Un novo galeguismo agroma

Estamos nun momento político histórico na nosa terra, no que agroma das conciencias da xente comprometida con ela, unha refundación de todo o que significa o movemento galeguista, ilusionante e esperanzadora, mais tamén coas lóxicas dificultades de todo nasciturus.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 02/06/2012

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
Como se dunha novela de Scott Fitzgerald se tratase, esta reformulación galeguista, ten os compoñentes románticos suficientes como para desvirtuar o que é un movemento político de grande calado, e convertelo nun fracaso xeracional máis, se os protagonistas da obra non teñen a suficiente xenerosidade e altura de miras. Este novo tempo ábrese a aqueles coa suficiente capacidade, para darse conta que a prioridade é a defensa da nosa identidade como pobo, a posta en valor da nosa cultura, e o convencemento da necesidade dunha sociedade cuxos piares se asenten na defensa dos sectores públicos.
 
O pragmatismo necesario dende a necesidade dunha racionalizada transversalidade, é a clave para soster un edificio no que sobre o plano os “compradores” desexan depositar as súas esperanzas de futuro político vital, mais algúns “xefes de obra” non rematan de cumprir os prazos de execución, co subseguinte risco de ser penalizados por unha “propiedade” á que poderíamos chamar perfectamente “elector”. Un novo proxecto pode considerarse común, cando os acordos de mínimos son posibles pola disposición decidida a acordalos, mais deixa de ser ´”común”, cando unha potencial parte dun todo pecha os ollos ante unha realidade teimuda que di que so dende o compromiso e a humildade, pódese ofrecer a túa terra un proxecto político á altura das súas necesidades.
 
Exemplos hai a moreas de deturpacións do concepto de galeguismo, e de exéxetas do narcisismo. Fuxir de modelos evidentemente fracasados, debe ser o vieiro polo que camiñe un proxecto contra o que algúns aprovisiónanse xa de pedras de esencia interesada, e de paus de madeira subvencionada.
 
Dende a modestia dun columnista, que pensa que na reformulación galeguista non todo vale, reivindico que asumamos o espírito do vello partido galeguista dos anos 30, no que a ninguén que se considere galeguista, poida molestarlle que o asocien co termo nacionalista, xa que todos partimos da premisa básica que está na nosa esencia, de que galeguismo é algo máis que a defensa da nosa lingua nai, para pasar a ser militantes incondicionais do compromiso cunha terra, á que moitos sentimos como a nosa nación.
 
Ou non?.

Rafael Cuiña



Rafael Cuiña Aparicio

Cursou estudos de dereito, e na actualidade é empresario en Lalín. Membro de varios foros de pensamento galeguista, como Prolingua, foro Peinador e IGEA, do que é directivo. Articulista en diferentes medios do país.