Por Xesús Veiga | Santiago de Compostela | 04/02/2020
Nas vindeiras semanas, Alberto Núñez Feijóo terá que adoptar dúas decisións que poden provocar impactos relevantes na conxuntura política galega. A primeira atinxe á propia presentación da súa candidatura aos comicios á Cámara lexislativa do Hórreo. A segunda fai referencia á fixación da data na que se celebrará semellante cita electoral.
Aínda que oficialmente non se efectuou a proclamación, dáse por feito que o actual presidente da Xunta recuncará como candidato polo PPdG. Certamente, tal previsión ten elevadas probabilidades de ocorrencia. Porén, a demora na formalización da súa futura presenza nas urnas suscita algunhas dúbidas por canto non semella verosímil que a causa explicativa desta xestión dos tempos preelectorais radique na suposta obtención dos máximos rendementos publicitarios asociados a esa práctica. A estas alturas, a capacidade de sorpresa que pode suscitar Feijóo entre os seus adversarios políticos ou sobre a propia opinión pública resulta insignificante.
Alberto Núñez enfrontase a un dilema complicado: se decide non concorrer, elimina os riscos dunha derrota persoal a cambio de colocar ao seu partido en inferioridade de condicións para competir pola vitoria. Se opta pola presentación asume a posibilidade -mais real que nas anteriores ocasións- da saída da vida política pola porta dos derrotados. Despois de conseguir -contra unha parte significativa dos prognósticos- a maioría absoluta dos 38 escanos no 2009 e ampliar a cifra ate 41 no 2012 e no 2016, non é doado asumir as evidentes dificultades asociadas á repetición de semellantes rexistros numéricos. Con semellante traxectoria, é lóxico que aparezan as dúbidas e os cálculos. Moitos mais cando a marca PP non atravesa, precisamente, o mellor momento reputacional no mercado electoral.
A incógnita sobre a data das eleccións ten, nesta ocasión, unha dimensión novidosa. É sabido que a persoa que dispón desta prerrogativa busca, sempre, o momento mais favorábel para o seu partido. O actual presidente da Xunta ten, enriba da mesa, unha carta que antes non tiña: a posibilidade de promover a coincidencia cos anunciados comicios ao Parlament de Catalunya. Que vantaxes podería acadar con esa operación? Por unha banda establecer a contraposición entre a “estabilidade” da política galega que el representaría e a “incertidume” da dinámica catalana e, ao mesmo tempo, estimular unha analoxía entre as forzas galegas potencialmente conformadoras dunha alternativa gobernamental ao PPdG e as organizacións que, no ámbito catalán, se moven no universo da esquerda e do nacionalismo.
A transcendencia destas dúas decisións non é, obviamente, equiparábel. Unha eventual renuncia de Feijóo como candidato decantaría o prognóstico do resultado final en favor das forzas da actual oposición no Hórreo. O calendario electoral pode complementar os efectos doutros factores pero non é, por si mesmo, decisivo.
Xesús Veiga
O presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, na reunión Interparlamentaria do partido. PPDEG
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting