Unidade ante o 25 de Xullo

Neste verán galaico no que os o tempo climatolóxico é máis cambiante que as decisións do goberno central, Galicia ten no horizonte próximo a celebración dun día da patria, no que moitos senten a necesidade de reivindicar que esta terra ten futuro a pesar da acción de moitos dos seus fillos.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 23/07/2012

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

 

En Compostela as distintas sensibilidades galeguistas porán en escena unha representación de actos do día da patria cunha virtual división absurda, ao ser moitísimo máis en esencia o que as achega do que as pode separar. Un exercicio de xenerosidade conseguiría visualizar unha unidade desexable, por riba de personalismos absurdos cando o obxectivo é común. A imaxe de división so pode axudar a que os inimigos políticos e sociais de todos aqueles que queremos para esta terra o máximo nivel de autogoberno, teñan unha ferramenta máis para tapar a súa manifesta incapacidade. O conceder á actual “brigada de demolición masiva” que nos goberna, argumentos como os da división entre xentes que comparten unha esencia mesma, é unha achega que os bos e xenerosos deben saber que é una irresponsabilidade e unha pésima inversión para o futuro desta terra.
 
Alí estaremos moitos nese centro da galeguidade universal que é Bonaval, para dicir claro ao mundo que Galicia é unha nación, que queremos á nosa lingua nai e a nosa cultura como signos dunha identidade que os miserables pretenden negarnos, e ante o que nos rebelamos. Somos unha xeración de xente comprometida que sabe que máis autogoberno é maior posibilidade de aumentar os nosos potenciais e sectores estratéxicos para saír desta crise, e que non estamos dispostos a que a terra que nos viu nacer sexa o experimento sociolóxico de aguante da dor, que pretenden os mesmos que por periféricos nos consideran marxinais.
 
Dende esta modesta columna pedirlle a todos aqueles que teñan claro que dende a trincheira do 13% nunca se poderá gobernar esta terra, e que saiban que o inimigo común é o mesmo que día a día toma medidas que non fan máis que acentuar a miseria económica e a amoralidade ética, unidade e xenerosidade, porque do egoísmo so poderemos laiarnos nun futuro non moi afastado no tempo, no que algúns polas malas decisións tomadas, non poderán mirar aos ollos aos seus propios fillos.
 
Ese debería ser o noso compromiso por Galicia
 
Ou non?

Rafael Cuiña



Rafael Cuiña Aparicio

Cursou estudos de dereito, e na actualidade é empresario en Lalín. Membro de varios foros de pensamento galeguista, como Prolingua, foro Peinador e IGEA, do que é directivo. Articulista en diferentes medios do país.