Un profesor da Universidade de Vigo pide superar xa o Estado autonómico para inaugurar a España federal

Álvaro Xosé López Mira critica o "intervencionismo estatal extremo" do modelo autonómico, o cal, di, "buscou ser antifederal, antídoto máis que fármaco". Ao fío dos acontecementos en Cataluña, cre que é o momento de iniciar a senda dun "federalismo sincero".

Por Galicia Confidencial | Vigo | 11/05/2018

O modelo autonómico español só serviu como "antídoto do federalismo", dun "auténtico modelo federal que recoñecese a plurinacionalidade do Estado". É por isto, e ao fío da desafección de máis de dous millóns de cataláns cara a España, polo que o politólogo galego Álvaro Xosé López Mira pide superar xa o Estado das autonomías para inaugurar unha nova xeira federalista. 

López Mira —profesor do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía da Universidade de Vigo— defende a articulación dun novo modelo de Estado baixo o paraugas dunha nova Constitución federal, no que haxa unha verdadeira cámara de representación territorial con potestades desa índole, no que cada Estado federado teña capacidade de intervención nos asuntos europeos que lle afecten, no que exista un Tribunal Constitucional de designación equitativa entre os órganos federados e os federais — seguindo o precedente alemán de Karlsruhe—, onde existan principios de federalismo fiscal acompañando os de autonomía e suficiencia financeira, e no que se federalice un poder xudicial que agora o profesor considera "absolutamente centralizado".

"As técnicas lexislativas invasivas restan poder real de decisión ás Comunidades Autónomas", expón o profesor galego.

Estas son vellas demandas de López Mira que agora recupera nun contexto, o actual, no que o debate sobre a reforma da Constitución española de 1978 está máis vivo ca nunca polos acontecementos dos últimos anos en Cataluña, que levaron a un referendo de independencia lexítimo, pero sen validez legal, e a unha simbólica declaración de independencia. 

No seu diagnóstico do Estado autonómico, o profesor da UVigo observa que "as competencias da maioría das Comunidades Autónomas son numerosas en canto executivas, pero sumamente avaras no verdadeiro decision-making e moi desvirtuadas por técnicas normativas en mans do poder central, nada acordes con calquera modelo federalista". Nesa liña, engade: "As técnicas lexislativas invasivas restan poder real de decisión ás Comunidades Autónomas, deixándolles só as competencias de execución coma se fosen organismos de mera descentralización administrativa, nunca política. Tendencias  centrípetas que non lograron senón acentuar as centrífugas".

López Mira sinala a fallida descentralización do Estado autonómico español, pois "a descentralización implica a existencia dun goberno central, que pode repartir funcións ou áreas segundo considere oportuno". Por iso, contrapón os sistemas descentralizados, como o español, nos que "a difusión do poder é materia de graza, non de dereito, e na práctica, antes ou despois é considerada como tal", cos sistemas federais clásicos —pon coma exemplos Canadá, Estados Unidos e Suíza—, baseados nun "sistema non centralizado" no que, aínda que existe un Executivo central ou nacional, "este non controla todas as liñas de comunicación política e de toma de decisións", matiza o profesor.

O politólogo da UVigo considera que o modelo autonómico español "consolidou unha descentralización política pouco sincera".

É dicir: "nestes países [federais], as provincias, estados, ou cantóns, non son criaturas do goberno federal, senón que reciben o poder directamente do pobo. Son estruturalmente inmunes ás interferencias federais". De xeito que "a non centralización vén representada mediante unha matriz de gobernos (non unha pirámide máis ou menos  jerarquizada)" na que ningún centro de poder é superior ou inferior aos outros.

Por isto, precisamente, considera que o modelo autonómico español de 1978 "consolidou unha descentralización política pouco sincera", pois "resulta difícil atopar algunha parcela competencial, é dicir, de poder político no que non se atopa como última instancia decisoria un órgano central do Estado ou dunha UE que renunciou, de facto, ao principio de subsidiariedade".

CRISE CATALÁ

Anticipándose a aqueles que reivindican a globalización como un novo marco humano no que non terían cabida novas nacións ou Estados emancipados, López Mira argúe para o caso español que "a reivindicación  diferencialista de determinados territorios en España non constitúe unha anomalía nos tempos da globalización, nin tampouco unha reminiscencia da descolonización". Ao contrario, considera que "a mundialización xerou a  eclosión de identidades locais sempre latentes tanto en zonas dominadas por conflitos violentos (desde os distintos  Kurdistanes ata o Tíbet), como noutras de consolidadas democracias (Canadá, Reino Unido ou Bélxica)".

A isto habería que engadir unha realidade sociolóxica empiricamente demostrada: o desapego que cada vez máis cidadáns mostran cara a España, ou cando menos cara o seu modelo territorial, especialmente en Cataluña. Así, o politólogo galego recupera os datos aportados polo Observatorio Político Autonómico de 2008 —dous anos antes da sentenza do Tribunal Constitucional que mutilou o Estatuto de Autonomía de Cataluña—, cando "un 11,6% de cataláns se consideran unicamente membros da súa Comunidade (32,7% no País Vasco), 19% máis catalán que español (17,1% en Andalucía ou 22,8% en Galicia) e un 47,3% tiñan sentimento de pertenza compartido Cataluña/España". Unha realidade que foi mudando até hoxe, cando máis de dous millóns de cataláns expresaron nunhas urnas —en outubro de 2017— que se queren separar de España.

"Simplificar unha cuestión política deste calado co desprezo cara ao que se considera diferente non a vai solucionar aínda que si pode empeorala", di sobre o caso catalán.

"O cambio  sociopolítico foi de tal magnitude como vertixinosos os propios acontecementos políticos (desaparición de partidos de goberno, drásticos cambios no sistema de partidos, múltiples convocatorias electorais ), pasando dos datos sinalados a, aproximadamente, a metade da cidadanía catalá apostando, a través de vías democráticas, por unha república independente de España", repasa o profesor.

Por esta contrastada realidade sociopolítica é precisamente polo que considera que "simplificar unha cuestión política deste calado co desprezo cara ao que se considera diferente non a vai solucionar aínda que si pode empeorala, nunha sorte de inconsciente unitarismo separatista".

López Mira recorda na súa análise que o proceso independentista de Cataluña xerminou nunha sentenza do Tribunal Constitucional, "instado por estreitas políticas partidistas de curto prazo, que desconsideraron o feito de que fose votado afirmativamente, alén as instancias parlamentarias, polo pobo catalán".

O profesor da UVigo non dubida que "coa reforma do Estatuto catalán se rompeu o pacto constitucional que requiría do concurso de dúas vontades políticas, a autonómica e a estatal manifestada polo órgano representante da soberanía española e reforzadas, ademais, pola vontade  plebiscitaria dos interesados: o pobo catalán. Nada máis, pero nada menos". 

"Se a articulación territorial non se resolve e o intervencionismo estatal é extremo, non pode ser senón fantasía, inxenuidade ou falacia alardear de modelo político-territorial descentralizado", expón López Mira.

Máis gruesas son as súas palabras a continuación: "O día que un órgano do Estado, se queremos  tecnocrático e co seu prestixio en dúbida pero non politicamente neutral, o Tribunal Constitucional irrompeu como elefante en cacharrería no núcleo de pactos políticos con  elevadísimos niveis de consenso, violentou, sen dúbida, o traballo de ourivaría do pacto constitucional en materia territorial e, ademais, contra o mesmo suxeito político, Cataluña, co que inaugurou a súa senda interpretativa do Estado autonómico, nunca profederal".

Para López Mira, estes feitos poñen cuestión o modelo autonómico. Pero o sistema político que se deu España en 1978 entra tamén en discusión por detalles máis pequenos pero non menos importantes. Así, o profesor lembra, por exemplo, que "a Axencia Tributaria enviou Inspectores de Traballo, escoltados pola Garda Civil, para inspeccionar as axudas entre os veciños do rural galego á hora de recoller a colleita de patacas, de uva ou o millo e a herba para o silo, colaboración comunal cun carácter ancestral nun territorio no que boa parte das propiedades son, precisamente, de mancomunidade  xermánica e reguladas por un Dereito civil propio con raíces históricas milenarias", describe o politólogo, que subliña que "o Goberno autonómico se limitou a esbozar unha tímida protesta por estes feitos".

"Se a articulación territorial non se resolve e o intervencionismo estatal é extremo, non pode ser senón fantasía, inxenuidade ou falacia alardear de modelo político-territorial descentralizado, unha especie de devolution trampa e, moitísimo menos como sostén parte da doutrina, federal", sentenza López Mira.

MEDIOS DE COMUNICACIÓN  E LINGUA

O profesor da UVigo observa tamén que existe en España unha "cultura política maioritaria" que "se resiste ferreamente a entender que as minoritarias queiran buscar un lugar ao sol, polo que opta por estratexias, ora defensivas ora agresivas pero, desde logo, carentes do máis mínimo espírito federal".

Aí sinala directamente aos "medios de comunicación maioritarios (televisións, radios ou prensa) radicados na capital do Estado [Madrid]", nos que hai unha "práctica unanimidade" contra as aspiracións soberanistas das periferias. Estes medios, di López Mira, "marcan a axenda mediática da maioría do país e a súa agresividade cos diferencialismos do que eles consideran o estándar da cultura política  española".

Neste diagnóstico da España autonómica centralista, o politólogo galego apunta á situación que viven as linguas cooficiais nos seus territorios nun Estadio no que "se combate o deber de coñecelas" e no que, "a diferenza dos Estados federais plurilingües, gran parte da sociedade e as elites españolas non as consideran con respecto como unha gran riqueza cultural, senón como un pernicioso elemento  desintegrador, exclusivo de nacionalistas periféricos".

O máis laborioso cara unha España federal será "forxar unha cultura política fundamentada no respecto á diferenza e os diferentes que non por iso son ilotas, estranxeiros, estraños e, por tanto, potenciais inimigo", advirte o experto.

CONSTRUÍR O ESTADO FEDERAL

Nun país no que, segundo López Mira, dominan os "incendiarios", recoñece que "non é doado chegar a un punto de encontro medianamente racional". Con todo, si está convencido de que "un federalismo sincero podería ser un punto de partida" para substituír o Estado autonómico, o cal "buscou ser antifederal, antídoto máis que fármaco", critica o profesor.

Pero como se articularían neste contexto Comunidades Autónomas que non pretenden ser unha nación política distinta da española? Ou como encaixaría unha xefatura de Estado monárquica cunha construción política federal? Estas son algunhas das preguntas que xorden na análise de López Mira.

O profesor non dá a resposta, pero si indica o camiño: "Construcións políticas moito máis arduas vivimos na nosa época; falemos por exemplo da Unión Europea e, aínda que rengueante nos seus procesos de adaptación aos cambios sociais, económicos e políticos máis recentes, non cabe dubidar do seu éxito a pesar da súa singularidade creativa".

O máis custoso no percorrido cara unha España federal será "forxar unha cultura política fundamentada no respecto á diferenza e os diferentes que non por iso son ilotas, estranxeiros, estraños e, por tanto, potenciais inimigos que, ademais, persisten nunha irracionalidade de pensamento que non merece debate senón mera descualificación por parte das elites intelectuais, os desfachatados intelectuais parafraseando a Sánchez-Cuenca, que establecen a verdade oficial ou dogma prexuicioso do single-mindedness", advirte o politólogo.

Esta nova achega de López Mira ao debate sobre o modelo de Estado para España vén de publicarse na Revista de Derecho Político, que edita a UNED, co título 'El modelo autonómico español como antídoto del federalismo'.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

9 comentarios
4

nostrus

Este señor sociólogo, intelectual (supongo) tal vez utiliza que es sociólogo e intelectual para decir cualquier chorrada sin arriesgarse a hacer el ridículo. Para empezar, hasta ahora, la España que tenemos es la que el conjunto del pueblo español quiere tener, porque asi lo tiene plasmado en su constitucion, porque si quisiera otra cosa tendría plasmada otra cosa, porque al pueblo español, que es soberano, nadie le impide que cambie la Constitucion, pero mientras no la cambie, se supone que es lo que quiere. Por lo tanto combiene recordar que culaquier cambio o esperimento que se haga ha de pedirsele permiso al pueblo español. Yo creo que es totalmente democrático y no es tan difícil de entender si somos demócratas.


3

Deus

Pondalio, enton que os políticos que fagan o que lles pete, o pobo que non se consulte. Pa que. Gallaecia, si pos o exemplo USA, que fagan os tejanos a cuarta parte do que fan os indepes catalans a ver que pasaría.


2

Gamela

Teremos que ler de vagar o artigo enteiro pero de entrada a categoría política "federalismo sincero" case vén sendo un oximoron similar a "político honrado" (?) Digamos que dous millóns de cataláns levan arredor de 30 anos vivindo do 3% que acabaron convertíndose nos Misales dos Pujol (dos que, por certo, aínda non sabemos nada agás que seguen agochados en Andorra - Seo de Urgell - Montserrat...) e supoño que agora xa estarán transferidos á Suiza Federal que goza do secreto bancario mellor administrado desde mundo de AlíBabás!) // Sinceridade na Política seica está demáis dende o século XVI grazas a Maquiavelo e o seu "Realismo Político" ?


1

Deus

Iso o terá que dicidir o pobo con unha maioria cualificada

5 respostas
1

Por Ouveos españolistas: Xusto, iso quere DECIDILO o POBO catalán por MAIORÍA CUALIFICADA, e non lle deixan os que gobernan no que consideran pobo superior ou supremacista español. O modo fascista de acreditar na democracia: impoñer unha idea única de pobo e impedir que outro pobo decida libremente o seu destino.

2

Por Deus: Maiorias cualificadas son de 2/3 ou 3/5.

3

Por Pondaliao: Maiorías cualificadas para que nada se poida cambiar. O qué se precisa é consenso. Aos "demócratas" énchesevos a boca coas maiorías cualificadas

4

Por Gallaecia: Se non entendes o que di o profesor López Mira pouco se pode facer. Aquí non hai verdadeira autonomía política como pode haber en California porque sempre che deixan a lei sen contido, con eles recortados ou poñen un recurso ao "constitucional". Un estado federal norteamericano pode decidir se alí se aplica ou non a pena de morte, o aborto, diferentes normas anticontaminación... E despois din que aquí é onde maior descentralización e poder político teñen as autonomías. Iso será para o gran número de seguidores ignorantes que teñen e que non viron outra cousa.

5

Por Eu mesmo: A constitución española tamén foi de maioría cualificada, non sí?


Un independentista na manifestación unionista en Barcelona trala declaración de independencia de Cataluña proclamada no Parlament o 27 de outubro de 2017 / Miguel Núñez

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.