En realidade, o balance que podía presentar neste eido estaba inzado de comportamentos pouco congruentes con esa excelencia autoproclamada en materia de ética política.O alcalde Boqueixón deixou de selo pero non abandonou a Corporación municipal.Os alcaldes de Fisterra e Mazaricos non dimitiron no seu momento a pesar de estar imputados por distintos delitos no exercicio dos seus cargos.O delegado territorial da Xunta en Ourense –Rogelio Martínez- mantivo o seu posto despois de que a Audiencia Provincial reabrise un caso no que se lle acusa de falsidade en documento público.Moitas excepcións para poder confirmar a regra desa presunta superioridade moral dos dirixentes políticos do PPdG.
Pero é que, ademais, os últimos días desta incerta campaña electoral están deparando novos tests para medir a solvencia do candidato Feijoo.Primeiro foi a controversia suscitada cos barcos de Pemex por mor das declaracións de importantes directivos da empresa pública mexicana nas que descartaban o carácter definitivo dos acordos subscritos en Compostela.As dúbidas xeradas sobre a total veracidade das afirmacións do presidente da Xunta –e lembremos que unha media verdade pode ser a peor das mentiras- aínda non foron despexadas polo aparello mediático protector da figura presidencial debido á persistente opacidade na que se mantén o contido literal dos contratos realmente asinados.
A última, pero non a menos importante, peripecia coa que xulgar o talante ético dos actuais gobernantes radica no coñecemento dun informe do Consello de Contas no que se constata o irregular desprazamento contábel de mais de 400 millóns de euros correspondentes ao exercicio orzamentario do ano 2010 para imputalos no ano 2011.Mediante esta demostración práctica de “contabilidade creativa” conseguiuse evitar o incumprimento do nivel de déficit esixido no 2010.E qué pasou no ano seguinte?Á espera do que ditamine dentro duns meses o Consello na súa periódica fiscalización xa sabemos, dende hai semanas, que a execución orzamentaria do 2011 foi pechada o 30 de Setembro.Normal:se non fose así, a ruptura do compromiso de déficit sería notoria e os círculos virtuosos das finanzas da Xunta non se poderían cadrar.
O código ético de Feijoo está construído sobre medias verdades e xogos contábeis.Materiais de folla de lata pouco apropiados para unha treboada económica e social que esixe depositar a confianza naqueles dirixentes políticos que posúan un elevado nivel de coherencia cos principios que din defender.
Xesús Veiga