En realidade, as vidas públicas de Guindos e Rato cruzáronse en varios momentos significativos.O primeiro foi un subordinado do segundo durante os gobernos de Aznar.Posteriormente, emprenderon camiños diferentes pero non distantes:o primeiro ocupou un posto de responsabilidade no grupo Lehman Brothers durante os meses anteriores ao seu espectacular derrube provocado pola treboada financeira orixinada nos USA a partir do outono do ano 2007.O vicepresidente económico de Aznar foi designado director xerente do FMI no 2004 e dimitiu en Xuño do 2007, poucos meses antes de que estoupara a crise das hipotecas “subprime”.Curiosamente, ambos persoeiros non sufriron a contaminación derivada da súa presenza destacada en dous centros neurálxicos da burbulla financeira:un –Luis de Guindos- como participante activo nun dos referentes principais do gran casino especulativo no que ficaron convertidas as finanzas internacionais e outro –Rodrigo Rato- como supervisor incapaz de controlar o funcionamento acaído do sistema financeiro.
Dende o pasado mes de Novembro, viviron un novo capítulo da súa relación.O vello xefe político presidía unha entidade –Cajamadrid- que pretendía ser a base operativa dun poderoso grupo financeiro controlado polos dirixentes do PP.O seu antigo subordinado asumía o control do Ministerio de Economía no goberno de Rajoy e tivo que aturar a grave situación que afecta á meirande parte das institucións financeiras do Estado e singularmente ao grupo Bankia.
O botafumeiro de urxencia que están utilizando os voceiros do PP non abonda para limpar o currículo de alguén que foi considerado durante moito tempo o principal artífice do “milagre” económico español, ese singular modelo de crecemento baseado na especulación inmobiliaria, o crédito barato, a desregulación financeira, o espectacular endebedamento de empresas e familias e a diminución indiscriminada de impostos.Hai poucos días, o xigante Rato foi devorado pola mesma crise que el contribuíu a xerar.A pesar de que non renunciou á indemnización de 1,2 millóns de euros que lle corresponden pola súa fracasada relación contractual con Bankia, terá que asumir as espesas sombras que proxecta a súa traxectoria como xestor público.Aínda que Luis de Guindos non queira mirar para atrás, o pasado non desaparece.
Xesús Veiga