Como se dunha ameaza estivésemos a falar, uns e outros analizan polo miúdo situacións que non coñecen, e transforman realidades potenciais en mentiras interesadas. O galeguismo actual, a pesar dos intereses dos que pretenden patrimonializar o que non é so de eles, goza de estupenda saúde, e dunha proxección social envexable, o cal crea inimigos que atopan o seu ecosistema ideal nas sombras de árbores de folla caduca. Os novos proxectos parten do convencemento da inacción do existente, e da potencialidade nas achegas das apostas de futuro que se fan dende a xenerosidade, a humildade, o compromiso con esta bendita terra e o traballo arreo. Non pode existir ningunha outra fórmula para sustentar un edificio no que na súa contabilidade de obra hai importantes activos, mais algún que outro pasivo a modo de debilidade perfectamente superable.
Ninguén está lexitimado para expedir carnés de galeguista, nin para pensar dende posturas despóticas que uns son os unxidos e os demais os seus vasalos. O erro de base é pensar que determinadas elites deben marcar vieiros, nos que uns sufran a lama depositada por tantas e tantas leas do pasado, mentres eles percorren o mesmo treito inmaculados. Calquera persoa que se considere galeguista ou nacionalista, -porque realmente non coñezo cal é a fronteira-, debe saber que no berce dese pensamento hai liñas vermellas que non se poden traspasar. O compromiso debe ser cunha realidade que afirma sen complexos, que este pobo ten sinais que o identifican e o diferencian de outras realidades territoriais, e que ten a lexítima aspiración de chegar o antes posible, e partido de sólidos alicerces, aos máximos niveis de autogoberno, incluíndo o recoñecemento do dereito de autodeterminación.
Moitos poden prostituír ese sentimento con cantos baleiros ao sol autoproclamándose o que non son, e outros poden pensar que naceron sen mácula para poder falar ex cátedra de visións de país que moitos compartimos, mais se neste momento histórico os acostumados ás proclamas máis estériles, non dosifican a súa desmedida ambición, o que é ilusionante pode pasar a ser unha rémora máis para o futuro desta terra, cando en realidade o potencial para servila é o suficientemente importante como para ter a xenerosidade de saber onde, e en que momento, un ten que dar o mellor de si mesmo.
Ou non?
Rafael Cuiña