Catarse electoral

Dende que era moi neno, levo observando como unha tras outra, pasan as citas electorais polo noso país, dende a ilusión de finais dos anos oitenta, pasando pola normalidade dos anos noventa, até chegar á total desafección de hoxe en día por discursos baleiros de contido, e proclamas calculadas para adormecer ás masas.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 23/09/2012

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

 

Os cidadáns probablemente estean fartos da burbulla revestida de inacción, na que viven os nosos gobernantes. As mentiras reiteradamente incumpridas nos programas electorais, engadido a un sistema que favorece a maiorías que aplican morfina emocional á súa militancia, fan que esta democracia imperfecta na que vivimos, pase por unha necesaria reordenación conceptual. Estamos vendo estes días a candidatos que ridiculizan o idioma galego, mentres son aplaudidos por pseudo elites autoproclamadas, outros que insultan á intelixencia do pobo deixando caer pouco menos que a posible nacionalización dos medios de produción dende a Xunta de Galicia, ou como non, a outros adaís dun crecemento económico que so ten como resultado até este momento, máis paro e un medre exponencial de empresas pechadas e futuros incertos.
 
Nestes momentos de fastío lóxico coa caste política, algúns pensamos na necesidade dunha nova xeración que faga algo tan sinxelo como contar a verdade. Semella que no imaxinario colectivo existe unha certa condescendencia cos incumprimentos deses “contratos coa sociedade” que son os programas electorais, e iso é un signo evidente de rendición ante os poderosos, fronte a necesaria rebeldía ante os necios. Sería lóxico por exemplo a dimisión en bloque dun goberno galego do partido que sexa, se oculta á sociedade unha rebaixa das pensións dos nosos maiores, como semella ameazar a “troika” que goberna en Europa á marxe da democracia das urnas, ou mesmo novas rebaixas de salarios aos funcionarios, como se eles fosen sempre a “liña maginot” da incompetencia de gobernantes incapacitados.
 
O recurso máis doado para os que fagocitan esperanzas de futuro, é estrangular ás clases medias e baixas, mentres as privilexiadas incrementan as diferenzas cos habitantes da miseria. Os exemplos de pobos irmáns como o portugués, ou de outros berces da democracia como o heleno, deben ser reflexo exacto dunha verdade que afirma incontestable, que so con recortes non se sae da crise. Iso si, podemos seguir dicindo que esa é a formula, mais so nos queda agardar que a revolución pacífica poña no seu sitio aos que no pecado teñen que chegar a levar a súa penitencia.
 
Ou non?

Rafael Cuiña



Rafael Cuiña Aparicio

Cursou estudos de dereito, e na actualidade é empresario en Lalín. Membro de varios foros de pensamento galeguista, como Prolingua, foro Peinador e IGEA, do que é directivo. Articulista en diferentes medios do país.