En realidade, habería que pensar, neste caso, na verosimilitude daquela vella máxima -“dime de qué presumes, direiche de qué careces”- para ilustrar o comportamento do presidente do goberno galego.Quería realmente adiantar os comicios?Se facemos caso das súas reiteradas declaracións favorábeis ao cumprimento íntegro da lexislatura e,sobre todo, a insistencia na importancia de reformar a lei electoral para reducir o número de membros da Cámara do Hórreo e dar satisfacción ao presunto clamor popular que esixía tal modificación, a decisión tomada por Feijoo resulta absolutamente incongruente.
Se atendemos aos argumentos exhibidos na comparecencia de San Caetano, as conclusións non son diferentes.Falar de que a convocatoria anticipada facilita a elaboración solvente dos orzamentos para o ano 2013 agacha a circunstancia relevante de que só será posíbel a aprobación dos mesmos ao remate do vindeiro mes de Marzo –esixindo, por tanto a prórroga dos actuais durante tres meses- e suscita unha pregunta básica que non ten resposta:se iso era tan decisivo, por qué non convocou eleccións para o pasado mes de Xuño?Por outra banda, apelar ao aforro que se consigue pola coincidencia coa cita vasca supón ignorar que as economías de escala non funcionan nos gastos da loxística esixida por esta modalidade de comicios e só cabería falar dalgunha redución nas actividades de precampaña dos partidos de ámbito estatal.Os orzamentos públicos do Pais Vasco e de Galiza deberán asumir un volume de gastos semellante con independencia das datas asignadas en cada caso.
A opción polo 21 de Outubro revela o cálculo realizado por Alberto Núñez:entende que agora pode recibir un maior rédito electoral por mor das deficiencias que presentan as forzas da oposición fronte ás posíbeis vantaxes derivadas da aplicación no mes de Marzo da enunciada reforma das regras de xogo.Ademais, o comezo da primavera ofrece un nivel de incertidume superior ao que xa se rexistra hoxe na ofensiva de recortes practicados no sistema de benestar.
Vistos dende a Moncloa, a coincidencia dos comicios evita unha perigosa dosificación do desgaste do PP nas urnas.A bebida amarga mellor tomala toda xunta.E non será Feijoo, precisamente, quen reivindique a pertinencia dun espazo electoral propio para Galiza, evitando solapamentos que erosionan aspectos simbólicos que deberían ser salvagardados.
Agora é tempo de balances do acontecido dende Abril do 2009.Tamén é o momento para avaliar a credibilidade das propostas que van ser formuladas nos vindeiros días.
Xesús Veiga