Por Xesús Veiga | Compostela | 19/06/2012
Cando di que non vai entrar en debates nominalistas hai que pensar nos autores –perfectamente identificados e localizados no aparello administrativo e mediático vinculado á presidencia do goberno- da cruzada verbal contra os termos “rescate” e “intervención”.Cando afirma que os xuros devengados pola operación dos 100.000 millóns de euros non computan no déficit hai que acreditar nas palabras pronunciadas por Luis de Guindos unhas horas antes recoñecendo exactamente o contrario.Cando presume de que foi el quen presionou aos dirixentes da UE hai que concluír que Barroso, neste caso, ten razón cando deixa constancia do seu labor persuasorio para que Rajoy aceitara pedir o rescate do sistema financeiro español.
Algúns dirán que o importante é o fondo da cuestión e que as formas son menos relevantes.Non comparto semellante argumento.A partir do estoupido de Bankia, a solicitude dunha axuda financeira desta envergadura resultaba previsíbel debido á preocupante evolución seguida pola economía española.As reiteradas negativas proclamadas polos voceiros gobernamentais –incluído o propio Rajoy- carecían da credibilidade que se esixía nos circuítos internacionais.A petición de rescate formalizada o pasado sábado era a certificación oficial do desastre que se foi cebando naqueles anos de viño e rosas da orxía inmobiliaria.Era, ao cabo, o recoñecemento do fracaso dun modelo.
Xesús Veiga
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting