Sociedade dependente

Esta semana que vai rematando, un tivo a impresión de ver dende a tribuna do Congreso dos Deputados, ao actual Presidente do Goberno tocando as trompetas da apocalipse, anunciando a finalización dun xeito de entender a nosa sociedade.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 16/07/2012

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

Sen dúbida as medidas adoptadas baixo a responsabilidade política do pontevedrés, marcan un antes e un despois para unha inmensa parte da cidadanía, do limiar da dor social soportable. Medidas que atacan todo aquilo que os populares defendían con vehemencia irresponsable durante a pasada campaña electoral, e que unha vez topados de golpe coa realidade, e iniciado o baile, comezan a caerse as máscaras.

 
A subida dun imposto como o IVE é sen dúbida regresiva, e atenta directamente contra o consumo e a xustiza social; a eliminación do 30% dos concelleiros a nivel do Estado é inútil, populista e demagóxica no seu potencial resultado; os recortes á dependencia son insolidarios e socialmente perniciosos, e a perda de soberanía económica de aquilo que algúns seguen a chamar España, unha evidencia.
 
O ministro de Facenda, Cristobal Montoro, tivo a pouca vergoña política de indicar a necesidade do incremento do IVE con argumentos como o diferencial porcentual do seu pago con respecto a outros países do entorno europeo. Iso si, o responsable-irresponsable da nosa facenda pública tivo o “pequeno descoido” de esquecer citar o noso nivel de salarios. Claro que non se falou da posibilidade de aumento do IVE exponencial aos produtos do mercado do luxo, que sigue a medrar ao mesmo tempo que o fai a miseria, ou da posibilidade dun imposto solidario ás grandes fortunas, na liña do que fixo nos Estados Unidos o propio Warren Buffett. Medidas como as achegadas por Duran i Lleida nas que fala dunha reformulación do Estado quedando so con autogoberno as históricas Galicia, Euskadi e Catalunya, son máis que acaídas nestes tempos, ou a desaparición dun Senado, que neses parámetros reformadores non tería sentido co conseguinte aforro.
Mentres aquí continuamos a reforzar o papel dunhas caciquís deputacións de 22.000 millóns de custe para o erario público, cunha altísima porcentaxe dedicada ao capítulo I, o de persoal.
Así pois, esta sociedade adormecida empeza a espertar nunha realidade non asumida, que afirma que as irresponsabilidades do pasado as pagan quen non o merece, e que os irresponsables do presente simplemente non dan a talla. Galicia ten que reaccionar, e xa é ben sabido que as borrascas sempre entraron polo noroeste.
 
Ou non?

Rafael Cuiña



Rafael Cuiña Aparicio

Cursou estudos de dereito, e na actualidade é empresario en Lalín. Membro de varios foros de pensamento galeguista, como Prolingua, foro Peinador e IGEA, do que é directivo. Articulista en diferentes medios do país.