Adiantar ou non adiantar

Alberto Núñez Feijoo ten na súa man unha importante ferramenta política:poder decidir o calendario electoral dos vindeiros meses.Esta indiscutíbel vantaxe –derivada da súa condición de presidente da Xunta- leva asociada, nestes momentos, una dose elevada de risco.

Por Xesús Veiga | Compostela | 13/04/2012

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

 En condicións normais, sen a presión abafante da crise económica, o actual inquilino de Montepío podería agardar tranquilamente polo remate “biolóxico” da lexislatura, aínda que só fora por evitar os precedentes pouco afortunados dos seus antecesores que, nos anos 2005 e 2009, non foron quen de manter a posición gobernamental que tiñan a pesar de acurtar os prazos das citas coas urnas.

Adiantar ou non adiantar:velaí a cuestión que debe resolver Feijoo nun prazo relativamente breve.Se opta polo comezo da primavera do 2013 e dada a carencia de outras realizacións mais sólidas, pode presumir do cumprimento cabal da dimensión temporal da lexislatura.Tamén pode tirar algún beneficio da distancia que marcaría cun verán que promete ser unha verdadeira proba de lume –e nunca mellor dito- para a política de prevención dos incendios forestais practicada polo seu goberno.A cambio, no mes de Marzo do ano que ven tería que aturar un cadro económico e social da máxima gravidade:o goberno de Rajoy acadaría maiores niveis de desgaste por mor das novas políticas restritivas que deberá aprobar para cumprir co obxectivo do 3% do déficit marcado pola “troika” e, ademais, o xefe do Executivo galego deberá asumir a defensa duns orzamentos propios que non deixarán marxe para a mercadotecnia electoral.

A posibilidade do adianto ao vindeiro mes de Outubro permitiríalle evitar parcialmente os efectos negativos do labirinto orzamentario pero non lle proporcionaría garantías sobre a “pacificación” dos omnipresentes mercados:novos golpes no estado da prima de risco, colocarían a Feijoo aos pés dos cabalos da desafección dunha parte do seu electorado, provocada pola perda de calidade de vida vinculada ás políticas de “austeridade” que tanto
defendeu dende a chegada a San Caetano.
 
Nesta singular adaptación do dilema hamletiano, o presidente do PP vai outorgar unha especial atención á situación pola que travesa a oposición, singularmente o nacionalismo galego.A reservas dos resultados que se obteñan nos inquéritos específicos encargados polo partido que agora hexemoniza a Cámara do Hórreo, o cálculo teórico avalaría a comenencia dun adianto para aproveitar as consecuencias das fracturas potenciais nos electorados do PSdG e do BNG.Pero despois do sucedido nas eleccións andaluzas, as cousas non están tan claras:a transferencia de votantes “populares” á abstención podería causar maiores efectos que os derivados do medre na fragmentación dos restantes espazos electorais.

Xesús Veiga



Xesús Veiga Buxán

Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.