Elitismo cualitativo

O nivel de demagoxia de algúns representantes públicos, está alcanzando cotas preocupantes pola súa irresponsabilidade social.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 08/09/2012

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
A “multi asalariada” Presidenta da Comunidade de Castela-A Mancha, Dolores de Cospedal, nun arrebato ideolóxico moi definitorio, propón a redución dos deputados das súas Cortes á metade, e eliminar o soldo dos deputados. A medida non deixa de ser unha demostración das presións dos poderes fácticos para a aniquilación do chamado “Estado das Autonomías”, no que non so non cren, senón que están dispostos a rematar con el por vías de dubidoso espírito democrático. O problema vén neste caso acentuado, pola pretensión de eliminar os soldos dos xa  reducidos cuantitativamente representantes públicos nas súas Cortes. Unha medida tan demagóxica como populista, so pode ter como lamentable resultado o acceso á representación pública de determinadas elites económicas, e a deturpación da democracia ao non poder facelo outros estratos sociais probablemente máis incómodos para a Presidenta manchega.
 
No fondo da cuestión non hai máis que un basto intento de rematar coas arelas de autogoberno, dun modelo autonómico, probablemente desmesurado. O certo é que xa nesta columna teño deixado claro que é lóxica unha recentralización de comunidades autónomas que non teñen obxectivamente razón de ser, mais este primeiro paso ten sen dúbida como obxectivo final  limitar as posibilidade de autogoberno das chamadas “comunidades históricas” que tanto molestan á centralidade dogmática de mentes obtusas.
 
A presidenta de Castela-A Mancha, é ademais a “número dous” do Partido Popular  na súa condición de secretaria xeral, é por tanto sucesora dese agora neo autonomista chamado Álvarez Cascos, mais coñecido nos ámbitos dos populares no seu tempo como “general secretario”. Ela representa tamén aos seus militantes de Galicia, Euskadi e Catalunya, e debe ser consciente que este tipo de medidas de claro corte ideolóxico, tensionan sen dúbida a unha parte da súa militancia. Se a clave é seguir políticas demagóxicas para ocultar escuros perigos de carácter ideolóxico, o Partido Popular, e por defecto a nosa sociedade, ten unha evidente eiva potencial. E se de dirixentes que hai catro meses aumentaron en catro o número de cadeiras nas súas Cortes, -para agora pretender unha medida radicalmente oposta-, temos que fiarnos, a un non lle estraña que socioloxicamente a caste política sexa cada día un problema maior, para unha cidadanía con xa escasa capacidade de comprensión para situacións hilarantes que provocan mediocres elixidos a dedo por elites agochadas.
 
Ou non?

Rafael Cuiña