Coñecido o veredicto das urnas, resulta pertinente enunciar unha primeira conclusión:as forzas políticas defensoras da aplicación estrita dos ditados económicos e sociais da “troika” (B.C.E., Comisión Europea e F.M.I.) saíron derrotadas das votacións realizadas o pasado día 6.No caso grego, as cifras son espectaculares:a suma dos apoios recibidos por Nova Democracia e o Movemento Socialista Panhelénico (PASOK) acada a limitada porcentaxe do 32,4%.Qué se diría, no ámbito do Estado español, se PP e PSOE obtiveran, nunhas eleccións xerais un resultado semellante?O cambio radical rexistrado no mapa electoral de Grecia é unha expresión indiscutíbel da oposición social existente aos durísimos plans de axuste deseñados en Bruxelas e aplicados, disciplinadamente, polos gobernantes dos partidos até agora maioritarios.O feito de que unha forza da esquerda alternativa –Syriza- teña ocupado a segunda posición, superando ao PASOK, aínda resulta mais relevante que a circunstancia, certamente preocupante, de que un partido neonazi dispoña dunha significativa representación parlamentaria.
O mapa político francés derivado da disputa pola presidencia da República presenta unha sintomatoloxía menos caótica que a grega pero tamén reveladora dos efectos que provoca a xestión da crise económica no comportamento dos electorados europeos.A pesar de que a tradición socialista que representa Hollande non implica a posta en cuestión das liñas mestras establecidas hai vinte anos no Tratado de Maastricht, o programa do candidato gañador ofrece importantes propostas alternativas ao modelo de construción da UE que se está marcando hoxe dende o goberno alemán e a dirección do BCE.O novo presidente ten un reto de grande transcendencia:demostrar que se poden desenvolver outras políticas por parte dos órganos dirixentes de Bruxelas para reconstruír os consensos sociais baseados na existencia dun Estado do benestar e na progresiva converxencia nas condicións de vida das diferentes sociedades que conviven neste espazo.
Os gobernantes da UE están nunha encrucillada.Teñen que optar:ou atenden as demandas das maiorías sociais e rectifican os dogmas económicos que están provocando niveis de desigualdade e inxustiza descoñecidos nas últimas décadas ou aceitan as lóxicas que emanan dos poderes que controlan os mercados.Se transitan por este último camiño, os cidadáns proxectarán a súa indignación sobre eles.Ao cabo, os mercados esixen e castigan mais non se presentan ás eleccións.
Xesús Veiga