transferencia con empresas e institucións, e de proxectos competitivos”.
Unha maior proxección internacional do centro e o incremento da clientela no sector privado dan conta dunha “madureza” do ITMATI que, con tan só catro anos de vida, foi quen de gañar a confianza do empresariado galego, estatal e internacional, destacou a súa directora.
INGRESOS
En relación aos ingresos, estes aumentaron un 2,75 por cento: pasaron de 1.087.372,89€ en 2015 a 1.117.288,40€ o ano pasado. Desta cifra, o 89,55% foi captada a través de contratos ou proxectos competitivos de I+D de transferencia, levados a cabo con empresas, centros tecnolóxicos e institucións.
Os ingresos restantes proceden das tres universidades galegas (0,72% do total) e dun convenio de colaboración co Ministerio de Defensa e outro coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (a suma de ambos representan o 9,73% dos ingresos totais).
Entre as cifras analizadas, destaca o montante dos contratos de I+D directos con empresas ou no marco de convocatorias públicas, que pasou de 9.000 euros ao comezo do trienio (2013/2016) aos 791.764,38€ euros en 2016, cunha captación adicional de proxectos de I+D competitivos de 208.479,59€.
En relación ao anterior, o persoal do ITMATI foi quen de captar cinco novas empresas como clientes o ano pasado, que sumadas ás que xa tiña en carteira o centro, fan un total de 20 as organizacións empresariais que confiaron no centro en 2016.
Pola súa banda, o número de contratos desde que o centro se puxo en marcha elévase a 45, dato que tamén apunta á consolidación do instituto.
UNIDADE DE XESTIÓN DE TRANSFERENCIA
Segundo consta na memoria, durante o pasado exercicio púxose en marcha a Unidade de xestión de Transferencia (UxT), ao abeiro dun convenio asinado coa Secretaría Xeral de Universidades. Incorporáronse a esa unidade dous xestores de transferencia de tecnoloxía e innovación e dous xestores de transferencia e tradutores de tecnoloxía nos eidos de Simulación e Big Data.
O obxectivo final da unidade é que o ITMATI consolide finalmente a súa actividade de transferencia da ciencia e da tecnoloxía matemática á industria, cunha estrutura adaptada ás necesidades do tecido industrial, para incrementar así o número de colaboracións e proxectos a desenvolver, e poñer en valor o coñecemento científico no campo da matemática industrial existente nas tres universidades galegas.
INTERNACIONALIZACIÓN
A internacionalización é, para a dirección do ITMATI, “unha actividade imprescindible para lograr un Instituto que se sustente por si mesmo e avanzar como centro de referencia internacional”. Como socio institucional da Rede Española Matemática Industria (math-in), que participa na European Service Network of Mathematics for Industry and Innovation, o centro está presente no panorama europeo participando nas iniciativas levadas a cabo por esa rede.
Concretamente, no ano 2016 o ITMATI participou en tres iniciativas propostas por EU-MATHS-IN. En relación á colaboración en proxectos de investigación con grupos estranxeiros, destaca a cooperación internacional no traballo 'Electrical conditions and their processs interactions in high temperature metallurgical reactors' (ElMet), co instituto de investigación industrial noruego Teknova.
Ademais, cómpre sinalar tamén a participación de xeito proactivo en 18 encontros tecnolóxicos de carácter internacional; de feito, presentáronse cinco propostas europeas. Froito dese traballo, recentemente se aprobou a participación do ITMATI en dous proxectos europeos e dun doutoramento industrial europeo, iniciativas nas que participan 19 centros de investigación europeos de recoñecido prestixio e 23 empresas europeas, das cales 6 son españolas.
FUNCIÓNS
A función do ITMATI -que naceu en marzo de 2013 con vocación de ser un centro de investigación tecnolóxica de referencia a nivel internacional- é proporcionar solucións a pequenas e medianas empresas (PEMEs), a grandes firmas, a industrias e a Administracións Públicas para apoiar a innovación e a mellora da competitividade no sector produtivo, grazas ao uso de ferramentas desenvolvidas desde a Matemática Industrial.
Na 'Xornada de Portas Abertas: Coñece o ITMATI' que tivo lugar na mañá deste venres na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela e nas instalacións do propio centro, presentátonse estes resultados anuais do centro recollidos na memoria 2016, e ofreceuse un percorrido polos casos de éxito máis destacados. A continuación, realizouse unha charla sobre os másteres interuniversitarios ligados ao ITMATI e a súa orientación ao tecido industrial. Unha segunda parte da xornada incluíu unha visita guiada polas instalacións do centro. O evento estivo dirixido á sociedade en xeral, a empresas, entorno académico, alumnado de grao de matemáticas, físicas, enxeñarías ou doutras titulacións do eido das ciencias aplicadas. O presidente do ITMATI, Salvador Naya Fernández, vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña (UDC), presidiu o acto.
Os asistentes puideron coñecer, entre outros, os seguintes casos de éxito, no que a matemática industrial consegue optimizar procesos industriais de produción, fabricación, distribución e almacenamento, en empresas de calquera ámbito produtivo.
A Unidade Mixta de Investigación REPSOL-ITMATI, coa que Repsol busca incrementar a vida útil das baterías que usan os vehículos eléctricos e mellorar o proceso de recarga rápida, así como optimizar os procesos de toma de decisión, incorporando a incerteza que existe nos prezos, demandas e calidade de materias primas e produtos, entre outros aspectos.
Misións críticas de emerxencias con medios aéreos tripulados e non tripulados en voo cooperativo (ENJAMBRE), cuxo obxectivo principal é o desenvolvemento de sistemas intelixentes para o control avanzado de traxectorias que permita a operación cooperativa entre aeronaves tripuladas e non tripuladas RPAS (operacións de observación), axudando á caracterización do territorio e á eficiencia das operacións de descarga na loita contra incendios forestais.
GANESO: simulación e optimización de redes de gas, cuxo obxectivo principal é a investigación e o desenvolvemento da xestión integral e óptima de infraestruturas de transporte de gas natural. Desenvolveuse o software GANESO, unha ferramenta informática.
Proxecto coa empresa Silicio Ferrosolar que estuda un forno industrial destinado á purificación de silicio solar por evaporación en baleiro de impurezas. O obxectivo é mellorar a eficiencia e a produtividade deste tipo de fornos.
EMPREGO
Os casos de éxito son froito do traballo e do talento do persoal do ITMATI. O número de empregos tecnolóxicos creados nestes tres anos de vida é un aspecto a ter moi en conta en opinión dos responsables do Instituto, posto que “é importante consolidar postos de traballo tecnolóxicos de primeiro nivel que axuden a completar a formación investigadora no eido da transferencia dos mozos e mozas recentemente titulados, e crear así unha rede de persoal altamente cualificado en matemática industrial que poida incorporarse posteriormente aos departamentos de I+D de empresas, centros tecnolóxicos e institucións”, sinalou Peregrina Quintela na memoria presentada esta mañá.
En canto á porcentaxe de mulleres no centro, esta é do 33 por cento. En concreto, o persoal investigador que xunta o centro pasou de 38 persoas no ano 2013 a 87 o ano pasado, entre investigadores adscritos das universidades galegas ao centro, investigadores contratados, investigadores colaboradores, colaboradores, alumnado en prácticas e persoal propio de xestión.
MÁSTERES
A xornada tivo tamén como obxectivo, a través da experiencia da entidade, amosar as vantaxes dos másteres de especialización interuniversitarios, como son o Máster en Matemática Industrial m2i e o Máster en Técnicas Estatísticas, vinculados ás tres universidades galegas (entidades fundadoras do consorcio ITMATI).
Grazas á celebración do evento, alumnado de grao de matemáticas, físicas, enxeñarías ou doutras titulacións do eido das ciencias aplicadas puideron visualizar e coñecer as capacidades tecnolóxicas que poden adquirir neses másteres para desenvolver unha traxectoria profesional prometedora en empresas, centros e entidades.
¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
Membros do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial / ITMATI.
Peregrina Quintela Estévez presenta a memoria anual do ITMATI.