Unha xornada na que os nosos políticos fan actos solemnes nos que o cinismo empapa as verbas máis floridas, e o escenario chora antes as actitudes mantidas por aqueles de alma identitaria escura. Seguramente Castelao nunca pensou, que algún día dende o poder democrático lexitimado polar urnas, os mesmos que non queren entender a súa magna obra, fan ofrendas florais cara a galería dos horrores na que se está convertendo a nosa identidade como pobo. Mentres, neste paisaxe case “guerracivilista cultural”, no outro “bando” maniféstanse polas rúas da fermosa Compostela defensores da nosa lingua, convencidos plenamente da necesidade de facelo, con militantes inducidos á batalla partidaria baixo unhas siglas políticas. A nosa lingua nin se despreza nin se utiliza como arma electoral. A nosa lingua é simplemente a manifestación do orgullo dun pobo, que sabe que o seu futuro non pode ser entendido se deixa de recoñecerse a si meso.
Pode ser que os mesmos que torturan conciencias dende posicións bífidas, pensen que gañan unha guerra coas armas de destrución masiva que son a pasividade acomodaticia, mais deben saber que este pobo leva na súa esencia o que non poden destruír, que non é nin máis nin menos que o seu orgullo de ser exactamente o contrario do que a algúns lles gustaría, e para o que traballan todos os días, dende despachos con moquetas de cor rancia, cuxas fiestras semellan estar pechadas e illadas, para non oír o que dende a rúa reclama o pobo soberano.
Ou non?
Rafael Cuiña