Do Feijóo 09 ao Feijóo 0,0

Na sala de máquinas que pilota Alfonso Rueda xa teñen deseñado o guión da confrontación argumental para o 21 de Outubro.O PP vai disparar o arsenal mediático sobre dous obxectivos principais:descualificar a alternativa gobernamental que puideran construír as forzas da oposición e capitalizar as marxes de confianza que destilan os inquéritos existentes a respeito da propia figura do actual presidente do executivo galego.

Por Xesús Veiga | Compostela | 20/09/2012

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

 

No grupo dirixente do PPdG son conscientes das debilidades que deben neutralizar nas vindeiras semanas:a carencia de resultados substantivos na xestión realizada dende San Caetano e a grave hipoteca que supón a presenza do “goberno amigo” de Rajoy por mor das políticas destrutivas practicadas no sistema de benestar conquistado nas últimas décadas.
 
Alberto Núñez Feijoo gusta de presumir das cifras do déficit público da Facenda galega mediante unha reiterada comparación coas que se constatan noutros territorios do Estado.Poren, o pretendido mérito de ter un ollo aberto cando case todos os demais fican cegos, está construído sobre tres circunstancias que non se queren recoñecer:as prácticas contábeis pouco ortodoxas (pechar a execución orzamentaria o 30 de Setembro) para agachar os pagos pendentes; o espectacular medre da taxa de desemprego rexistrado nesta lexislatura e a suba moi notábel experimentada no nivel de endebedamento (case tres veces mais que o acumulado no ano 2009).Igual que o algodón, as cifras macroeconómicas non enganan e certifican a evidencia da perda no nivel de riqueza e benestar que padeceu a maioría da poboación galega nos últimos tres anos e medio.A menos que se profese un fetichismo patolóxico co nivel de déficit, o balance en termos sociais non permite xustificar as medallas que lle queren colocar ao goberno Feijoo os seus poderosos valedores mediáticos.
 
Se o futuro está cheo de buratos negros, o futuro non permite representar a cerimonia clásica das promesas electorais.O programa de Alberto Núñez para os vindeiros anos xa está escrito nos despachos da Moncloa e nos memorandos que podan acordar na “troika”.Aínda que Rajoy non estivera de corpo presente na proclamación formal do candidato á Xunta, ambos saben que están metidos no mesmo barco e sometidos a unha estrita xerarquía na toma de decisións.A petición do candidato para que se lle xulgue á marxe do seu “primo de Zumosol” non deixa de ser unha conmovedora expresión de impotencia ante a evidente equiparación creada na opinión pública por tantas campañas de interesada identificación promovidas nos tempos do “malvado” Zapatero.
 
Os estrategas do PP están dedicando moito tempo a botar sal nas feridas que presentan os grupos da oposición:a división interna do PSdG e a debilidade do seu candidato; o desgaste padecido polo BNG despois da súa Asemblea de Amio e a presenza –tamén acompañada de polémica e de confrontación- de novas siglas electorais no espazo da esquerda e do nacionalismo.Neste apartado xoga un papel destacado a caricatura que se fai do bipartito xurdido no ano 2005, debuxado como un exemplo paradigmático de malgasto e ineficacia cando, precisamente, todos os indicadores económicos e de benestar daqueles anos superan amplamente os rexistrados na recente lexislatura.Neste combate verbal, PSdG e BNG sofren os efectos negativos do silencio que mantiveron nos últimos anos a respeito da súa experiencia de goberno compartido.E por iso, a pesar das indiscutíbeis aportacións positivas daquel executivo dirixido por Touriño e Quintana, o PP e as principais terminais mediáticas da dereita conseguiron instalar unha imaxe negativa que agora dificulta a consolidación da expectativa de cambio que reivindican as forzas que protagonizaron aquela histórica coalición.

Xesús Veiga



Xesús Veiga Buxán

Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.