I´m him

Falemos de identificacións, de referentes e de iconas culturais. Ás veces creo comprender os dobres de Hemingway. Supoño que hai que ser ben apaixonado para saír á rúa da Estafeta vestido de rigoroso branco e co pano vermello ao pescozo para observar os mozos caendo ao chan na súa carreira desesperada.

Por Mariña Pérez | Ames | 16/09/2012

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

 

O escritor americano, acariñando a barba branca e o seu moleskine, acabou por ser icona indiscutible da festa dos touros e da loita pola supervivencia. Non en van a súa primeira reportaxe importante fora nos Sanfermíns, iso marca. I´m him. Ese home que sofre tirado no chan entre os touros son eu. Hemingway procurou a identificación co medo na loita do home contra o animal. O rostro do valor humano, ou o da súa ousadía,  era o dese home tirado na curva da Estafeta. Agora, unha vez defunto o orixinal,  a identificación total é con el mesmo. Trasladouse a focalización e naceu o mito; o seu magnetismo persoal marcou a época. Todos os dobres e imitadores queren ser el. Xa son el porque en cada mirada que  lles botamos volve un pouco o Hemingway real. O mesmo que un día chegou á casa un pouco canso despois da sesión de electroshock e se pegou un tiro de escopeta. Tiña billetes para vir a España e, chámenlle casualidade, premeditación e aleivosía,  foi soterrado un 7 de xullo.  Viva San Fermín!
Por outra banda, confeso que en cada documental do 36 vexo a Lorca por todas partes.  Todos os rapaces novos se me parecen a el, todos son federicos impetuosos e creativos. Imítanlle no pelo e na boca, nos pómulos e no sorriso. Lorca tocando o piano, Lorca interpretando unha escena de teatro. A palabra de Lorca, os acenos do seu corpo. Pequenos lorcas subidos aos camións, lorcas cantando cancións da República, lorcas azuis cruzando polas rúas, lorcas caendo mortalmente feridos diante de Cappa.  E veñan lorcas e máis lorcas. Representa a identidade do home e do escritor no seu tempo.  É a imaxe e a icona da barbarie fratricida. Como Hemingway é aqueloutro home a punto de ser corneado no chan. O compromiso levado ao límite. Non son coma eles. Son eles.
 
Pero ese narrador-cronista-observador, de selo orixinal e inconfundible, non é marca do presente. Con que artistas se identificará o tempo convulso que vivimos? Cando un lector futuro investigue a crise de valores, a prima de risco ou a  nova Europa, carecerá dunha clara imaxe iconográfica asociada, un referente artístico. Falta un cronista real a pé de rúa. Todos virtuais. Todos  agochados detrás do burladeiro, coma se lle tiveramos medo á curva da Estafeta ou ás cornadas diarias do BOE. Xa non existe identificación da voz coa paisaxe real, ou é tanta que se crea unha sorte de buraco negro que todo o absorbe e destrúe. Calquera é relator e testemuña nun presente caótico e virtual. Os pequenos hemingways e lorcas están diante do teclado, esoutro hastado. Escriben tuits desde o anonimato e desaparecen na vulgaridade diaria. Ninguén se luxa co sangue nin coa terra, en todo caso manchamos os dedos coa tinta. E tamén lles escriben ás oliveiras e a Nova York, e tamén falan dos vellos e do mar, e sortean a manda, caen ao chan e esquivan o animal.  Pero sen aquela autenticidade. Xa non son el. 

Mariña Pérez



Mariña Pérez Rei

Mariña Pérez Rei é unha escritora amiense afincada na cidade de Santiago de Compostela. Licenciada en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Galego-portuguesa, actualmente exerce como profesora de Lingua e Literatura Galega no Ensino Secundario. Entre a súa obra publicada destaca a poesía e a novela curta. Tamén colabora en xornais e revistas con artigos de opinión. No ano 2005 acada o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón polo libro Fanerógama e comeza a publicar. No 2006 obtén o Premio Manuel Lueiro Rei de novela por Canícula, editorial Sotelo Blanco. No 2009 publica o libro de poesía en edición limitada e artesanal: Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante, na editorial Bourel. Un ano despois publica o libro de poesía Paquidermo na editorial Bubela co que ingresa na corrente filosófico- poética do sentimental-ISMO, e nese mesmo ano obtén o premio de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos coa narración Costa necrópole. Escenarios para deslembrar, publicada na editorial Toxosoutos. No 2011 participa nas antoloxías de poesía sentimental-istas da editorial Bubela e colabora co grupo musical Loaira.