Rematou a contenda, e de novo un ten a sensación de que todo volve a unha anormalidade, inducida polos mesmos que foron votados polo pobo soberano. Agora os “media” semellan máis preocupados polas páxinas de sucesos, que polos problemas estruturais dunha sociedade enferma, e que agocha a cabeza para non ver as situacións dramáticas polas que están a pasar os que non causaron a crise. Unha caste política que volve as costas a aqueles que sofren desafiuzamentos por parte de entidades financeiras que son nacionalizadas e rescatadas cos impostos de todos nós. Non vin unha soa medida proposta por algunha formación política con posibilidades de gobernar, para facer fronte a esta inmoralidade permitida polos mesmos que seguramente son cómplices dunha banca á que deben probablemente demasiados cartos. Chegou o momento da rebeldía civil dunha sociedade que non pode seguir permitindo que os seus fillos menos favorecidos, sexan o caldo de cultivo de experimentos financeiros, feitos precisamente polos responsables da ruína social e moral na que nos atopamos.
Precisamente é agora cando o descrédito da política asoma con máis forza, e calan esas batalliñas miserentas sobre PEMEX, ou sobre a traxedia do sector lácteo galego, ou sobre o drama diario da destrución de postos de traballo e industrias desaparecendo ante a ausencia de carga de traballo… agora xa non é necesario pedir o voto, ou entrar nos mercados de abastos sementados pola nosa terra a facer fotos que rapidamente pasan a ser de arquivo. Agora é o tempo dos que se sentan nas cadeiras de San Caetano para mirar cara o infinito e non mollarse na responsabilidade primeira dun político que non é outra que defender os problemas da xente. Mais non nos enganemos, ten un alto grado de responsabilidade nesta situación, aqueles que lexitimamente quedaron na casa e non quixeron que a democracia mudara esta realidade.
Os políticos son elixidos nas urnas, mais non son próceres con “carta branca para rexer os nosos destinos, porque para ver case a diario traxedias de persoas desesperadas suicidándose por perder a súa vivenda, eu prefiro poñer unha película de Kurosawa.
Ou non?
Rafael Cuiña