A Xunta impulsará campamentos científicos en inglés e robótica nun novo Bacharelato

A Xunta presenta seis iniciativas para fomentar a formación en materias de innovación entre mozas de Primaria e Secundaria que se impartirán nun Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxías.

Por GC Emprende | Compostela | 11/06/2018

Os centros educativos galegos contarán, a partir do curso 2018/19, co Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxías (STEMbach), unha nova opción formativa que incluirá un proxecto final individual ou colectivo que terá defensa pública ao final do segundo ano.
 
Así o anunciou este luns o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, quen precisou que esta iniciativa está enmarcada na axenda da Xunta 'Edudixital 2020'.
 
Este Bacharelato, dirixido tanto á modalidade de Humanidades como de Ciencias, servirá, segundo palabras de Rodríguez, como "ponte" entre a educación obrigatoria e a universitaria, xa que o proxecto final será titorizado por unha persona docente dun departamento universitario ou dun centro de investigación do Sistema Universitario de Galicia (SUG).
 
Así mesmo, os alumnos matriculados cursarán algunha materia extracurricular de dúas ou tres horas semanais que buscará profundar nos seus coñecementos en ciencias, tecnoloxías, enxeñarías e matemáticas --disciplinas coñecidas como STEM--.
 
Ademais deste, outro cinco proxectos educativos buscarán a formación de estudantes de Educación Primaria e Secundaria neste ámbito. En total, todos eles contarán cun orzamento dun millón de euros.
 
ESPAZOS 'MAKER' E 'STEMWEEK'
 
Outra das accións novas anunciadas polo conselleiro é a creación dos espazos 'Maker', lugares nos centros educativos que disporán de equipamento específico e nos que os alumnos poderán desenvolver proxectos de innovación a través da experimentación.
 
O paquete de medidas tamén inclúe o primeiro campamento científico-tecnolóxico en inglés, denominado 'STEMweek', unha semana de inmersión na que poderán participar até 200 alumnos de 3º e 4º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO).
 
De igual forma, a Xunta prevé duplicar os centros coa materia de robótica en Primaria --actualmente hai 111 con máis de 11.000 alumnos matriculados nesta materia--; incrementar de 30 a 100 o número de centros con clubs de ciencia; e ampliar a 450 a oferta de prazas na Semana STEM, un evento que no outono de 2017 atraeu a 300 nenos desde 5º de Primaria até 2º de ESO.
 
En palabras do conselleiro, as disciplinas STEM "non son só un método educativo. É moito máis: é preparar a Galicia para os retos do futuro". "A sociedade demanda cada vez máis dar respostas tecnolóxicas", asegurou.
 
Así, Rodríguez aposta por un sistema educativo que "prepare aos mozos para o futuro inmediato", para o que o seu departamento segue a estratexia 'Edudixital 2020', que busca que todo o alumnado galego de ensino obrigatorio curse estudos de programación e robótica.
 
Neste sentido, o conselleiro asegurou que este é o plan "máis ambicioso" de todas as autonomías, que ademais, segundo engadiu, "non tería sentido sen a implicación directa do profesorado e sen a aceptación do alumnado".

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Robot presentado por Abanca / Abanca

Román Rodríguez na presentación de iniciativas STEM

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.