Necesitaban unha coartada para xustificar a mudanza das normas nos minutos finais da lexislatura.Decidiron non buscar explicacións requintadas e recolleron unha das expresións da fartura que presentan partes importantes do corpo social coa grande maioría da elite política, construíndo o argumento que consideraban mais acaído para o seu obxectivo:hai que diminuír o número de representantes electos para aforrar algúns millóns de euros no conxunto da lexislatura.Podían incorporar outras demandas críticas formuladas nestes meses dende a opinión pública (por exemplo, aquelas que solicitan mais representatividade nas institucións políticas e un maior achegamento entre parlamentarios e votantes) ou adoptar procedementos alternativos para reducir o gasto asociado ao exercicio da función política:desmantelar as deputacións provinciais, eliminar o Senado ou reducir a retribución dos membros do Parlamento nunha contía semellante á que se pretende pola vía que propoñen.Ningunha desas opcións semellan merecer a súa atención no plano argumental:todo o que non sexa reducir o número de escanos a 61 na Cámara do Hórreo –mantendo, iso si, o mínimo provincial e os requisitos para o reparto entre as candidaturas- non conta coa patente de austeridade que manexan, seica en exclusiva, os actuais inquilinos de San Caetano.
Postos a modificar a lei electoral galega para reducir gastos e mellorar a representatividade, sería lóxico engadir outras cuestións de relevancia indiscutíbel.Por exemplo:establecer un número mínimo de escanos por circunscrición más reducido –por exemplo, cinco- ou ben eliminar tal requisito.Ou tamén:rebaixar do 5% ao 3% a porcentaxe de votos provincial esixida para ter acceso á Cámara.E por suposto, suprimir a subvención ao mailing electoral e diminuír o gasto das campañas mediante unha utilización obrigatoria dos debates nos medios públicos de comunicación.
En calquera caso é necesario un discurso diferente a respeito do propio funcionamento do sistema democrático.Se queremos unha democracia de calidade debemos saber que non é gratuíta.Ten un custe económico que, sen dúbida, debe ser permanentemente revisado para garantir o uso eficiente dos recursos públicos.Pero unha cousa é salvagardar as obrigadas boas prácticas na xestión das institucións e outra moi distinta é desmantelar unha parte do edificio para buscar a imaxe de gobernante austero que logo non se acredita cando se trata de facer fronte ás inercias clientelares que habitan noutras instancias perfectamente prescindíbeis.
Xesús Veiga