O líder da Alternativa Galega de Esquerdas obtén unha cualificación de 3,84. Isto significa que oito de cada dez galegos coñecen a quen levou o BNG ao seu teito electoral, cos 18 escanos conquistados nos comicios de 1997.
A outra conclusión é que a enquisa a parte de medir especialmente a Esquerda Unida, parte dun piso importante de votos, con tres deputados. Cando se realizou esta consulta telefónica ANOVA aínda non se instalara no "disco da memoria da cidadanía" nin tampouco se asinara o acordo electoral con EU. Esta porcentaxe de votantes Sondaxe atribúella aos votos que perden PSOE e BNG.
Aínda que o dato máis importante é que o 50% dos enquisados non saben a quen votar ou pensan en absterse.
A propia empresa que realizou a enquisa sinala: “A nutrida bolsa de electores que aínda non teñen decidido o sentido do seu voto retrata un escenario moi aberto ante as autonómicas de 21 de outubro. Este elemento de incerteza é unha das principais conclusións da enquisa realizada por Sondaxe".
Nesta gran bolsa de votantes críticos, de indignados, están os potenciais votantes da Alternativa Galega de Esquerdas. Neste inmenso sector electoral está o campo fertilizado para que estale o efecto bomba que auguraba Xosé Manuel Beiras.
A enquisa ao mesmo tempo instala como claros referentes da dereita e da esquerda Núñez Feijoo e Beiras. Isto é o que di a rúa e que o transcorrer da campaña conseguirá máis claro e contundente ante opinión pública. O que aínda non sabemos é como se traducirá posteriormente nos debates públicos de candidatos. ¿Animarase Feijoo a debater con Beiras na TVG? O resto de partidos políticos avalarán a exclusión de Beiras do debate, por temor a pasar o ridículo político?.
O que si está claro é que Xosé Manuel Beiras xa está no centro da política galega por capacidade propia e polo recoñecemento político que ten na sociedade.
Por outro lado o propio PP a través do seu xefe de campaña electoral decidiu que o propio Beiras sexa o adversario a combater. As últimas declaracións de Rueda sinalan:
“Votar á coalición electoral entre Esquerda Unida e Anova supón que os comunistas gobernen e que Xosé Manuel Beiras estea de vicepresidente da Xunta".
O PP quere regresar á época da guerra fría e comeza a axitar o cuco de Beiras e do comunismo. Pensa que pode asustar a algúns electores ancorados aínda no franquismo metal. Esta campaña deseñada que irá avanzando nas próximos días, lonxe de repercutir creando medo no electorado pode converterse nun efecto búmerang.
Os votantes están fartos dos partidos tradicionais e queren votar por opcións alternativas. Neste caso, ese 50% expectante de votantes pode facer estalar a bomba da indignación.
Lois Pérez Leira