O muro da vergoña que levantaron contra un aspecto esencial da nosa identidade como pobo, como é a nosa lingua, pasa a ser muro das lamentacións dos necios ante o ditame da xustiza. A sentenza do tribunal acusa ademais á Administración de “abdicar nas súas tarefas e permitir a lingua castelá en materias impartidas en galego” indo claramente contra o espírito da Lei de Normalización Lingüística, é dicir, a xustiza fala claro e afirma de xeito rotundo, a indefensión á que se somete á lingua galega por parte de institucións pagadas cos impostos dos habitantes dunha terra con lingua e cultura claramente diferenciadas das do resto do estado español. Nunca entenderei a esa parte da sociedade que proxecta polos poros complexos de inferioridade por ter un riqueza incalculable como é un idioma propio. Os mesmos que pretenden impoñer o castelán en Galicia como predominante, son os mesmos que sen vacilacións acusan aos demais de intentar impoñer o galego. Temos falados en reiteradas ocasións como non é entendible que se fale en termos despectivos da promoción dunha lingua que sendo cooficial como o galego, parte dunha evidente posición de inferioridade, ante o bombardeo sistemático dunha lingua de Castela, tan necesaria como utilizada a xeito de arma arreboladiza contra os intereses identitarios do pobo galego.
O tribunal é claro cando engade que “os nenos teñen dereito a recibir a súa ensinanza na súa lingua materna, sen necesidade de intermediación ningunha dos pais”. Esa elección que a Administración pretendía delegar nos pais, non era máis que a abertura da caixa de Pandora cara un futuro escuro da nosa cultura. O peor de todo é que o que se aprecia na sentencia, é un tirón de orellas de facto a aqueles que daban as costas ás súas obrigas, con tal de impoñer nada máis e nada menos que ideoloxía destrutora da esencia como tal do pobo galego.
Agora chegou o momento de recapacitar por parte dos poderes públicos, que unha vez desautorizados, non poden esconder a cabeza nun burato cultural no que no fondo pretendían meternos, e que sen dúbida as próximas xeracións nunca lles perdoarían.
Ou non?
Rafael Cuiña