Beiras e a rebelión social

O Estado español e a súa economía nunca antes tiñan estado tan preto de ser Grecia ou parecerse. Este último país foinos mostrando o camiño que a partir de agora nos fará percorrer o goberno de Mariano Rajoy, coa vantaxe de que xa sabemos como pode ser o inferno tan temido.

Por Lois Pérez Leira | Vigo | 01/08/2012

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

 

As receitas para a Europa mediterránea están lonxe de ser sas, como a nosa dieta, se trata de desocupación e "fame" para os traballadores.
 
O prestixioso economista grego Costas Lapavitsas, profesor da Universidade de Londres e asesor de Syriza, partido grego de esquerda, sinalou nestes días que en Grecia o PBI podería caer entre un 7 e un 9 por cento este ano, e en 2013, un 10 por cento. A débeda pública, que representa o 160 por cento do Produto, a pesar dun violento axuste fiscal, chegará ao 170 por cento o ano que vén. Grecia, entón, entraría en default nun período que vai dos próximos seis a doce meses, e posteriormente abandonará a Zona Euro, logo de pasar, en só cinco anos, de ser un país de ingresos medios a un en vías de desenvolvemento. A súa saída fará que a moeda rexional corra perigo de desaparecer.
 
Para moitos analistas isto mesmo sucederá no Estado español, coa variante de que a crise española acelerase a explosión económica da zona euro.
 
As recentes mobilizacións convocadas polos sindicatos, movementos sociais e políticos demostran que existe unha sociedade que non está disposta a perder os seus dereitos e entende que a única saída, é derrotar na rúas ao neofranquismo.
 
Como diría o líder revolucionario ruso Vladímir llich Uliánov, coñecido como Lenin "a historia avanza en días o que antes se tardaba en anos ou séculos".
 
E isto é o que sucederá en Galicia e en España, os acontecementos económicos determinarán novos panoramas políticos nunca antes pensados.
 
Esta situación terá unha rápida repercusión nas próximas eleccións en Galicia onde Núñez Feijoo será o primeiro gran chibo expiatorio desta crise.
 
En Galicia, nunca como hoxe, estanse a crear as condicións obxectivas e subxectivas para unha contundente derrota electoral da dereita. Esta situación de descontento co partido gobernante e cos partidos do sistema, pode xerar a aparición emerxente dunha figura como a Xosé Manuel Beiras, onde a súa nova organización política e o seu carisma persoal sintonizan perfectamente coa indignación colectiva e as necesidades de cambio.
 
A rebelión social e electoral que propón Beiras, dende unha organización movimentista, pode en pouco tempo instalarse como a alternativa a Núñez Feijoo. Ten como antecedente ter saído segundo nunhas eleccións autonómicas onde se enfrontaba a nada máis nin nada menos que a Manuel Fraga. Mentres Abel Caballero nesas eleccións facía ao ridículo da súa vida e aínda con algunhas ganas de repetir a mesma historia.
 
As primeiras enquisas aínda non publicitadas indican que a popularidade e estilo político de Beiras pode ser un revulsivo electoral para unha sociedade que necesita dun proxecto ilusionador dun candidato que fale as cousas como son e en voz ben alta.

Lois Pérez Leira



Lois Pérez Leira

Naceu en Vigo en 1953, emigrando á Arxentina cos seus pais sendo aínda un neno. En 1990 retorno definitivamente a Galicia, especializándose en temas migratorios. Durante estes últimos anos escribiu numerosos libros sobre a emigración galega e impartiu distintas conferencias en distintos países do mundo. Nos últimos anos se dedicou ao documentalismo sendo director de 18 documentais. Na actualidade é o secretario xeral de Nova Esquerda Socialista, organización que participa do Novo Proyecto Común. Foi distinguido en numerososa oportunidades, sendo nomeado cidadán ilustre da cidade de Salvador de Bahia.